Se o fallo do Tribunal Supremo sobre a continuidade da planta de Lourizán se confirma como definitivo, péchase unha incertidume de décadas sobre o futuro da instalación, con independencia de que continúe o debate social e político. Ence tiña nos últimos anos bloqueados novos investimentos produtivos en Pontevedra, á espera de definir o futuro da planta, pero xa anuncia 130 millóns de investimentos en Lourizán nos próximos dez anos.
A sorprendente decisión do Tribunal Supremo, que anulou sentencias previas da Audiencia Nacional contrarias á ampliación da prórroga da planta, autoriza a continuidade de Ence Pontevedra ata o ano 2073. Contra esa decisión, en principio só cabería recurso ante o Tribunal Constitucional, se algunha parte afectada considera que se violan dereitos fundamentais, se ben semella un camiño complicado.
Así as cousas, Ence ten camiño aberto para redefinir o seu plan de investimentos, que nos últimos anos se centrara na factoría de Navia (Asturias), onde mesmo contemplaba a posibilidade dunha nova liña de pasta de papel coa maquinaria da planta de Lourizán.
A seguridade xurídica que lle dá agora a sentencia do Tribunal Supremo levou xa a Ence a anunciar 130 millóns de euros en investimentos para Lourizán nos próximos dez anos.
A compañía aínda non precisou que novos desafíos produtivos abordará na planta, se ben a priori pódense destacar tres posibilidades: ampliación da capacidade produtiva da planta, creación dunha biorrefinería de lignina, coa que valorizar a parte da madeira que non se emprega para pasta de papel, e/ou abordar unha segunda transformación da celulosa en produtos de papel tisú (papel hixiénico, rolos de cociña, etc.).
Biorrefinería de lignina
Son todos proxectos que Ence tivo nalgún intre enriba da mesa. Hai pouco máis de tres anos, o propio departamento de I+D da compañía plantexaba a posibilidade dunha biorrefinería de lignina en Pontevedra se a planta de Lourizán obtiña seguridade xurídica de continuidade. Ence incluso tiña potenciais clientes interesados nalgúns dos produtos que podería elaborar con lignina, como espumas ‘verdes’ para a industria da automoción ou adhesivos.
O procesado da madeira nunha biorrefinería abre múltiples posibilidades de valorizar un subproduto, a lignina, que ata o de agora Ence simplemente queimaba. Coa lignina pódense obter produtos que sirvan de base á industria alimentaria (aromas, bioaceites, xilosa, etc.) e farmacéutica, así como composites (bioplásticos).
Segunda transformación da celulosa
A celulosa que produce Ence Pontevedra oriéntase na súa maior parte á exportación cara outros países de Europa, onde se transforma principalmente en produtos finais de papel tisú (hixiénicos, cociña, panos de papel, etc.) e, en menor medida, noutras liñas (papel de embalaxe, de imprenta, etc.). Unha opción que acaricia Ence desde antigo é a de acometer unha segunda transformación da celulosa, de cara a lograr maior valor engadido.
A compañía anunciou a mediados do 2022 que proxecta unha nova planta nas Pontes (A Coruña) coa que buscaría elaborar produtos finais de papel tisú en base a papeis e cartón reciclados (70%) e a celulosa da planta de Pontevedra (30%). A instalación concíbese cuns obxectivos modestos, pois segundo anunciou Ence, produciría arredor de 100.000 toneladas de fibra ó ano, polo que pódese estimar que o consumo na instalación das Pontes de celulosa da planta de Pontevedra rondaría un 5-10% da produción desta.
Cómpre salientar ademais que o proxecto esperta incógnitas no sector, pois a materia prima dispoñible en España para reciclar (papel, cartón) xa é absorbida por plantas existentes, que mesmo importan do resto de Europa un 27% das súas necesidades de materia prima.
O transporte da celulosa de Pontevedra ata un segundo ciclo nas Pontes supón tamén un sobrecusto produtivo e loxístico, en comparación con plantas doutras empresas da competencia, como as portuguesas, que producen nunha mesma unidade produtiva a celulosa e os produtos finais, o que aforra custos loxísticos e tamén produtivos (primeiro, o secado da celulosa para, nunha segunda fase, proceder ó seu diluído en auga).
