Escenario da celulosa a nivel internacional: megaproxectos en Brasil, Uruguai e Chile

Sudamérica está a disparar a produción de celulosa a partir de eucalipto. En Europa, destacan os países nórdicos, que elaboran a pasta de fibra curta a partir do bidueiro. Suecia e Finlandia producen o 60% da pasta europea

Planta de fabricación de pasta de papel de Paso de los Toros (Uruguai)

Planta de fabricación de pasta de papel de Paso de los Toros (Uruguai), que ampliou a súa capacidade produtiva

A oferta internacional de pasta de papel medrará significativamente nos vindeiros anos debido a 4 proxectos en desenvolvemento neste momento en distintos países de Suramérica (Chile, Brasil e Uruguai).

As novas instalacións (Arauco MAPA en Chile, cunha produción de 800.000 toneladas no 2023 e unha capacidade total de 1,5 millóns; Paso de los Toros de UPM en Uruguai, que comezou a funcionar no 2023, con 2,1 millóns de toneladas de capacidade anual de produto final; Cerrado de Suzano en Brasil, que se agarda que comece a producir no 2024, cunha capacidade de 2,5 millóns de toneladas), e a ampliación da capacidade produtiva en 350.000 toneladas neste 2023 da planta de CMPC en Guaíba (Brasil), servirán para engadir 6 millóns de toneladas ás 182 producidas pola industria mundial de pasta de papel no 2022.

Pero non son os únicos proxectos en desenvolvemento. A pasteira Paracel, con capital sueco, está a iniciar actualmente outra planta de produción de celulosa na rexión paraguaia de Concepción. A mercadoría sairá á exportación, con destino fundamentalmente a China. O proxecto supón un investimento de 4.000 millóns de dólares e inclúe a plantación de 135.000 hectáreas de eucaliptos para garantir o abastecemento futuro da fábrica, que terá unha capacidade de produción de 1,5 millóns de toneladas de BHKP por ano.

Compañías europeas están a construír plantas de celulosa en Latinoamérica desde as que exportar a China

Os países latinoamericanos, consomen só un terzo da pasta de papel que producen (31 millóns de toneladas en 2021), polo que teñen unha clara vocación exportadora. Cunha produción en aumento, que representa xa o 17% da produción mundial, o seu peso na industria pasteira internacional é cada vez máis relevante.

A compañía brasileira Suzano é o principal fabricante mundial de pasta de papel

A compañía brasileira Suzano é o principal produtor mundial de pulpa de eucalipto kraft blanqueada (BEK) e o seu principal cliente é China. No primeiro semestre do 2023, Brasil exportou un total de 5,1 millóns de toneladas de pasta de papel a China. Pero cando China non tira, eses barcos acaban noutros destinos, por exemplo en Europa.

A balanza comercial de pasta de papel da UE está bastante equilibrada, cunha produción en 2021 de 37,2 millóns de toneladas e un consumo de 40,1. Por rexións, Asia é a maior consumidora mundial de pasta de papel (39% o ano pasado), seguido de Norteamérica (26%) e Europa (21%).

En Europa, a empresa Metsä Fibre está desenvolvendo unha nova planta en Kemi (Finlandia) cunha produción de 880.000 toneladas

En Europa, o sector mantense máis estable, con menor capacidade de crecemento, se ben hai casos, como o da empresa Metsä Fibre, que está rematando nese momento a construción e posta en marcha dunha nova planta en Kemi (Finlandia), cunha produción de 880.000 toneladas.

Os países nórdicos son os líderes en Europa na produción de celulosa. Suecia e Finlandia acumulan un 60% do total, con factorías que traballan principalmente con bidueiro, no caso da pasta de fibra curta. A Península Ibérica, pola súa banda, ten un 12% da cota de mercado do continente.

Produción de celulosa en Europa por países, no 2021.

Produción de celulosa en Europa por países, no 2021.

As empresas europeas saltan o charco

As empresas europeas levan anos poñendo os seus ollos en Latinoamérica. Tralo frustrado intento de construción dunha planta por parte de Ence en Conchillas (Uruguai) no 2009, outras empresas como as finlandesas Metsa-Botnia, Stora Enso ou UPM, asentáronse no país.

