A terceira Xornada sobre Ensilado e Nutrición Animal organizada por Sementes LG na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo reuniu este xoves a profesionais do sector, tanto técnicos como produtores, para analizar as tendencias actuais e os últimos avances no cultivo de millo forraxeiro, así como o impacto da dixitalización e a robotización no ámbito da produción leiteira.
Cun elenco de oradores de primeiro nivel, as distintas ponencias foron desgranando como lograr a máxima eficiencia nos distintos elos do proceso de produción de leite, empezando pola elección da semente e o manexo do cultivo para obter un óptimo rendemento en cantidade e calidade no ensilado de millo e, posteriormente, a través da alimentación animal, unha produción de leite rendible para as explotacións gandeiras.
Sementes LG forma parte do grupo cooperativo francés Limagrain, líder en Europa en variedades de millo forraxeiro
Gustavo García, responsable rexional de Limagrain para a cornixa cantábrica, explicou que o obxectivo da xornada é achegar o coñecemento que xera unha compañía líder en Europa en millo para ensilado, como é LG, para que chegue ás gandarías e se poidan beneficiar del.
Innovación e tecnoloxía LG ao servizo da nutrición animal

Alejandro Solsona durante a súa ponencia
Pola súa banda, Alejandro Solsona, responsable de producto de Sementes LG para España e Portugal, explicou que “as forraxes son a base fundamental da produción leiteira e entre elas, o millo cobra actualmente un protagonismo especial nas racións”. “Hoxe en día máis do 85% das vacas en España teñen unha dieta na que o millo é o elemento principal. É unha tendencia imparable”, asegurou.
Na actualidade máis do 85% das vacas en España teñen unha dieta na que o millo é o elemento principal; é unha tendencia imparable
As racións cambiaron nos últimos anos, explicou, xa que en 2015 o consumo era de 22 kg MS para unha produción media de 33 litros por vaca e día, mentres que 10 anos despois o consumo incrementouse ata os 26-28 kg MS para unha produción de 45 litros por vaca e día. Neste contexto, LG pretende, a través das súas sementes, “achegar valor ao sector producindo millo en cantidade e calidade suficiente”.
Coñecemento e manexo tecnificado
O manexo e a alimentación das vacas está cambiando, insistiu Alejandro, non só pola mellora nas variedades forraxeiras, senón tamén polos avances en agricultura e gandaría de precisión. “Estase profesionalizando o sector e coñécense mellor as necesidades das vacas”, afirmou.
Galicia produce na actualidade o dobre de leite que hai 30 anos co 10% das gandarías
“No último ano perdemos o 7,4% das gandarías en Galicia. A tendencia do sector é que haxa menos vacas pero máis produtivas e, aínda con redución da cabana, a produción vai aumentando grazas a un manexo máis tecnificado e a un maior coñecemento”, defendeu.
Todo comeza na semente
No ensilado de millo hai moitos factores que inflúen, pero a elección dunha semente adecuada é o primeiro paso para que as gandarías logren bos resultados. “A rendibilidade comeza cunha semente”, enfatizou Alejandro.
LG dispón de variedades híbridas de alto rendemento e alta dixestibilidade
Co obxectivo de seleccionar variedades adaptadas ás condicións locais, LG realiza todos os anos campos de ensaio para testar os resultados das distintas variedades a nivel de campo e poder recomendar aos agricultores e gandeiros aquelas máis adaptadas ás condicións edafoclimáticas concretas da súa zona e ás distintas necesidades das granxas.
Case a metade da enerxía do millo está na fibra
É necesario, ademais, un correcto manexo para extraer o máximo potencial do cultivo. Neste sentido, Alejandro considera que “a dixestibilidade é o punto clave”. “É unha parte esencial do ensilado, porque, ademais do almidón, unha parte fundamental da enerxía está na fibra”, explicou.
Estímase que o 54% da materia seca do millo provén da parte vexetal do cultivo (talo, follas, zuro) e o restante 46% do gran. “Nas fibras está unha parte importante da achega enerxética do millo”, detallou.
O almidón unicamente non predí ben a cantidade de enerxía de toda a planta
Ademais, insistiu en que “a fibra non nola vai mellorar o silo, a dixestibilidade ten que estar xa na planta, temos que partir dela, ten que vir da finca cando recollemos o millo”, polo que defendeu: “produtividade si, pero con calidade, ligada á dixestibilidade”.
Desde 1977 Limagrain foi pioneira en separar liñas de millo para ensilado e para gran. “Unha variedade para gran pode non ser unha boa variedade para ensilar, porque o que se busca para gran e ensilado non é o mesmo. Para ensilado buscamos follas e talos dixestibles e para gran centramos a atención na espiga”, detallou.
Unha boa dixestibilidade de fibras é fundamental para aumentar a rendibilidade das explotacións
O programa LGNA dispón de variedades xenéticas de millo forraxeiro seleccionadas especificamente para ensilado, con fibras facilmente accesibles e altamente dixestibles para que os animais as asimilen ben, aumentando a produción de leite e reducindo as perdas en feces.
“Colocamos os animais no centro do noso programa de híbridos e valoramos os nosos produtos pola súa eficiencia de transformación en leite ou carne”, explicou. As vacas son ruminantes e herbívoros, polo que necesitan unha boa calidade de fibras para manterse saudables e producir axeitadamente. Demasiado almidón na ración produce un desequilibrio na actividade das bacterias e un aumento do risco de acidosis ruminal.
Os retos que impón o cambio climático

