“A sementeira directa é unha alternativa vantaxosa no millo forraxeiro, a pesar das opinións en contra”

Jesús A. Gil Ribes, presidente da Asociación de Agricultura de Conservación, achega claves sobre esta maneira de traballar a terra

“A sementeira directa é unha alternativa vantaxosa no millo forraxeiro, a pesar das opinións en contra”

Jesús A. Gil Ribes, presidente da Asociación de Agricultura de Conservación e catedrático de Enxeñaría Agroforestal.

A agricultura de conservación, cun mínimo laboreo, apórtalle vantaxes ó solo como a reducción da erosión. Tamén contribúe a manter máis carbono no chan, o que axuda a frear o cambio climático. Falamos co presidente da Asociación Española de Agricultura de Conservación (Aeacsv), Jesús Antonio Gil Ribes.

-Que técnicas propias da agricultura de conservación se foron incorporando á produción agrícola intensiva?
As técnicas principais que se foron incorporando son a sementeira directa nos cultivos herbáceos extensivos e o uso de cubertas, principalmente vexetais, nos cultivos leñosos.

-Que pode achegar a agricultura de conservación á produción agrícola fronte aos retos que se presentan ao sector hoxe en día?
Avalada por unha gran cantidade de estudos, a agricultura de conservación achega o seu gran de area para facer fronte aos retos, non só no ámbito ambiental, senón tamén no económico e social. É unha das prácticas agrarias máis eficaces para incrementar o secuestro do carbono atmosférico no chan e mitigar así o cambio climático. Unha superficie dunha hectárea baixo sementeira directa compensaría nun ano as emisións dun coche que fixese un percorrido por estrada de máis de 12.260 km.

“A agricultura de conservación é capaz de reducir até nun 90% as taxas de erosión”

Un dos retos máis importantes aos que se enfronta o sector en España é frear os intensos procesos erosivos que se dan en gran parte dos nosos chans. O noso país é, debido ao relevo e ás condicións climáticas, moi vulnerable aos procesos de erosión, con taxas medias de perda de chan de 3,5 toneladas por hectárea e ano. Neste sentido, a agricultura de conservación é capaz de reducir até nun 90% as taxas de erosión respecto da agricultura convencional, grazas á presenza dunha cuberta vexetal permanente sobre o chan e á supresión do laboreo.

-É rendible este tipo de prácticas ligadas á agricultura de conservación?
As técnicas de agricultura de conservación tamén teñen que dicir moito neste sentido. Grazas á supresión do laboreo e á redución do consumo de combustible e das horas de traballo, os custos das operacións redúcense ao redor dun 20%. Se a isto unimos que as producións se manteñen con respecto aos sistemas de manexo baseados no laboreo e mesmo se incrementa en anos secos, o beneficio para o agricultor increméntase.

“A supresión do laboreo e á redución do consumo de combustible permite aforrar ao redor dun 20%”

Pero, ademais, a agricultura de conservación pode achegar outros beneficios como o aumento da biodiversidade, a redución da contaminación nas augas, o secuestro de carbono e o aumento da materia orgánica no chan, entre outros moitos temas, para os que prácticas como a sementeira directa ou as cubertas vexetais en cultivos leñosos tamén ten respostas.

-E fronte á dispoñibilidade de auga para os cultivos, que pode facer este tipo de agricultura?
Os estudos realizados permítennos afirmar que, grazas á mellora da estrutura do chan e ao incremento da infiltración da auga no perfil edáfico, os cultivos baixo sementeira directa teñen unha maior dispoñibilidade de auga nos períodos críticos de crecemento. Hai estudos que constataron que os chans baixo prácticas de agricultura de conservación tiñan un contido de humidade maior que en chans labrados (un 3% superior), o que equivalía a uns 22mm de aforro de auga. Así, os cultivos baixo agricultura de conservación teñen unha maior resistencia ás secas, ao ter unha maior dispoñibilidade de auga que os chans labrados.

“A sementeira directa reduce o traballo e incrementa a fertilidade dos solos”

-Que vantaxes ofrece a sementeira directa para cultivos como o millo?
Ademais dos beneficios ambientais, como a redución de erosión do chan, incremento do secuestro de carbono, incremento da dispoñibilidade de auga no chan, cuestión moi a ter en conta no futuro, sobre todo nos escenarios que prognostican os modelos de cambio climático, existen outros beneficios relativos ao manexo do cultivo, sobre todo nas condicións que se dan en Galicia.

Por unha banda, o feito de non labrar supón unha redución das horas de traballo que o agricultor ten que dedicar ao manexo do cultivo, o que supón un maior tempo dispoñible para outras actividades.

Doutra banda, a presenza dunha cuberta vexetal sobre o chan implica unha achega de materia orgánica extra que favorece a fertilidade natural dos chans. Iso pode supor cambios na estratexia de fertilización do cultivo, que redunde nunha maior optimización de insumos, reducindo desta maneira os custos operacionais.

