España compra ao resto da UE tres veces máis produtos lácteos dos que lle vende

A balanza comercial de España co resto de países da Unión Europea está claramente desequilibrada no sector lácteo, cunhas importacións que máis que triplican as exportacións españolas.

Así se evidencia no último informe do Observatorio do Mercado Lácteo da Comisión Europea, no que se analiza o mercado intracomunitario de produtos lácteos entre xaneiro e abril.

Deste xeito, e tomando como referencia os datos de Eurostat, España exportou durante os primeiros catro meses deste ano un total de 43.193 toneladas de produtos lácteos, pero importou nada menos que 135.273 toneladas, cun saldo comercial negativo para España de 92.080 toneladas, que incluso é maior que no mesmo período de 2017.

E é que aínda que de xaneiro a abril aumentaron as exportacións españolas ao resto da UE en queixos (25.942 toneladas, un 14% máis) ou de soro de leite en pó (11.332 toneladas, un 2%), non compensaron o incremento das importacións doutros países da UE, fundamentalmente de Holanda, Alemaña ou Francia. Así, as compras ao exterior de queixos, onde a balanza comercial de España é máis deficitaria, medraron un 8% ata as 96.501 toneladas no primeiro cuadrimestre do ano. Tamén medraron de forma significativa as importacións de manteiga (+18%) e de leite en pó enteiro (+20%).

Así se reflicte no seguinte cadro:

Balanza comercial -en toneladas- de España con el resto de países de la UE entre enero y abril de 2018:

lacteos_ue_5_grafica

Fuente: Eurostat (COMEXT) – Based on Export flow

Oportunidades de mercado para o leite galego: elaboración de máis queixo, sobre todo para a exportación, e de leite en po e manteiga

O profesor de Economía e Política Agraria da Universidade de Santiago, Jorge Santiso, aseguraba na última na xornada organizada pola asociación Terra e Leite que a industria láctea galega debe aproveitar esta situación para producir máis leite en pó e manteiga para cubrir a demanda interna e reducir as importacións do resto da UE.

En canto ás alternativas de mercado para o leite galego, Jorge Santiso fixo un repaso pola situación dos distintos derivados lácteos:

-Non é posible reducir máis as importacións de cisternas de leite doutros países porque prácticamente xa non as hai.

-En canto á redución do déficit de queixos (España importa moito máis queixo do que exporta), Santiso asegurou que “seguir aumentando as exportacións pode ser un obxectivo asumible; pero reducir as importacións parece mais dubidoso pola presión dos países exportadores, por competencia en prezos ou polas pautas de consumo consolidadas”.

-A opción máis realista para o profesor Jorge Santiso é a aposta por transformar o leite galego en produtos industriais -sobre todo leite en poo e manteiga- tanto para o mercado exterior como para o mercado interno español.

Jorge Santiso: “Existe a posibilidade de substituír estas importacións de leite en po e manteiga por produción galega”

“A fabricación de leite en po e manteiga é residual no sector lácteo español, o que fai que haxa un déficit estrutural de leite en poo dunhas 50.000 toneladas anuais, que en equivalente en leite líquido son unhas 500.000 toneladas”, explicou Santiso.

Neste sentido, destacou que existe a posibilidade de substituír estas importacións por produción galega, e ademais, existen oportunidades adicionais de exportación.

Pero para apostar por esta estratexia de diversificación do sector lácteo galego coa transformación en produtos lácteos industriais, Jorge Santiso subliñou que “este mercado que non se pode abordar sen unha estratexia de colaboración entre produtores e industria, só posible asumindo retos de organización”.

lacteos_ue_5 lacteos_ue_4 lacteos_ue_3 lacteos_ue_2 lacteos_ue_1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información