UPM conta xa con dúas plantas en Uruguai, logo da compra da planta de Fray Bentos (a carón do caudaloso río Uruguai, que fai fronteira con Arxentina) a Botnia no 2009 e a construción da inaugurada esta primavera en Paso de los Toros, no centro do país, e que supuxo un investimento de 2.700 millóns de dólares na fábrica e outros 350 en infraestruturas portuarias, o maior investimento privado na historia do país.

Uruguai conta cunha terceira pasteira, ubicada en Montes del Plata, construída pola compañía sueco-finesa Stora Enso e a chilena Arauco, que mercaron os activos de Ence cando decidiu retirarse do país e vender os seus activos forestais.

O expresidente uruguaio Pepe Mujica abriu as portas ás empresas de celulosa estranxeiras e os gobernos posteriores continuaron con esta política, facilitando todo tipo de infraestruturas, como o chamado Ferrocarril Central, unha vía de tren en construción de 273 km de lonxitude e 1.000 millóns de dólares de investimento que conectará a planta de Paso de los Toros co porto de Montevideo e que servirá para transportar o eucalipto que necesita a fábrica e a pasta de celulosa que sairá dela.

A produción forestal representa xa o 4% do PIB do país. Coa entrada en produción da nova planta de Paso de los Toros a celulosa será o principal produto de exportación de Uruguai, con máis de 5 millóns de toneladas, por diante da carne de vacún e a soia.

Compras a baixo prezo por parte de China

A compañía brasileira Suzano é o principal produtor mundial de pulpa de eucalipto kraft blanqueada (BEK) e o seu principal cliente é China

A brasileira Suzano é o principal produtor mundial de pulpa de eucalipto kraft blanqueada con destino a China

“A única maneira de competir con Brasil ou Uruguai é acabar co minifundio”

Unha procesadora de Forestal Cando traballando nun monte da comarca de Ferrolterra

Unha procesadora de Forestal Cando traballando nun monte da comarca de Ferrolterra

A produción de pasta de papel é hoxe un mercado globalizado, onde as empresas que compran o eucalipto galego (Ence, Altri e Navigator) compiten coas pasteiras de países como Brasil ou Uruguai.

Rubén Pena, de Forestal Cando, unha empresa de Ferrolterra adicada á corta de madeira, explica ás dificultades que actualmente ten o sector forestal galego para competir con eses países na produción de pasta de papel.

“Economías emerxentes como Brasil ou Uruguai están montando pasteiras. Alí comprase a 7 ou 8 euros a tonelada de eucalipto e a man de obra é tamén moito máis barata”, di.

”No momento en que as economías emerxentes comecen a inundar o mercado con pasta de papel, os prezos caerán”

“Antes estes países antes producían para eles e se sobraba algún barco puntual mandábano fóra. Pero agora seguen plantando e a produción alí está aumentando. No momento en que estas economías emerxentes empecen a inundar o mercado con pasta de papel barata, os prezos aquí seguirán caendo”, teme.

En Brasil cortan 500 ou 1.000 hectáreas xuntas; aquí cortamos fincas de 2 ferrados

Baixar os custos de produción da materia prima é a única maneira de poder competir, afirma Rubén. “Brasil ten máis superficie de eucalipto da que hai en España e Portugal xuntos. En Brasil cortan 300, 500 ou 1000 hectáreas xuntas; aquí cortamos 2 ferrados”, compara.

Por iso, di, “non lle vexo solución aos prezos da madeira en Galicia mentres non se reestruture a propiedade, porque aquí os custos de produción son moi elevados”. “Temos un sector completamente atomizado; nos últimos 40 anos o único que evolucionou foi a maquinaria, pero non o territorio”, lamenta.

En Galicia nos últimos 40 anos evolucionou a maquinaria, pero non o territorio

“Ten que haber unha ordenación forestal”, defende, “e ese papel correspóndelle á Administración”, di. “Para que o sector forestal poida avanzar temos que ter ordenación e infraestruturas (pistas, cargadeiros, etc). E mentres iso non se amañe o problema dos prezos non se amaña. Temos un problema gravísimo para o futuro, porque vai haber pouca compensación económica para o propietario e iso provocará o abandono do monte”, considera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información