O Ministerio de Agricultura acaba de solicitarlle á Comisión Europea que habilite medidas de financiamento alternativas, máis alá das axudas do Estado ou o uso da reserva de crise, para asegurar ós produtores o abastecemento necesario de fertilizantes a prezos razoables, sobre todo de cara ás sementeiras da primavera.
Durante o Consello de Ministros de Agricultura da UE, o ministro de Agricultura, Luis Planas, lembrou que os prezos dos fertilizantes mesmo chegaron a triplicarse como consecuencia, entre outros factores, da invasión rusa de Ucraína. Debido a estes altos prezos, na campaña de outono o consumo de abonos químicos reduciuse nun 30%, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, unha situación que tamén se produciu noutros países. Planas recordou que a aplicación de nutrientes por debaixo das necesidades do cultivo incide nunha menor produtividade e, polo tanto, nunha redución das colleitas; polo que pide buscar unha solución conxunta no ámbito europeo.
O ministro amosou o seu apoio á Comisión para que presente unha proposta para mobilizar a reserva de crise (450 millóns de euros para 2023). Planas sinalou que, “aínda que debe ser un instrumento de último recurso, ante situacións como a actual, é preciso facer uso de tódalas ferramentas dispoñibles”.
Revisión da norma de benestar animal
No Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea que se celebra dende o domingo en Bruxelas tamén se abordou a revisión da normativa comunitaria sobre benestar animal, ámbito no que España desempeña un papel moi proactivo. De feito, España publicou recentemente un real decreto que revisa o marco regulatorio do transporte de animais vivos e o Ministerio tramita unha nova normativa sobre os controis que deben realizar as autoridades competentes.
Planas amosou o seu apoio a esta revisión da norma sobre benestar animal a nivel europeo pero pediu que se siga un principio de proporcionalidade para que os custos non recaian nos produtores primarios. O ministro español reclamou tamén que os produtos importados de terceiros países cumpran coas mesmas esixencias de produción que os dos países membros, para evitar un efecto de deslocalización da produción.
A nova PAC
Outro dos asuntos que se trataron é o estado e os retos dos plans estratéxicos da PAC. España cumprirá o calendario previsto e a PAC comezará a aplicarse dende o 1 de xaneiro. Este xoves día 15 tramitarase a aprobación da lei da PAC no Congreso dos Deputados e nas próximas semanas publicaranse os decretos pendentes. A aprobación da nova PAC garantirá ós agricultores e gandeiros o cobro de máis de 7.400 millón de euros anuais.
Tamén se presentou un informe sobre o regulamento do uso sostible de produtos fitosanitarios, que se prevé ter rematado na segunda metade do 2023, así como do avance nas negociacións do regulamento de indicacións xeográficas, que se espera aprobar tamén o próximo ano.