-No caso do millo, para lograr mellores resultados, é habitual que previo á sementeira se aplique un herbicida á pradeira, é axeitada esta práctica?
Nun sistema convencional para controlar a pradaría e preparar o leito de sementeira é necesario facer labores mecánicas sobre o chan, que rompen a súa estrutura e degradan en exceso a materia orgánica do chan. Para evitar o traballo mecánico do chan, é preciso usar outras ferramentas que nos axuden a controlar a vexetación arvense, e o emprego de herbicidas faise necesario nestes casos.

Maiz-siembra-directa-agricultura-conservacion-finca-Universidad-de-Cordoba

Millo cultivado mediante sementeira directa na Finca experimental da Universidade de Córdoba.

-Como é o procedemento de sementeira directa?
A metodoloxía de sementeira directa comeza na colleita do cultivo anterior, onde se han de picar e esparcir os restos, os restrollos, aínda que é compatible co seu empacado, de cara a manter o chan suficientemente protexido fronte á erosión. Con posterioridade, e antes da sementeira do seguinte cultivo, contrólase a flora adventicia con herbicidas de baixo perfil eco-toxicolóxico (de contacto e non residuais).

“O control das herbas faise con herbicidas, rotación de cultivos e cultivos de cuberta entre as plantacións”

A continuación, realízase a sementeira cunha sementadora directa, a cal está adaptada a traballar sobre os restos vexetais, sen necesidade de enterralos nin preparar o terreo. Téntase localizar o abonado na sementeira e adiantar o de coberteira. Despois disto, o manexo do cultivo é igual a un sementado convencionalmente, agás que se é necesario un laboreo entre liñas para controlar as malas herbas, este control realízase mediante herbicida.

-Nun clima atlántico como o de Galicia ou o da Cornixa Cantábrica, critícase que a sementeira directa non funciona debido á proliferación de herbas. Que respondería?
En sementeira directa, o control das malas herbas realízase mediante o uso de herbicidas, a rotación de cultivos e en zonas como Galicia, cunha alta pluviometría, coa utilización de cultivos cuberta entre cultivos principais.

-Outra das críticas que se lle fai a este método é que a auga non chega a filtrarse a través da pradaría nas épocas de máis calor, como se aborda isto?
Nun chan baixo agricultura de conservación, este tende a formar agregados que son máis estables canto máis tempo transcorra. A formación destes agregados mellora a estrutura, o que, unido á formación de canles producidas polas miñocas, os xerados pola degradación das raíces e a menor escorrentía leva unha mellora da infiltración da auga no chan.

-É preciso combinar os cultivos de sementeira directa con outros nos que se roture a terra, polo menos de forma moderada, para lograr unha osixenación da terra?
Non é necesario. A osixenación do chan é un fenómeno que se dá de maneira normal nos sistemas naturais. Nos sistemas artificiais debemos mover o chan debido a un deficiente manexo, o que provoca que se compacte. Si é importante usar pneumáticos de baixa presión e técnicas de tráfico controlado, que son fáciles de aplicar cos sistemas de guiado automático.

-Seguen sendo competitivas e rendibles as producións que apostan pola agricultura convencional? No caso do millo, existe a opinión xeneralizada de que este método leva a unha menor produtividade do cultivo, que opinión ten respecto diso?
Non temos datos do que pasa en Galicia respecto diso, en Andalucía a produción non se reduce e pódense aforrar case 1.000 metros cúbicos de auga de rega por hectárea.

-Outro dos procedementos fundamentais da agricultura de conservación son as cubertas vexetais, son aptas para todo tipo de cultivos? A cales se adapta mellor?
En principio son aptas para todos os cultivos leñosos. O que debemos é axustar o manexo da cuberta ao manexo do cultivo para que non interfiran nel. De feito, xa se aplican na cuarta parte da súa superficie en España.

-Nos últimos anos, no sector vitícola son moitos os produtores que reduciron o laboreo e optaron por deixar coberturas vexetais ás súas cepas. É a viticultura un dos sectores onde ten cabida a agricultura de conservación?
Por suposto. De feito, un dos cultivos leñosos principais baixo agricultura de conservación é o viñedo. As cubertas, ademais de reducir a erosión e a escorrentía, melloran o tránsito da maquinaria polas rúas e axudan ao manexo da auga no chan. As cubertas extraen auga do chan e en determinadas condicións, o seu manexo permítenos mellorar a calidade da colleita ao controlar a auga dispoñible para a vide. En principio, as cubertas son viables na maioría dos cultivos tanto herbáceos como leñosos.

“Moitas veces o agricultor non dispón de medios nin asesoramento para usar a agricultura de conservación”

-Un dos principais obxectivos da agricultura de conservación é reducir o impacto sobre os chans, hai concienciación no sector agrícola sobre os problemas derivados da erosión?
O agricultor normalmente só toma conciencia cando ocorren eventos de choiva de gran intensidade que provocan enormes arrastres do chan das súas parcelas. O que ocorre é que volve labrar “maquillando” estes efectos e non é consciente que a medio- longo prazo esa erosión vai provocar diminución de produtividade da explotación. En moitas ocasións o día a día, a falta de rendibilidade e a inercia de mentalidade e medios que leva o sector agrícola retarda a toma de decisións beneficiosas a curto e a medio prazo. A erosión é o maior problema ambiental, especialmente na España seca.

