
A Escola infantil da Baiuca (A Estrada, Pontevedra), construída no 2017, convertiuse nun referente dunha tendencia daquela innovadora: a construción industrializada con estruturas en madeira, previamente elaboradas en fábrica e montadas na obra en seco.
A obra da Escola, financiada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Estrada, foi precursora da actual liña do Goberno galego de contratar unha parte da obra pública coa madeira como material protagonista. En concreto, son de destacar os convenios que mantén a Axencia Galega da Industria Forestal XERA coa Consellería de Sanidade e coa Consellería de Vivenda para impulsar a obra pública en madeira.
Un dos obxectivos desta liña de traballo é a de impulsar a bioeconomía, pois a madeira, ao tratarse dun material sostible e renovable, é clave para a mitigación do cambio climático. En paralelo, a aposta pola madeira supón un respaldo para a cadea monte – industria de Galicia, que ten capacidade para proveer materiais de km. 0 de calidade, e contribúese ademais a un maior benestar das persoas usuarias dos edificios.
Gonzalo Alonso. Arquitecto do Estudio Abalo Alonso
“A estrutura da escola ergueuse en tan só tres días e medio, a pesar de que ocupa case 1.000 metros cadrados”
O estudio Abalo Alonso, de Santiago, foi o encargado de deseñar a escola. “O emprego da madeira non era un requisito imprescindible, pero xa dende os primeiros esbozos apostamos polo seu uso e logo a aposta foi total.” sinala Gonzalo Alonso, un dos autores.
“A Estrada é terra de carpinteiros e ebanistas. Algunhas das mellores empresas coas que xa traballaramos están ubicadas alí. Iso foi o que nos levou a que a madeira pasara de revestimentos, pavimentos e cubertas a ocupar todo o sistema estrutural e a fachada. A madeira é case o único material que se empregou na escola”, detalla.
A escola da Baiuca foi pioneira en Galicia no uso de taboleiros contralaminados CLT e de madeira en fachada e estrutura (Gonzalo Alonso, Estudio Abalo Alonso)
No sistema estrutural vertical empregaron paneis de madeira contralaminada de piñeiro radiata. No sistema horizontal hai vigas de madeira laminada. E na fachada tamén se empregou piñeiro tratado á autoclave e acabado en lasur. No interior colocáronse pavimentos de tarima e misturas de taboleiro estrutural de OSB no diafragma que conforma a cuberta.

Gonzalo Alonso apostou pola estrutura de madeira dende o comezo do proxecto
“En Galicia non era nada habitual este tipo de construción naqueles anos. Creo que é innegable que daquela fomos pioneiros no uso de taboleiros contralaminados CLT e no uso de madeira na estrutura e a fachada. Aínda hoxe segue resultando sorprendente para moitos”.
A madeira ten vantaxes intanxibles: aromas, acústica, calidez. Créase unha atmósfera que chega ós sentidos
“A principal vantaxe é intanxible: a atmosfera que se crea con estes materiais, os aromas, a acústica, a calidez…non se transmiten nunha fotografía pero están aí. Hai que vivilos. Estabamos afeitos a revestimentos de madeira, pero o que nós fixemos aporta moita máis cantidade de madeira e eso transmítese aos sentidos”, sinala Gonzalo.
“Hai que destacar o tempo de execución das obras, que se reduce notablemente. Toda a estrutura da escola ergueuse en tres días e medio e eso que ocupa máis de 1.000 m². Esa inmediatez tranquiliza moito os promotores, que ven o traballo avanzar e perciben resultados”, apunta o arquitecto.
Somos optimistas coa construción en madeira, pero precisamos profesionais formados, deseños axeitados e postas en obra correctas
“A experiencia da Baiuca lévanos a ser optimistas respecto dun aumento da construción con estruturas de madeira. Pero precisamos xente formada, deseños adecuados, postas en obra axeitadas…Non creamos que podemos facer coa madeira o mesmo que co formigón ou coa pedra. E viceversa. Cada material ten as súas especificidades”, valora Alonso.
“Agora estamos a piques de rematar o centro de saúde de Abegondo, que tamén ten a madeira como protagonista. Xa recibimos máis de 400 persoas interesadas en ver como é o traballo con este material. E temos traballo tamén na Facultade de Medicina. A experiencia da Baiuca foi o primeiro pulo a unha construción en madeira que nos apaixoa”, conclúe o arquitecto.

As sensacións que transmite a madeira son o grande valor do traballo feito na escola
Amalia Goldar, Concelleira de Educación de A Estrada
“Unha das vantaxes é que a madeira transmite calidez e sensación de fogar”
A concelleira de Educación da Estrada, Amalia Goldar, rememora como se xestou un proxecto que se convertiu nun referente, ao ser pioneiro na construción estrutural en madeira en Galicia. “A escola infantil da Baiuca pertence á Rede Galiña Azul, da Xunta de Galicia. Foi construída cunha financiación dun 60% a cargo da Xunta e un 40% que aportou o Concello. Recoñezo que o emprego de madeira non era un requisito que constara no prego de condicións iniciais, pero o estudo que resultou gañador, tivo a visión de facelo así.”, explica Goldar.
“Era un recoñecemento cara a tradición de moble e madeira que temos na Estrada, que no seu día foi a capital galega do moble, con empresas que vendían por toda Galicia e España. Sen dúbida, ese guiño e a sustentabilidade do proxecto remataron por inclinar a balanza”, sinala a concelleira.

Amalia Goldar destaca as sensacións de fogar que senten os usuarios da escola
“Grazas á madeira, a instalación da escola infantil transmite calidez, cercanía e humanidade. Semella como se estiveras nun fogar. Polo de agora, non houbo que realizar grandes labores de mantemento, se ben é certo que a parte exterior foi cambiando de cor pola acción do clima. Pero recalco que é só unha cuestión de aspecto, non de deterioración. E teñamos en conta que foi construída no 2017”, incide.
“Tamén hai que destacar que non tivemos ningún tipo de problema estrutural, a pesar de que o uso das instalacións é constante durante o ano. O illamento e bo funcionamento da calefacción son outras vantaxes constatadas”, subliña a concelleira.

A estrutura da escola non precisou de ningunha intervención neste tempo
“A experiencia da escola leva a que teñamos a mellor disposición para seguir empregando madeira cando sexa posible. Lembremos que é fácil de transportar e colocar, e non xenera residuos, como si teñen outros materiais. Ademais, a madeira certificada galega é de altísima calidade para a construción e cremos que é un recurso que hai que aproveitar”, conclúe Amalia.
Galego









Control OJD