A lingua azul e a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) teñen características similares e actualmente seguen presentes na cabana gandeira da Península, especialmente a EHE desde o pasado ano. Sobre estas enfermidades houbo dúas ponencias nunha recente xornada de Proecogal. Unha das conferencias correu a cargo do profesor de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela Alberto Prieto, quen realizou o relatorio baixo o título ‘Enfermidades transmitidas por Culicoides… Que sabemos realmente?’; e tamén interviu o veterinario e gandeiro Enrique Gutiérrez, que mostrou a súa experiencia coa EHE.
Ambos relatores formaron parte da xornada formativa organizada pola asociación Proecogal, que tivo por obxectivo dotar ao sector de ferramentas para afrontar os retos da produción en ecolóxico.
Como se desenvolven os Culicoides?
Para abrir o relatorio, Alberto Prieto explicou que os Culicoides, tamén coñecidos como jejenes, “non se poden definir como mosquitos en sentido estrito nin tampouco como moscas”. Teñen un tamaño de 1 a 3 mm e son exófilos, é dicir, prefiren estar no exterior. Tenden a estar máis activos nas horas de crepúsculo (amencer ou atardecer) e son malos voadores, “pero como son pequenos e lixeiros vense arrastrados facilmente polas correntes de aire e iso facilita que se diseminen dunhas localizacións a outras”.
En canto ao seu ciclo de vida, o profesor indicou que as femias grávidas, cando realizan a posta, colocan unha cantidade de ovos variable, pero sempre en materia orgánica con alto contido de humidade. Os ovos tardan en eclosionar desde horas ata días, dependendo moito da humidade e da temperatura do medio. Cando os ovos eclosionan, sae unha pequena larva que realiza catro mudas. O período tamén é variable. “Unha característica curiosa é que no estadío número catro, o culicoide é capaz de hibernar, por tanto, esa é a maneira na que sobreviven ao inverno ata que as condicións climáticas son favorables e volven emerxer”.
Os adultos aliméntanse, fundamentalmente, de néctar ata o momento da cópula. Despois da cópula os machos morren e as femias viven varias semanas e necesitan sangue para poder realizar a posta de ovo. “Así localizan a animais, aliméntanse deles, obteñen ese sangue e nese momento poden transmitir diferentes infeccións, fundamentalmente víricas”, aclara o profesional. A través deste mecanismo, unha femia pode infectarse na primeira inxestión de sangue, e despois na segunda se se atopa cun animal non infectado pode transmitirlle os patóxenos.
Comportamentos e enfermidades que transmiten
Os culicoides buscan materia orgánica con humidade, principalmente feces, xurros, etc., -“non tanto a parte líquida, senón as marxes, porque necesitan que sexa unha materia con certa consistencia”. Prieto indica que unha zona típica no gando en extensivo é debaixo das árbores, onde os animais buscan sombra, xa que aí ouriñan as vacas.
Non hai protección cruzada entre diferentes serotipos da lingua azul e EHE
En canto ao comportamento, indícase que o vector se pode atopar desde febreiro- marzo, ata novembro, dependendo das condicións climáticas e da rexión.
En anos nos que hai calor, alta humidade e pouco vento estarán máis activos. “Se estamos nunha zona onde sopra moito o aire teñen máis difícil poder pousarse sobre un animal, pero eses días de calor nos que case non sopra o aire atoparémonolos máis”.
Son transmisores de multitude de enfermidades e, especialmente, das producidas por arbovirus. Dentro destas, pódense destacar a mencionadas lingua azul e EHE no gando, pero tamén a peste equina africana en cabalos ou a febre Oropuche en humanos, aínda que estas non están presentes en España.
A EHE e a lingua azul
A EHE e a lingua azul son enfermidades producidas polo mesmo xénero de virus, con gran capacidade de mutación e de recombinación, e iso permite que desenvolvan un gran número de serotipos ou variantes diferentes. En lingua azul coñécense máis de 30 serotipos distintos e en EHE, ata a data, 7 diferentes.
En canto ás mutacións, que son moi frecuentes, o que fan é cambiar os antíxenos presentes no virus. Isto está moi relacionado coa protección, porque se hai un animal que sufriu a infección ou que está vacinado contra un serotipo concreto vai ter anticorpos específicos contra eses antíxenos que lle permiten unirse ao virus e bloquealo.
Con todo, se aparece un serotipo novo, muta ou cambia, eses anticorpos xa non son capaces de unirse a eses antíxenos que hai na superficie, dado que a unión entre ambos debe ser específica. Desta forma, os anticorpos existentes xa non son capaces de bloquear ao virus e o animal enfermará.
