O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación remitiu á Comisión Europea (CE) un plan de vacinación contra o virus da dermatose nodular contaxiosa ampliado a novas comarcas de Cataluña e Aragón tras a aparición de 18 focos en explotacións gandeiras da provincia de Xirona. A autorización da CE é unha condición imprescindible para aplicar a vacina contra esta nova enfermidade que afecta ao gabado bovino.
“Tras a aparición destes focos, os servizos veterinarios da Generalitat de Cataluña, en coordinación co ministerio, tomou todas as medidas necesarias nas zonas de restrición, incluído o inicio da vacinación”, destacan desde o Ministerio de Agricultura.
No Comité da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria de España (RASVE) celebrado este martes, o ministerio informou sobre a dispoñibilidade de vacinas, adquiridas mediante compra de emerxencia por un valor de 660.000 euros e que “permitirán implementar este plan de vacinación e dispoñer ao mesmo tempo dun stock de continxencia suficiente”.
Na reunión intercambiáronse impresións sobre as distintas normativas publicadas por algunhas comunidades autónomas sobre limitacións de movementos e concentracións de animais. Estas han de axustarse en todo momento á normativa europea e aplicarse de forma particular ao gando bovino, como única especie sensible a esta enfermidade.
Tendo en conta a situación epidemiolóxica da enfermidade, o comité RASVE lembra a necesidade de extremar as medidas de bioseguridade en todas as explotacións de gando vacún e no transporte de animais, incluídas aquelas relacionadas coa desinsectación.
Así mesmo, lembrou a obrigación por parte de gandeiros e veterinarios de comunicar aos servizos veterinarios oficiais de calquera sospeita de enfermidade. A súa detección precoz resulta moi importante crítica para reducir o seu impacto e a súa difusión.
Influenza avaria
O comité RASVE, no que están representadas todas as comunidades autónomas, reuniuse hoxe para intercambiar información e avaliar as medidas para facer fronte a enfermidades que no último mes afectan de maneira especial ao territorio español, en particular a dermatose nodular contaxiosa e a influenza aviaria.
Con respecto á influenza aviaria, todas as comunidades autónomas con focos activos en aves de curral están a finalizar as actuacións de erradicación, e non hai na actualidade novas sospeitas en granxas.
En avifauna silvestre a situación é diferente, cun incremento de casos e do nivel de risco, polo que algunhas comunidades autónomas están valorando a posibilidade de activar normativas para o confinamento de aves nos seus territorios.
A diminución das temperaturas prevista para os próximos días e os movementos migratorios de aves silvestres procedentes de norte e centro de Europa que teñen lugar anualmente nestas datas aumenta o risco da aparición de novos casos durante as próximas semanas. Desde o ministerio realízase un seguimento e avaliación continua do risco, coa posibilidade de activar o confinamento a nivel nacional.
Galego









Control OJD