A Escola de Pastores cubre toda a matrícula e arranca con 25 alumnos a súa primeira edición

A iniciativa de Ovica, apoiada pola Fundación La Caixa, Inorde e Consellería de Medio Rural, vén de prsentarse en Xinzo de Limia

A Escola de Pastores cubre toda a matrícula e arranca con 25 alumnos a súa primeira edición

Acto de presentación da Escola de pastores, en Xinzo, nas instalacións do Inorde.

A Escola de Pastores cobre toda a matrícula e formará a 25 alumnos na súa primeira edición. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), apoiada pola Fundación La Caixa, Xunta de Galicia (a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria) e do Inorde.

Esta escola ten como principal obxectivo dar resposta á demanda de persoas que ven no sector agrogandeiro unha oportunidade real de futuro e, ademais, afrontar o reto da remuda xeracional no sector primario e impulsar a protección do territorio.

Así, o programa formativo inclúe en primeiro lugar o Curso de Aptitude Empresarial Agraria, en gandaría extensiva de ovino e caprino, de 250 horas ofrecido por Agacal, que permite obter unha titulación oficial habilitante. Con el, os alumnos poderán traballar por conta allea en explotacións agrarias ou desenvolver a súa propia actividade, ademais de acceder ás axudas de incorporación á actividade agraria que xestiona a Xunta, entre outras.

A docencia desenvolverase entre os meses de marzo e xullo no Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia, abordándose aspectos fundamentais para a xestión dunha explotación moderna, con contidos coma os relacionados coa empresas agraria, a xestión técnico-económica, o asociacionismo e a comercialización, a trazabilidade, a prevención de riscos laborais ou a sensibilización ambiental.

Ademais, o programa inclúe tamén formación específica en ámbitos directamente ligados á actividade gandeira, como a agrotecnoloxía, a produción de forraxes e a alimentación do gando, así coma o manexo e a produción de gando extensivo. A maiores, a escola non se limita á formación na aula. Grazas á colaboración entre Ovica e a Fundación La Caixa, os participantes completarán os seus estudos cunha importante parte práctica en explotacións gandeiras, con visitas técnicas, sesións prácticas e estancias en gandarías.

Todo isto confluirá no deseño dun proxecto propio de empresa agraria que terá que elaborar cada alumno e que será presentado ao finalizar o programa. Os participantes contarán para iso co soporte dun proceso de titorización.

A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia, Martín Alemparte, interveu no inicio desta iniciativa formativa. Gómez remarcou na súa intervención o “importante papel” que desempeña o sector ovino e cabrún no territorio galego, xa que “produce alimentos de calidade, axuda a coidar a paisaxe, contribúe a previr incendios e mantén vivo o noso rural”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información