ESENCIAIS PEFC 2025 reúne en Santiago aos principais axentes do sector forestal galego para poñer en valor o compromiso coa xestión sostible

Publicidade

PEFC essenciais 2025 2O Auditorio do Edificio FEUGA acolleu hoxe ESENCIAIS PEFC 2025, unha xornada organizada por PEFC Galicia que contou cunha ampla participación de representantes do sector forestal galego, administracións públicas, empresas e entidades vinculadas á xestión forestal sostible e á madeira certificada.

O evento estruturouse arredor de tres faladoiros que ofreceron unha visión completa do sector, desde unha perspectiva institucional ata a realidade do monte e da industria, culminando cun acto de recoñecemento ás empresas pioneiras na certificación PEFC en Galicia.

Ollada ao presente e ao futuro do sector forestal galego

O primeiro faladoiro estivo centrado na situación actual e nos retos de futuro do sector forestal galego, coa participación de José Luis Chan Rodríguez, Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; Alfredo Fernández Ríos, Director da Axencia Galega da Industria Forestal; e Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, Presidente de PEFC Galicia. Durante o diálogo abordáronse os retos actuais da planificación forestal, da industria e da certificación, así como o papel estratéxico da madeira na bioeconomía. Os relatores coincidiron na importancia da coordinación entre estes ámbitos para reforzar a competitividade, a sustentabilidade e o valor social da madeira galega. Enrique Valero salientou como fito destacado que España acadou xa os 3 millóns de hectáreas certificadas PEFC, subliñando ademais que máis do 80 % das persoas propietarias e xestoras certificadas son galegas, así como que Galicia mantén o liderado estatal en cadeas de custodia certificadas.

O monte medra con nós: experiencias de XFS-PEFC

O segundo bloque puxo o foco no territorio e nas experiencias reais de xestión forestal sostible certificada. Neste contexto, PEFC Galicia destacou o Programa de Recoñecemento de Montes PEFC, unha iniciativa creada para dar visibilidade ao traballo exemplar que milleiros de propietarios e xestores realizan a diario nos montes galegos. As experiencias compartidas amosaron a importancia da xestión activa, a diversificación de aproveitamentos e o impacto social e ambiental positivo da certificación.

Pioneiras PEFC: empresas que marcaron o rumbo.

O terceiro faladoiro estivo dedicado ás empresas que apostaron pola certificación PEFC desde os seus inicios, nun momento no que non existían referentes previos en Galicia. As intervencións puxeron en valor o papel da cadea de custodia, a profesionalización do sector e a importancia da trazabilidade e da confianza nos mercados.

PEFC essenciais 2025 1

Recoñecemento a 20 anos de compromiso

Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega de recoñecementos ás empresas impulsoras do Grupo Galego de Cadea de Custodia, que este ano cumpre 20 anos de traxectoria. PEFC Galicia quixo destacar así o labor colectivo dun modelo pioneiro que facilitou o acceso á certificación a numerosas pemes do sector, contribuíndo á súa competitividade e ao consumo responsable de madeira certificada.

Durante o acto recoñeceuse, en primeiro lugar, o traballo do propio Grupo Galego de Cadea de Custodia, así como das empresas que formaron parte da súa creación e que manteñen o seu compromiso coa certificación PEFC dúas décadas despois.

Empresas recoñecidas:

– Grupo Galego de Cadea de Custodia
– Maderas Hermanos Castro, S.L.
– Rogelio Piñeiro Vázquez e Hijos, S.L.
– Explotaciones Forestales del Noroeste, S.A. (EXFORES)
– EXFOPINO, S.L.
– Maderas Pérez Giménez, S.L.
– Maderas Ojea, S.L.
– Maderas Romero Cambeiro, S.L.
– Maderas Hermanos García Rocha, S.L.

ESENCIAIS PEFC 2025 pechouse cunha mensaxe clara: a xestión forestal sostible, a certificación e o compromiso das persoas e empresas que forman parte da cadea forestal son elementos esenciais para garantir o futuro dos montes galegos e do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información