A escola de capataces de Lourizán súmase á compostaxe e incorpora un centro comunitario

Alumnado e profesorado encargaranse do mantemento do composteiro comunitario no que tratarán o lixo orgánico. Comezará a funcionar en setembro, dependendo da actividade educativa

A escola de capataces de Lourizán súmase á compostaxe e incorpora un centro comunitario

O alumnado do centro xa se encargou da construción da plataforma sobre a que se instalou o centro de compostaxe comunitaria.

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (CFEA), en Pontevedra, acaba de sumarse á compostaxe coa incorporación dun centro de compostaxe comunitario, dentro do Plan Revitaliza, que ten en marcha a Deputación de Pontevedra. O centro de estudos ten xa instalado o composteiro comunitario de tres módulos, que previsiblemente comezará a funcionar no mes de setembro, dependendo do reinicio da actividade educativa.

Unha das novidades deste centro con respecto aos que se instalan nas demais zonas da provincia é que será o propio alumnado e profesorado o que se encargue do mantemento e control do proceso da compostaxe dentro das prácticas curriculares. A maiores, contarán coa supervisión do persoal técnico provincial da Deputación, co fin de que se cumpran tódolos parámetros de temperatura, aireación ou trasfegas, para acadar un compost de calidade, que despois sexa de utilidade para fertilizar os espazos verdes.

O centro de compostaxe dará servizo e recibirá o lixo das 40 persoas que comen no comedor -con cociña- que existe nas instalacións de Lourizán. Así mesmo, implicará a implantación da recollida separada da fracción orgánica (a maiores de papel, vidro e envases lixeiros) na residencia e no resto do centro onde estudan ou traballan unhas cen persoas.

A comunidade educativa poderá depositar no centro de compostaxe tódolos restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede acabado de cortar ou plantas de todo tipo). Unha vez depositado o lixo orgánico deberán tapalo con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo.

O alumnado da Escola de Lourizán xa se involucrou na instalación do propio centro de compostaxe comunitaria, posto que a plataforma base sobre a que se instalaron os módulos foi construída nas prácticas dos alumnos antes do confinamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información