Eslovenia, onde a gandería coida da paisaxe e atrae turismo

Un grupo de técnicos e gandeiros galegos vén de visitar granxas de pastoreo en zonas montañosas do país balcánico para coñecer o seu manexo e as súas perspectivas

Eslovenia, onde a gandería coida da paisaxe e atrae turismo

Pastizais dunha granxa eslovena de vacas de leite, coa montaña ó fondo.

Que desafíos comúns encaran as granxas extensivas de Eslovenia, Francia e Galicia?. Ese é o punto de partida do proxecto europeo PastorEA, no que participan centros de formación agraria dos tres países. No marco da iniciativa, un grupo dunha ducia de técnicos e gandeiros galegos, coordinados pola EFA Fonteboa, vén de visitar granxas de pastoreo en Eslovenia para coñecer como traballan. Acompañámolos e coñecemos as súas impresións.

O primeiro que chama a atención da gandería en Eslovenia é que é percibida no propio país como un factor clave para a conservación da natureza e o desenvolvemento local. Nunha das zonas máis turísticas do país balcánico, no parque nacional Triglav, en plenos Alpes, subliñan o importante papel que xogan as arredor de 500 pequenas granxas que manteñen actividade no interior do parque: “Os pastos, que suman un 10% da superficie do parque -máis de 8.000 hectáreas dun total de 83.000-, son fundamentais para a conservación da biodiversidade. O seu abandono e transformación en mato é un serio problema”, recoñecen.

As montañas eslovenas caracterízanse por un mosaico ordenado no que se combinan terras de cultivo, bosques e pobos. Nos vales, os pobos, cunha coidada arquitectura tradicional, rodéanse de pradeiras e terras de cultivo, que dan paso a extensos bosques de coníferas e frondosas caducifolias no comezo das ladeiras das montañas.

Vacas en pastos dun val.

Vacas en pastos dun val.

Na parte superior das serras, onde remata o arborado, no entorno dos 1.500 metros de altitude, aparecen de novo os pastizais, normalmente de propiedade comunal, que son aproveitados desde a primavera ata inicios do outono.

Eslovenia é, xunto con Finlandia e Noruega, un dos Estados da UE con maior porcentaxe de superficie forestal, pois un 58% do seu territorio son bosques, pero a conflictividade entre usos da terra aparenta escasa, salvo o feito de que en teoría, por lei, non se permite o pastoreo baixo arborado, unha práctica que de autorizarse, podería contribuír ó control do mato e a reducir o perigo de posibles lumes, como recoñecen os propios técnicos eslovenos.

Ovellas nun peche en montaña.

Ovellas nun peche en montaña.

Pastizais na alta montaña
Unha práctica singular da gandería dos Alpes eslovenos é o mantemento da transhumancia estacional. Boa parte do gando sobe en conxunto dos vales á montaña a partir do mes de abril, ascendendo arredor de mil metros de altitude. Atrás quedan os prados do val que rodean os pobos, onde no verán recollerase a herba seca e faranse silos para alimentar os animais no inverno.

No alto da montaña, consérvase mentres un sistema de cooperación veciñal para o coidado do gando. En función dos animais que ten cada granxa na montaña, os gandeiros repártense en turnos para coidar e muxir os animais. As comunidades dispoñen alí de cortes e instalacións axeitadas en común, incluíndo queixerías, nas que mestres queixeiros pasan o verán para elaborar pezas tradicionais co leite muxido cada día.

Dimensión e actividades complementarias
As granxas eslovenas son en xeral de pequeno tamaño, cunha media de 7,5 hectáreas de terra e 6,9 vacas. Con frecuencia, son granxas que traballan con varias especies de animais (vacas, ovellas, cabras e tamén cabalos), o que lles permite un aproveitamento maior dos distintos tipos de pasto.

O pequeno tamaño das granxas compénsase con frecuencia coa ocupación dos gandeiros en traballos complementarios, como por exemplo en servizos públicos, en traballos forestais ou en actividades turísticas, de gran importancia no país.