Este feito é o responsable de que non exista a protección cruzada entre os diferentes serotipos destes virus. “Hoxe en día temos en España, por exemplo, o serotipo 8 en hemorráxica, pero en Marrocos temos o 6. Se o ano que vén entra o 6, todo o que vacinemos este ano fronte ao serotipo 8 non nos vai a valer para nada porque non hai protección cruzada. Por iso estannos vacinando de serotipo 4 en lingua azul, cando anteriormente xa nos vacinaron de serotipo 1 e 8”, aclara o profesional.
Pode haber porcentaxes de animais infectados moi baixos, ou ata o 100 % dos animais infectados
O ciclo de transmisión é relativamente sinxelo: Un mosquito non infectado atópase cun destes reservorios (vaca, cervo, etc.) que está infectado, pícalle e adquire a infección. Logo dun pequeno período de incubación vólvese infeccioso e cando busca o seu seguinte alimento, se se atopa cun animal non infectado pódelle transmitir o virus. Así se pecha o ciclo.
Factores de risco
A transmisión intrarrebaño, que é a capacidade de dispersarse a enfermidade no cortello, é moi variable. Ao ser transmitida por vectores, depende moito dos animais, do contacto que teñan co vector e doutros moitos factores. “Podemos ter porcentaxes de animais infectados moi baixos, ou até o 100 % dos animais infectados, se estamos nunha zona onde haxa moitos culicoides e moito reservorio ao redor”, indica Prieto.
A boa noticia é que son enfermidades que frecuentemente tenden a volverse endémicas co tempo, entón o primeiro ano a incidencia da enfermidade é máis elevada e os anos seguintes adoitan ser relativamente máis relaxados, sobre todo nas zonas onde houbo casos na tempada anterior.
Un dos factores a ter en conta é a adquisición de animais porque hai que ter en conta que os animais son o reservorio principal. “Se eu compro unha vaca que non ten ningunha sintomatoloxía, pero vén infectada cun serotipo 4 de lingua azul ou 8 de EHE e a meto no meu rabaño e hai poboación de culicoides, aí xa pecho o círculo para a transmisión destas enfermidades”.
Situación das enfermidades
No caso da EHE chegou a Europa en 2022 (novembro). Entre as primeiras notificacións en Italia e España hai unha semana de diferenza. Nos dous casos notificouse un serotipo 8 e ese serotipo era igual ao que circulaba de Túnez. En Marrocos ou Alxeria, outros países máis próximos a nós, dise que só hai serotipo 6, por tanto, o serotipo 8 que acaba de entrar procede de Túnez. O máis probable do motivo é o movemento de animais. “Un barco que viría por vía marítima, que foi parando por diferentes países”.
En setembro de 2023 chegou a Galicia e os puntos fóronse multiplicando masivamente. A comunicación de casos realizouse por comarcas (257 comarcas afectadas en total), pero os focos probablemente foron miles. Nesta nova tempada, os primeiros datos son do mes pasado. Comunicáronse tres focos (Guadalaxara, Ourense e Salamanca).
“O caso da lingua azul é un pouco menos preocupante, desde o meu punto de vista. En España temos o serotipo 1 e 8 e tamén o 4, que é o máis frecuente desde hai anos no noso país. En 2015 foi un ano grave. En 2021-22 volveu emerxer. En 2023 detectáronse 51 focos en todo o país (3 na Coruña).
En canto a reducir a transmisión, hai insecticidas, pero teñen efecto limitado
Sintomatoloxía e control
Normalmente nestas enfermidades, tanto lingua azul e hemorráxica, o cadro subclínico é o máis frecuente. “Atopámonos con moitos animais infectados que non sofren ningunha patoloxía, que non vemos ningún signo, pero son problemáticos desde o punto de vista de que actúan como reservorio”, recalca o profesional.
Nalgúns se poden atopar signos como linguas inchadas, ou o tracto intestinal, etc. En menor medida, o cadro é agudo e ven problemas nas patas. Outros son xa fulminantes. Na zona do padal poden aparecer úlceras. Un dos signos máis rechamantes son as edemas nas linguas, con gran aumento de tamaño, de tal maneira que hai animais que case non lles colle a lingua na boca. Hai que ter en conta que empregan a lingua para todo, especialmente para beber, polo que os animais afectados se deshidratan con facilidade.
