A escalada de danos da fauna salvaxe colma a paciencia do agro

Centos de produtores maniféstanse en Santiago en demanda dun control das poboacións e da cobertura do 100% das perdas. Os colectivos convocantes anuncian a continuación das protestas “ata que haxa solucións”

A escalada de danos da fauna salvaxe colma a paciencia do agro

Cabeceira da manifestación.

Cando na Idade Media estaban en pleno uso os foxos do lobo, os veciños das aldeas xuntábanse no monte para facer ruído con cacharros, de xeito que o lobo se espantase e se encamiñase cara o foxo, onde xa non tiña escapatoria. Aquela estratexia de facer barullo con cacerolas polos danos do lobo actualizouse agora cun novo sentido. Chocas, cacerolas e sarténs puxeron hoxe ambiente sonoro nunha manifestación gandeira en Santiago polas perdas derivadas da fauna salvaxe. A cita congregou a uns poucos centos de produtores que queren encamiñar á Xunta a solucións para os problemas do lobo e do xabarín no agro.

A progresión de danos provocados pola fauna salvaxe chegou no campo a unha situación que os produtores describen como “de acoso e derribo”. En moitas explotacións, as perdas anuais cóntanse en miles de euros e a situación xa colmou a paciencia dos produtores, que piden medidas de control das poboacións e a cobertura do 100% das perdas por parte da Xunta.

Protesta con cacerolas e chocas ante Medio Ambiente.

Protesta con cacerolas e chocas ante Medio Ambiente.

‘Sen gandería, non hai ecoloxía’ ou ‘A fauna máis dañina, Feijoo e compañía’ foron algúns dos lemas máis coreados polos produtores, que marcharon esta mañá entre a Consellería do Medio Rural e a de Medio Ambiente. A mobilización representa o inicio dunha serie de protestas, segundo anunciou ó remate do acto a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. Xunto co Sindicato Labrego, convocaron a concentración de hoxe a Fruga, Ovica e a Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa Galicia), un colectivo de produtores presentado a comezos de ano en Ferrolterra e Ortegal.

As entidades convocantes esperan que nas próximas semanas haxa outros colectivos agrarios que se sumen á plataforma en demanda de solucións ós danos da fauna salvaxe. “Este é o inicio dunha protesta que parará cando teñamos solucións. A xente está desesperada e son moitas as explotacións que falan de botar o peche”, advirte Isabel Vilalba.

O acto de hoxe, a parte de xuntar ás organizacións convocantes, contou tamén co apoio simbólico de representantes institucionais, coma o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, ou o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, que se ten significado pola demanda de medidas para frear os danos provocados polo lobo nas ganderías do seu concello.

José Antonio Muiño. Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa)

“Chegamos a un punto no que ou se toman medidas ou o rural está sentenciado ó abandono”

José Antonio Muiño.

José Antonio Muiño.

O presidente da Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), José Antonio Muiño, explica a súa situación persoal a modo de exemplo do que sucede en moitas outras explotacións. Muiño conta con 60 hectáreas en Narón que adica ó cultivo de millo e trigo e no último ano perdeu entre 5.000 e 6.000 euros polos danos do xabarín. “É necesario tomar medidas de control das poboacións e pagar o 100% dos danos” -demanda-.

“Estamos ante un problema grave en moitas zonas e chegamos a un punto no que ou se toman medidas ou o rural está sentenciado ó abandono”, conclúe o presidente de Aperfasa, un colectivo que desde comezos de ano está tratando de implicar ás distintas comarcas agrarias de Galicia na demanda de solucións.

O presidente do colectivo lembra ademais que o problema da fauna salvaxe xa non é agrogandeiro. “O xabarín é un problema de seguridade vial e social, pois xa houbo ataques a persoas e nalgún momento podemos chegar a lamentar desgracias que non se desexan”, advirte.

Un intre da protesta.

Un intre da protesta.