Tres preocupacións comúns: depredadores, cambio climático e relevo xeneracional

A viaxe da delegación galega serviu para coñecer as particularidades das granxas en Eslovenia, pero tamén para constatar algúns problemas comúns que comparten con Galicia, como a protección do gando fronte ós ataques de depredadores, o impacto do cambio climático ou o relevo xeneracional.

Relevo xeneracional

Matevz Gartner, na queixería da súa granxa.

Matevz Gartner, na queixería da súa granxa.

A media de idade dos gandeiros en Eslovenia é de 57 anos. Como atraer á xente nova para que vexa na gandería unha actividade de interese, complementaria a outras ocupacións, é unha das preocupacións dos centros de formación agraria de Eslovenia.

Durante a viaxe, visitáronse granxas xestionadas por gandeiros mozos, como a de Matevz Gartner, en Bohinj, que fai catro anos se incorporou á gandería familiar de 15 vacas simmental. Trátase dunha granxa que transforma en queixos toda a súa produción, arredor de 80.000 litros / ano, e na que traballan tres persoas da familia, se ben unha delas, a irmá de Matevz, compaxina ese labor cun traballo a media xornada en servizos turísticos.

Depredadores e fauna salvaxe

Eslovenia, un país de 20.000 quilómetros cadrados, equivalente a dous terzos de Galicia, ten presenza estable de catro depredadores que teñen certo impacto na gandería: oso pardo, lobo, chacal dorado e lince boreal. O que máis preocupa, pola dimensión das perdas que está a causar nos últimos anos, é o lobo. Desde o 2018, hai dous grupos familiares estables de lobos no parque nacional Triglav, en tanto outras áreas de Eslovenia tamén se ven afectadas por danos desde hai máis dunha década.

A Administración indemniza ós gandeiros polas perdas confirmadas, pero non sempre é posible recuperar os cadáveres, pois na montaña, o habitual é que animais como ovellas e cabras pasten no verán de xeito libre, sen valados nin control humano, máis alá de periódicas visitas á semana e de colares GPS en parte do gando.

“Temos presuposto para financiar a estancia de pastores na montaña durante o verán para coidar os rabaños, pero é un traballo para o que é complicado atopar xente” (Parque Nacional Triglav)

Igual que en Galicia, un sentemento habitual entre os gandeiros eslovenos é que fronte ó lobo, a mellor solución pasa pola súa caza controlada, para a que poden pedir permiso en caso de danos.

A Administración trata de promover tamén medidas de prevención, se ben cambiar as prácticas non é sinxelo. “Contamos con presuposto para financiar a estancia de pastores durante o verán na montaña, pero atopámonos con que non hai ninguén que queira pasarse tódolos meses da primavera – verán coidando o gando na montaña”, explican no Parque Nacional Triglav.

Os centros de formación e de investigación avogan ademais polo uso de mallas eléctricas para a defensa do gando, que se combinan en ocasións con cans de defensa. É un tipo de manexo ó que non estaban habituadas as granxas eslovenas, pero o asentamento de poboacións estables de lobo leva a que se estea a avanzar nesas liñas de prevención.

Outro serio problema provocado pola fauna salvaxe é o dos cervos, pois o seu pastoreo nas pradeiras provócalle importantes perdas ás granxas.

Cambio climático

Eslovenia é un país caracterizado por un importante volume de choivas e nevadas invernais, se ben durante o verán, os episodios de seca están a agudizarse, o que afecta ós pastos e tamén ós bosques, onde o escarabello da casca está a causar unha alta mortandade nas masas de coníferas.

Que é o que máis vos chamou a atención das ganderías en Eslovenia?

Integrantes da delegación galega e da francesa, durante as visitas de campo en Eslovenia.

Integrantes da delegación galega e da francesa, durante as visitas de campo en Eslovenia.