Se é certo que Ence descarta abordar un primeiro ciclo de celulosa nas Pontes, como manifestou, unha alternativa podería pasar pola recuperación dun proxecto de segunda transformación para Pontevedra. A secretaria xeral de Comisións Obreras en Galicia xa se pronunciou hoxe a favor desta opción dun segundo ciclo en Pontevedra, en detrimento do proxecto das Pontes.
Biomasa
Outre elemento que chama a atención do proxecto de Ence para As Pontes é a planta de biomasa que deseñou para acompañar a instalación, pois só a planta de biomasa absorbería un investimento de 155 millóns de euros, máis do 40% do investimento total previsto. Da dimensión da planta de biomasa proxectada dá conta o feito de que superaría o investimento que se anunciou no seu día para a planta de Greenalia en Curtis (135 millóns de euros).
A planta de biomasa das Pontes tería a vantaxe dun maior aproveitamento da enerxía, pois non só produciría electricidade, como a de Greenalia, senón que utilizaría o calor obtido para os procesos da planta de papel.
En calquera caso, a Unión Europea está poñendo en cuestión o papel da biomasa como fonte de enerxía renovable. De retirarse a biomasa da categoría de renovables, os posibles apoios europeos a esa instalación estarían en cuestión, pois Europa é máis partidaria de potenciar unha economía circular, na que toda a madeira teña novos usos, quedando a queima como última opción.
No seu día, Ence tamén barallou unha planta de biomasa en Pontevedra, se ben finalmente descartara ese investimento.
Fibras téxtiles
Outro dos proxectos de transformación do eucalipto en Galicia corresponde á planta de fibras téxtiles proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo), que fabricaría lyocell. A compañía lusa agarda á confirmación de fondos Next Generation para a instalación.
Pola súa parte, Ence ten proxectos en Navia (Asturias) para a fabricación doutra fibra téxtil, a viscosa, aínda que en Galicia polo de agora descartou entrar nesa liña.
En calquera caso, todos estes proxectos, tanto o de Palas como o de Navia e o das Pontes están pendentes de se reciben ou non fondos públicos Next Generatión. Se non fose o caso, a súa viabilidade sería complicada.
Valoracións sobre a continuidade de Ence
As reaccións á continuidade de Ence non se fixeron esperar no ámbito político e forestal. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitouse pola nova e declarou que “gaña a sensatez e a legalidade”, en tanto desde o BNG, oposto á continuidade da planta, confirman que buscarán vías para proseguir a pugna xudicial contra a planta.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera (BNG), ironizaba así sobre a sentencia do Supremo: “Quen ten padriño, bautízase”, afirmou, en alusión á presenza de ex-altos cargos do PP no Consello de Administración de Ence e á suposta falta de independencia do poder xudicial.
Por parte do PSdeG, produciuse unha reacción máis intermedia, avogando por unha industria do papel moderna que continúe reducindo o seu impacto ambiental no entorno.
No ámbito forestal, houbo felicitacións públicas á continuidade de Ence por parte do Clúster da Madeira e da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia, que sempre se pronunciaran publicamente a prol da continuidade da planta.
Desde os colectivos de propietarios forestais, o proceso da planta de Ence víñase seguindo de esguello, pois había o convencemento de que, en calquera escenario, o eucalipto galego mantería unha forte demanda. De tódolos xeitos, desde Asefoga, o seu responsable, Jacobo Feijoo, sí que valora en positivo “a seguridade xurídica e a estabilidade para o sector forestal e para os traballadores de Ence” que aporta o fallo do Supremo.
Seis cuestións que abre a planta de Altri en Palas: pros, contras e oportunidades
Unha mágoa pro noso rural esta nova . É coma un ‘tiro de gracia’ que pode erradicar por completo as numerosas posibilidades e potenciais que tén a nosa terra; o valor paisaxístico que tamén se traduce en bens ( só hai que viaxar unha meguiña por Europa), a diversidade produtiva coma as madeiras nobres, a producioón de frutos e frutas asociadas a estas árbores, cultivo de prantas… e sobor de todo manter unha biodiversidade que inherente á vida, a nosa (a humana) e a de tódolos seres vivos. Temos que pensar nos modelos produtivos a longo prazo (que a tendencia d@s galeg@s tende ó curtopracismo) que sexan garantes dun rural onde poidamos habitar con calidade de vida, agora e as vindeiras xeracións.