-É receptivo o agricultor á agricultura de conservación?
Cando se lle explica en que consiste a agricultura de conservación é receptivo, aínda que en moitas ocasións non dispón dos medios nin do asesoramento para poder aplicala.

-Cales son os principais reparos para non optar directamente por este tipo de produción?
O cambio de mentalidade é o principal escollo que presenta a implantación de novas (ou renovadas) técnicas na agricultura. Para os agricultores que se inician, a formación e a adaptación da maquinaria da explotación son os maiores inconvintes que perciben. De aí a importancia do apoio das Administracións, sobre todo nos primeiros anos, a través das axudas agroambientais para axudar a esa transición.

“O 25% dos cultivos leñosos e o 9,9% dos herbáceos prodúcese con técnicas de agricultura de conservación”

-Notouse evolución?
Desde que o Ministerio de Agricultura comezou a incluír na enquisa sobre superficies e rendementos (Esyrce) en 2009 datos sobre agricultura de conservación, o número de hectáreas aumentou. En España, pasouse de 1.066.186 hectáreas con cubertas (vexetal espontánea, sementada e inerte en cítricos, froiteiras de pebida, froiteiras de óso, viñedo, oliveiral e outros leñosos) en 2009, a 1.301.174 hectáreas. No caso de sementeira directa, nese mesmo ano contabilizábanse 274.52 hectáreas fronte ás 697.534 hectáreas cultivadas con esta técnica no 2018 . Na actualidade, o 25,1% dos cultivos leñosos e o 9,9% dos principais cultivos herbáceos (cereais, xirasol, millo forraxeiro e outros cereais forraxeiros) manéxanse baixo técnicas de agricultura de conservación.

-Que implantación ten a agricultura de conservación en España?

España é o país cunha maior implantación dos sistemas de agricultura de conservación en Europa. Respecto de Galicia, a implantación en cultivos herbáceos é moi baixa, pero en cultivos leñosos supón un 64,3% (Esyrce 2018) da superficie destes cultivos, implantando o uso de cubertas en 28.356 hectáreas das 44.123 hectáreas cultivadas.

-Que están a facer outros países, sobre todo de Latinoamérica, onde o peso da agricultura de conservación é máis destacado?

En Europa, e baixo o paraugas da política agraria común (PAC), a agricultura de conservación está a fomentarse como parte das medidas para levar á agricultura cara a un sistema máis sustentable, principalmente desde o punto de vista ambiental. Avanzouse, aínda que ao noso parecer queda moito por facer. Os cambios son lentos e dependen moito do orzamento dispoñible na UE. A irrupción do programa 4/1000 de aumento do carbono do chan pode ser clave respecto diso. Ademais, na Comunidade Europea déronse conta os políticos do potencial como sumidoiro de carbono dos chans baixo técnicas de conservación.

En Latinoamérica, debido á estrutura tanto das explotacións como de normativa e subvencións, a evolución foi moi diferente implantándose amplamente debido principalmente á redución de custos e á falta de man de obra.

“Pretendemos adaptar o cultivo ao chan e non o chan ao cultivo”

-É a agricultura de conservación unha volta á agricultura máis tradicional?
O termo tradicional tráenos á mente unha percepción de traballo artesanal e máis próximo á natureza. Neste sentido, o mundo actual tivo que cambiar ese modelo por un máis intensivo tanto en recursos como uso do chan para poder abastecer a unha poboación cada vez maior e con máis necesidades.

A agricultura de conservación dános ferramentas para que esa agricultura convencional e intensiva sexa máis sustentable. Con ela pretendemos adaptar o cultivo ao chan e non o chan ao cultivo. Os bosques teñen uns chans en equilibrio con altos contidos de materia orgánica que non se erosionan. O laboreo reduce o contido de materia orgánica dos chans e a agricultura de conservación fai que se reverta en parte esta situación.

“A agricultura de conservación danos ferramentas para que a agricultura convencional e intensiva sexa máis sustentable”

-Que está a fallar para que non sexan prácticas máis utilizadas?
Ademais do cambio de mentalidade que comentamos anteriormente, a falta de rendibilidade das explotacións e a idade dos agricultores, provocan que ante técnicas que non coñecen non queiran sumir riscos. De aí a importancia do apoio por parte da Administración. Segundo datos da Unión Europea en España (Eurostat 2016), no 56,6% das explotacións agrarias o titular ten máis de 55 anos (en Galicia elévase até o 64,8% das explotacións). Da mesma forma, o 31% das explotacións están en mans de agricultores con máis de 64 anos (35,5% en Galicia). Estes datos mostran o envellecemento da poboación agraria que xestiona as explotacións, o que aumenta o inmobilismo do sector e a renuencia a cambios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información