Público asistente ás xornadas, formado por personal técnico e gandeiros
O cambio climático está a impactar de cheo no sector agrogandeiro, modificando as condicións ambientais para a produción de millo. “As temperaturas están en ascenso, aínda que Galicia segue mantendo temperaturas óptimas para o cultivo de millo, que se sitúan entre 10 e 30 graos centígrados. É dicir, en Galicia estamos nunha mellor situación de cara ao aumento de temperaturas que nos trae o cambio climático, pero non é o único factor, xa que tamén se está a producir un desaxuste nas precipitacións”, explicou.
En Galicia tamén está afectando o cambio climático, máis que pola suba das temperaturas pola irregularidade nas precipitacións
Dependendo da zona, a pluviometría anual media en Galicia sitúase entre 1.000 e 2.500 mm. “É unha bendición ter 2.500 mm de precipitación, pero depende de como caian. Ter unha cantidade suficiente de precipitación é importante, pero sen regadío a distribución temporal márcanos a diferenza para unha boa colleita e estamos vendo unha distribución irregular nos momentos críticos para o cultivo, que aquí se produce no mes de xullo, que é o momento no que o millo sofre máis”, indica Alejandro.
“As proxeccións sobre os efectos do cambio climático a 75 anos vista para Galicia indican que as temperaturas continuarán en aumento pero seguirán sendo boas para cultivar millo, pero temos irregularidade na chuvia e períodos de secas no verán, especialmente no mes de xullo. Esas dúas cuestións si nos poden afectar”, advirte.
As variedades que dependen máis do almidón sofren máis en momentos de estrés hídrico
Ademais, insiste, “en condicións de estrés hídrico, as variedades que achegan maior porcentaxe de enerxía coa dixestibilidade das fibras terán menos problemas, pois será a espiga a que máis se resentirá coa seca”.
Solucións LG
De cara a enfrontarse a estas realidades que impón o cambio climático, o papel da innovación e a tecnoloxía cobra vital importancia. “Os novos retos e os camiños que estamos tomando, a través de novas solucións, permiten afrontar estes retos con solvencia, sempre pensando na rendibilidade das gandarías”, insiste Alejandro.
LG foi pioneira na introdución de bioestimulantes nas sementes
Entre estas solucións atópase Starcover, cun achegue á semente de bioestimulantes que van no saco para que a planta capte máis auga, permitindo maior dispoñibilidade de fósforo, maior crecemento da raíz e unha mellor resistencia a estrés abiótico.
Outra recomendación é a selección de variedades Hidraneo, que se adaptan mellor ao cambio climático. Os millos desta gama manteñen a dixestibilidade das fibras en épocas difíciles e momentos de estrés hídrico. “Trátase de ter o cultivo preparado para os momentos de estrés e que a saída da planta sexa mellor, porque dunha forma ou doutra o estrés vaise notar”, recoñece.
Dixitalización
No ámbito do manexo do cultivo, “a dixitalización ten que axudarnos a conseguir unha agricultura e gandaría de precisión”, opina Alejandro. “O sector está a modernizarse e nós estamos plenamente nese camiño. A nosa plataforma Semillas Online é unha desas ferramentas para ter unha información fluída e rápida cos nosos clientes. O agricultor e o gandeiro están preparados, hoxe en día todos teñen un smartphone no peto”, afirma.
O agricultor e o gandeiro están preparados, hoxe en día todos teñen un smartphone no peto
LG desenvolveu tamén Agrility, unha aplicación para agricultura de precisión que permite realizar unha sementeira variable con diferentes densidades. “A través de imaxes satélite podemos ver o estado do cultivo nas distintas zonas da finca e deste modo facer prescricións de sementeira variable, para sementar á densidade axeitada para o potencial de produción de cada zona”, explica.
“Maximizar a produción de forraxe e mellorar a eficiencia alimentaria do gando permite reducir a pegada de carbono das granxas”

Ponentes da Xornada sobre ensilado de millo e nutrición animal celebrada na Politécnica de Lugo
A través do Pacto Verde europeo, a UE sitúa o foco na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. O sector agrogandeiro non é alleo a esta preocupación social, que se plasmou tamén en cambios normativos na PAC.
Este escenario implica, de cara aos próximos anos, a necesidade de reducir a pegada de carbono das explotacións, coas emisións de metano e amoníaco no punto de mira.
Unha das estratexias para lograr este obxectivo é maximizar a produción de leite reducindo os insumos necesarios, o que obriga ás granxas a ser máis eficientes. “Optimizar a produción de forraxe e mellorar a conversión alimentaria do gando permite reducir a pegada de carbono”, destacou Pablo Amado, delegado comercial de LG en Galicia.
Canto máis dixestibles sexan as variedades, máis eficientes e sostibles seremos producindo leite
“O noso obxectivo é a produción final de leite por hectárea e para iso hai que ter en conta o rendemento de materia seca por hectárea e a dixestibilidade. Canto máis dixestibles sexan as variedades, máis eficientes e sostibles seremos producindo leite”, afirmou.
Aproveitamento máximo das racións grazas á dixestibilidade
LG está a implementar tecnoloxías novidosas para ser máis sostibles na obtención de sementes e Pablo explicou os últimos avances en dixestibilidade, co obxectivo de lograr variedades “que transforman a dixestibilidade do millo en leite”. “A capacidade de inxesta da vaca é limitada, polo tanto, canto máis aproveite desa inxesta máis eficientes seremos”, argumentou.
Estamos a implementar tecnoloxías novidosas para ser máis sostibles na obtención de sementes
Na súa opinión, “segue quedando unha marxe para mellorar a dixestibilidade”. “As novas variedades que saen cada ano seguen achegando un plus de mellora nese ámbito e, mediante o manexo do cultivo e a elección do momento óptimo de ensilado, o gandeiro pode obter racións máis asimilables. O obxectivo final é aumentar a produción de leite por hectárea”, concluíu.