Como en todas as infeccións víricas, non existe un tratamento específico contra o patóxeno. O que se pode aplicar é un tratamento sintomático para que o animal se atope o mellor posible dentro dos signos. Antiinflamatorios, rehidratar, no caso das úlceras e pódese utilizar algún tipo de antiséptico, como a clorhexidina. Se se sospeita dunha infección bacteriana secundaria, pódese engadir un antibiótico.
Para o control da enfermidade existen dous alicerces fundamentais. “Un deles é tratar de reducir a trasmisión. Pode tentarse reducir o número de culicoides no medio, ou tratar de evitar que os nosos animais entren en contacto con eles.
O segundo é mellorar a inmunidade do animal, con vacinación ou con control doutros procesos que teño na granxa. Por exemplo, se teño un BVD xa teño un problema inmunosupresor na miña granxa, se entra unha hemorráxica vaime a causar máis problemas que un estable cunha inmunidade forte, da mesma maneira que se teño animais parasitados ou calquera outro tipo de patoloxía a nivel de rabaño”.
En canto a reducir a transmisión, hai insecticidas, pero teñen efecto limitado. Os repelentes, segundo este experto, tamén funcionan ben, pero só se poden utilizar en équidos non destinados a consumo, porque nas especies dedicadas á produción de alimentos están totalmente prohibidos.
Os animais estabulados de maneira permanente probablemente teñen menos risco, pero ao final os culicoides acaban entrando tamén nos establos, especialmente cando as condicións exteriores non son favorables. Aínda así, é necesario tentar manter as inmediacións da granxa o máis limpas posible e evitar acumulación de barro e materia orgánica. A drenaxe en pastos pode axudar en casos de terreos demasiado húmidos ou que tenden a encharcarse.
En canto á vacinación fronte a ambas as enfermidades, non hai inmunidade cruzada duns serotipos con outros. Así, se o serotipo 8 de lingua azul ,que emerxeu recentemente de novo en Cataluña se estende a outras comunidades haberá que vacinar os animais fronte a este serotipo, ademais da vacinación que se está realizando fronte ao 4 e o 1.
“Tamén recalcar que se vacino de EHE non protexo de lingua azul”, indica. Actualmente, existen vacinas para lingua azul para os serotipos que hai circulando (1, 4 e 8) e para a EHE autorizaron recentemente unha, que se empezará a comercializar en agosto. “A día de hoxe, as vacinas son a mellor ferramenta que temos, aínda que é verdade que poden producir algúns efectos secundarios mesmo a longo prazo”, indica o profesional por mor dun debate xerado durante o relatorio.
Algúns profesionais presentes alertaron de casos nos que os animais, tras ser vacinados e coa presenza doutras enfermidades, a reacción a outros tratamentos foi preocupante.
Experiencia de campo coa EHE
O veterinario e gandeiro Enrique Gutiérrez expuxo a súa experiencia como veterinario e gandeiro, en especial coa hemorráxica. Empezou o seu relatorio resaltando que se trata “dunha enfermidade frustrante tanto para o veterinario, que non ten medios para atender aos animais, como para o gandeiro, que sofre prexuízos que non son indemnizados”. Resaltou que actualmente existen axudas para animal morto, pero “hai máis gastos nos animais que quedan vivos, aos que se lles aplican tratamentos e dan perdas na produción que non se sufraga”.
O veterinario lembrou que en 2022 empezou en Andalucía e subiu a Galicia no ano 2023. Pon de exemplo a primeira chamada que recibiu nunha gandaría Curtis, “que me chamou porque un animal tiña problemas. Empezou a estenderse aos demais animais e con cadros complicados”. Nese sentido e baixo a súa experiencia, indica que de primeiras afectaba máis aos animais de carne, “pero pronto saltou para as frisoas e logo ás xatas, que parecían máis resistentes, pero tamén caeron”.
En canto á sintomatoloxía, recalca que na súa zona observou úlceras na boca e lingua, “nestes casos curaban ben con antibiótico”; tamén síntomas de garganta ou pneumonía, “que xa eran máis complicados”, pero os peores síntomas eran os podais, “cando os animais sufrían de coxeiras, era un síntoma severo”. En xeral, outros síntomas que destacou son as febres altas, a anorexia, a diarrea con sangue e outros moitos, algúns similares a outras enfermidades.
Así, incide na importancia de estar pendentes de calquera sintomatoloxía para poder atallar o problema canto antes e facer as recomendacións que indicou Prieto. Tamén falou da importancia da vacinación e falou sobre os efectos secundarios que ten, “porque teño constancia de casos que tras a vacinación sofre algunhas consecuencias. Falta investigación”, concluíu.