Esixen por burofax que se asine a cláusula de custes dos contratos do leite

O Sindicato Labrego critica a presión sobre as granxas de parte das industrias lácteas, que sostén que mesmo están enviando burofaxes emprazando ás ganderías a certificar que o prezo que cobran está por riba dos custos de produción

Esixen por burofax que se asine a cláusula de custes dos contratos do leite

Vacas en produción. / Arquivo.

O agro está vivindo unha polémica aplicación na práctica da Ley de la Cadena Alimentaria, pola que se obriga a que tódolos produtos agrarios teñan prezos que cubran custos de produción. Como precaución xurídica, boa parte das industrias lácteas están incluíndo cláusulas nos contratos nas que se especifica que o prezo que abonan cubre os custos de produción da granxa proveedora, unha cuestión que algunhas ganderías se negaron a asinar.

Ante a negativa de granxas a asinar a cláusula, hai industrias que están a reaccionar co envío de burofaxes, trasladándolles ás ganderías que ou asinan a cláusula ou lles deixan de recoller o leite, segundo expón o Sindicato Labrego en nota de prensa. Nalgún dos casos, a organización agraria sinala que incluso se lle comunica á granxa que farán recaer sobre ela calquera posible sanción administrativa derivada de non ter asinado a cláusula, “o que é gravísimo, ademais de ilegal”, valora a organización agraria.

O Sindicato Labrego considera que as industrias están obrigando ás ganderías a avalar prezos que non cubren custos de produción e que son “artificialmente baixos”, pois valoran que en España, onde existe un alto consumo de leite Uht, “que se incrementou nos últimos meses”, non hai razóns que xustifiquen a progresiva baixada de prezos do leite no campo.

Para a organización agraria, a reforma da Ley de la Cadena Alimentaria é insuficiente, pois considera que faltan controis do Ministerio de Agricultura que velen pola súa correcta aplicación. O Sindicato Labrego demanda tamén que a Consellería do Medio Rural recupere a Mesa do Leite e convoque ós axentes do sector lácteo (industrias, cooperativas e organizacións agrarias) para tentar chegar a acordos beneficiosos para tódalas partes.

Outra cuestión que o Sindicato Labrego ve necesario é o establecemento dun índice de referencia que calcule os custos de produción das granxas, “unha cuestión na que se comprometera á Xunta, pero que segue sen facerse”, advirten.

Valoracións do ministro sobre a Ley de la Cadena Alimentaria
A última reforma da Ley de la Cadena Alimentaria, acometida en febreiro mediante o Real Decreto-Ley 5/2020 en materia agroalimentaria, non será a última do ano. Para este outono, o ministro de Agricultura, Luis Planas, anuncia que se levará ó Parlamento o proxecto de lei que permitirá cumprir coa directiva europea sobre prácticas comerciais desleais na cadea alimentaria.

Planas, en declaracións recollidas por Europa Press, incide en que o sentido da Ley de la Cadena Alimentaria é o de “fortalecer a negociación”. “Necesítase unha formación de prezos transparente cunha retribución xusta. Faise iso cunha variña máxica?. Non, faise cunha negociación”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información