Preguntámoslle ós participantes da delegación galega que se desprazou a Eslovenia sobre as súas principais impresións. Varias son as cuestións comúns que apuntaron, como as sinerxias entre conservación da natureza, ordenación do territorio e gandería.

  • Jorge Filgueiras e Teresa Molina (Gandería Roidiz, As Pontes). “A nós impactounos a creación de economía a pequena escala a través da diversificación e da revalorización do produto por venda directa. Outra cuestión que destacariamos é como souberon sacarlle valor a un parque nacional como medio de vida; hai un coidado da paisaxe e unha estruturación do terreo que repercute en benestar para a xente. E unha última cousa a salientar é o apoio que lle dan ós gandeiros.
  • Pablo Lúgaro (Agacal, Medio Rural): “O que máis me sorprendeu foi comprobar como en Eslovenia saben ben da importancia do gandeiro para a conservación da paisaxe e o desenvolvemento do turismo”.
  • Sergio García (Agaca): “Destacaría o sistema que teñen de agrupación de vacas de leite en alta montaña, que é xestionado de xeito cooperativo polos gandeiros, con turnos para o coidado das vacas e para muxilas”.
  • Isabel Gómez (Traloagro, Friol): “Vese que hai un especial coidado das granxas de leite na zona do parque nacional, que é unha cuestión que chama a atención, e tamén son singulares as grandes superficies que empregan na montaña e o tipo de manexo”.
  • Un momento dunha visita a pastizais de montaña.

    Un momento dunha visita a pastizais de montaña.

  • Yolanda Gómez (Teixeiro e Pistón, Becerreá): “En comparación con Galicia, sorprende o ben ordenado que está o territorio a nivel de campo e bosques, así como o coidados que teñen os pobos a nivel urbanístico”.
  • Amaia Santamarta (Ovica): “Para manter a actividade, combinan a gandería co medio natural e co patrimonio (arquitectura tradicional, etc.). A combinación deses tres elementos é unha fortaleza. Tamén o énfase que fan no apoio ós produtos alimentarios locais”.
  • Joan Alibés (Beealia): “As ganderías en Eslovenia teñen problemas semellantes co lobo ós que poden ter as granxas galegas, pero aquí teñen axudas agroambientais especificamente para a convivencia co lobo, como por exemplo un pago por hectárea manexada con peches eléctricos. Percíbese tamén un decidido apoio da Administración do parque nacional en favor dos gandeiros”.
  • José Gil (EFA Fonteboa): “É un país onde conseguiron involucrar ás granxas no parque nacional. Vimos que non prevalece o turismo ou a conservación da natureza sobre a gandería, senón que hai un equilibrio e un apoio ás granxas, que son capaces de vivir con pouca estrutura”.
  • Santiago Crecente (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo): “As granxas eslovenas teñen as súas particularidades, pero son homologables a outras de Galicia. Quizais o que máis me chamara a atención sexa o manexo do bosque porque non vimos en ningún momento grandes superficies cortadas a feito. Fanse cortas menos masivas, o que mellora a paisaxe e representa un investimento no turismo”.
  • Rosa Leis (EFA Fonteboa): “Destacaría como son capaces de manter a actividade de granxas tradicionais, pero á vez xerar rendas complementarias con outras actividades asociadas, como o turismo, que a nivel de desenvolvemento local é importante. Vimos tamén que hai sensibilidade con producir dun xeito ecolóxico, sexa con certificación ou sen ela”.
  • Xan Pouliquen (Xestión Agrogandeira e Natureza): “Sorprendeume o nivel de conservación dunha agricultura tradicional que podemos chamar ecolóxica, respetuosa co ambiente e ecoloxicamente funcional. Tamén a imaxe que se nos transmitiu sobre o diálogo entre turismo e gandería”.
  • Encontro co responsable dunha gandería de ovino ligada á Universidade.

    Encontro co responsable dunha gandería de ovino ligada á Universidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información