Diego Fernández, presidente de Ovica

“Sempre convivimos coa fauna salvaxe, pero agora as poboacións están descontroladas”

Ovica, a asociación que aglutina ós produtores de ovino e cabrún de Galicia, sumouse á mobilización de hoxe pola situación límite á que percibe que chegaron os danos da fauna salvaxe. O seu presidente, Diego Fernández, advirte do impacto de xabaríns e lobos sobre as explotacións socias.

“O xabarín é un dos maiores problemas que temos no campo todos os sectores produtivos. Limítanos moito os cultivos e poñer as terras a producir é un gran risco en moitas ocasións polos danos agardados”, advirte.

Sobre o lobo, Fernández destaca que o ritmo de ataques é “de acoso e derribo diario”. “A Administración ten que tomar medidas. Sempre convivimos con estes animais, pero estamos nun intre no que as poboacións están descontroladas. Por moitas medidas de prevención que tentes tomar, non son suficientes. Cos cans mastíns, por exemplo, hai situacións en que os lobos teñen sacado ós cans do rabaño e despois atácano. Está claro que temos que seguir coas medidas de prevención, pero son insuficientes”, subliña.

Asistentes á mobilización durante a lectura do manifesto final.

Asistentes á mobilización durante a lectura do manifesto final.

Elías Somoza, coordinador de Gandería da Fruga

“Se a fauna salvaxe é un ben social, que a sociedade asuma tódolos danos”

O coordinador de Gandería da Fruga, Elías Somoza, incide na necesidade de medidas estruturais para abordar o descontrol das poboacións. “Nunca un estudo serio se fixo sobre o impacto do xabarín no agro e sobre que medidas efectivas hai que tomar. Desde logo, unha das cuestións importantes é que haxa unha ordenación territorial que faga posible a convivencia coa fauna salvaxe no agro e se a fauna salvaxe se segue considerando un ben social, non podemos asumir sempre os gandeiros os danos. Terán que ser asumidos polo conxunto da sociedade”, reclama.

Isabel Vilalba. Sindicato Labrego Galego

“As protestas cesarán cando teñamos solucións”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, considera a mobilización de hoxe o punto de inicio dunha serie de accións en demanda de medidas. “Os danos van a máis e as medidas da Xunta son continuidade do que nos trouxo ata aquí. Hai comarcas que xa renuncian a plantar millo e explotacións desesperadas”, resume.

A mobilización discurreu entre Medio Rural e Medio Ambiente.

A mobilización discurreu entre Medio Rural e Medio Ambiente.

Vilalba lembra que no 2013 se aprobou unha lei de caza na que estaba prevista a creación dun fondo de corresponsabilidade para danos, “que segue sen crearse 6 anos despois”, cuestiona. “Defendemos a responsabilidade civil subsidiaria da Administración no 100% dos danos”, sinala.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego subliña tamén os perigos sanitarios que leva consigo a proximidade do xabarín co gando. “As ganderías están alarmadas pola expansión da peste porcina en Europa, en tanto no sur de España xa se documentou a transmisión de tuberculose ou brucelose ó gando a partir da fauna salvaxe. As ganderías teñen medo cando se atopan co xabarín nos comedeiros ou nos bebedeiros do gando”, expón Vilalba, que conclúe que as mobilizacións non cesarán “ata que teñamos solucións”.

Una idea sobre “A escalada de danos da fauna salvaxe colma a paciencia do agro

  1. Sined

    Pero que equivocados estades. Vos pensades que o habitat natural da fauna e igual a idade media ou que? Parece que só se pretende matar o problema, aniqulalo.
    O problema é a falta de ordenación do territorio, os monocultivos e a falta de habitats naturais para que more a fauna. Se non hai bosques e espazos naturais non teñen comida, e daquela vos tocan a vosa parceliña. Visión xeral porfavor, ante unha crise ambiental non se podepedir que maten a todos os animais.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información