Erros a evitar nas solicitudes de plans de mellora e axudas de incorporación

Repasamos, da man dos técnicos das Oficinas Agrarias Comarcais da Área de Servizos Agrarios de Lugo, as novidades deste ano nas ordes de axuda para incorporación de persoas mozas, plans de mellora e pequenas explotacións. A convocatoria está aberta até o 9 de marzo

Os técnicos da Consellería de Medio Rural que impartiron a charla en Lugo

Os técnicos da Consellería de Medio Rural que impartiron a charla en Lugo

Unha xornada informativa celebrada o pasado xoves o salón de actos do edificio administrativo da Xunta en Lugo, dirixida a técnicos e gandeiros, serviu para repasar o procedemento, requisitos, documentación mínima e baremo de concesión das axudas para incorporación de mozos e mozas ao agro, plans de mellora e posta en marcha de pequenas explotacións.

Este ano hai novidades tanto na forma de presentación (que debe ser telemática a través da plataforma Melles) como nalgúns aspectos relativos ás contías e baremos. Primarase, por exemplo, que a explotación se atope dentro dunha aldea modelo ou participe nun polígono agroforestal.

O 10% do orzamento reservarase para solicitudes procedentes de explotacións en aldeas modelo ou que participen en polígonos agroforestais

As bases reguladoras destas tres liñas de axuda foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 9 de febreiro e o prazo para presentar as solicitudes está aberto até o vindeiro 9 de marzo, aínda que non se descarta una ampliación, xa que a plataforma habilitada para a presentación telemática das solicitudes está causando problemas no seu funcionamento e non está aínda plenamente operativa.

As axudas pódense solicitar até o 9 de marzo e o prazo para a presentación de licenzas e permisos administrativos remata o 15 de xullo

Unha vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación non se admitirán cambios nos investimentos nin relativos aos criterios de prioridade utilizados para a concesión en réxime de concorrencia competitiva. O prazo para a presentación de licenzas e permisos administrativos remata o vindeiro 15 de xullo, aínda que en anos anteriores este prazo tamén foi ampliado. Unha vez aprobadas as axudas, poderanse solicitar cambios ata 6 meses antes de que remate o prazo de execución.

Contías e novos criterios

O orzamento reservado este ano para investimentos en explotacións agrarias, os coñecidos como Plans de Mellora, é de 20 millóns de euros; o destinado a axudas para primeira instalación de persoas agricultoras mozas é de 15 millóns de euros; mentres que o reservado para o desenvolvemento de pequenas explotacións ascende a 2,5 millóns de euros. O 10% do orzamento de cada unha destas submedidas está reservado para solicitudes vinculadas con instrumentos de recuperación de terra agraria (persoas ou explotacións que formen parte de aldeas modelo ou participen nun polígono agroforestal).

A axuda básica de incorporación pasa de 20.000 a 25.000 euros e para pequenas explotacións a renda de traballo agrario deberá ser cando menos o 15% ou contar cunha superficie de máis de 2 hectáreas

A contía básica no caso da incorporación de mozos increméntase en 5.000 euros (pasa de 20.000 a 25.000€) e pode chegar até un máximo de 70.000 euros en función dos investimentos asociados. Para os Plans de mellora, o importe das axudas sitúase entre o 30 e o 50% dos investimentos realizados; mentres que no caso de pequenas explotacións, cunha axuda de 15.000 euros, introdúcese este ano un novo criterio de acceso: renda unitaria de traballo igual ou superior ao 15% da renda de referencia ou unha superficie igual ou superior a 2 hectáreas, incorporado como novidade na actual convocatoria.

Imprescindible contar con certificado dixital ou clave 365

Outra novidade é que desta volta todos os solicitantes deben facer a súa solicitude a través da aplicación informática Melles. Para poder realizar a tramitación a través desta plataforma, o solicitante necesita ou ben un certificado dixital ou ben unha chave 365 para entrar na aplicación e poder presentar a documentación ou para autorizar á entidade externa que lle vaia facer os trámites e a presentación no seu nome.  

Os técnicos da Xunta recomendaron ás sociedades de nova creación, “que corran a pedir o certificado dixital, porque o van necesitar, sexa para presentar a solicitude de axuda eles mesmos ou para autorizar a alguén para que os represente e faga a solicitude no seu nome”.  

Todos os solicitantes deberán posuír un certificado dixital ou unha chave 365 para facer a presentación electrónica da documentación ou para autorizar á entidade que o faga no seu nome

O certificado dixital solicítase na páxina web da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre e debe ser despois validado en Correos ou na Axencia Tributaria. En anos anteriores este trámite non era necesario para a presentación das solicitudes por parte das entidades de aconsellamento, pois valía cunha representación asinada en papel, seguindo un modelo oficial, por parte do titular ou dos socios da explotación.

Principais aspectos a ter en conta en cada liña de subvención

Adxuntamos a continuación unhas guías-resumo elaboradas por técnicos da Consellería en Lugo que inclúen os aspectos básicos que hai que ter presentes este ano á hora de facer as solicitudes de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións.

É  necesario ter en conta que estes documentos recollen só a xeneralidade da norma, polo que os propios autores aclaran que para unha interpretación máis completa e exacta débese atender á literalidade da orde publicada o pasado 9 de febreiro, así como ás posibles futuras modificacións. No caso de dúbidas, os técnicos da Xunta recomendan ademais acudir ás oficinas agrarias comarcais para asesorarse sobre cada caso particular e concreto.

Erros frecuentes a evitar

Entre os asistentes á charla informativa na sede da Xunta había técnicos e gandeiros

Entre os asistentes á charla informativa na sede da Xunta había técnicos e gandeiros

O obxectivo principal da charla organizada polas oficinas agrarias comarcais de Lugo e Sarria era informar dos cambios producidos nas bases deste ano e no modo de tramitación de cara a evitar os erros nas solicitudes, que acaban provocando ademais unha redución dos importes finais a percibir polos beneficiarios, e axilizar deste xeito os expedientes.

Os erros nas solicitudes acaban provocando unha redución dos importes finais a percibir polos beneficiarios

Na xornada interviron distintos técnicos das oficinas agrarias da Xunta en Lugo, que detallaron cada unha das liñas de axuda e deron consellos prácticos sobre a tramitación e os procesos posteriores de execución e xustificación.

Axudas de incorporación

Marta Muíño, que foi a encargada de falar da incorporación de persoas mozas, explicou que un dos cambios da convocatoria deste ano é que o proceso de instalación pode estar iniciado antes de formalizar a solicitude de axuda, pero non poderá estar finalizado, agás incorporación nas denominadas modalidades especiais (persoas con certa actividade agraria que pasan a ter consideración de titulares de explotacións prioritarias).  Non se poden ter tampouco ingresos agrarios, agás vendas de madeira ou de castañas procedentes de soutos tradicionais.

“O recomendable sempre que se poda é non dar ningún paso ata que veña aprobada a axuda, porque en caso de que veña denegada por algún motivo e se queira solicitar a axuda do ano seguinte non se podería porque a persoa xa estaría instalada”, explicou.

Unha vez aprobada a axuda, os pasos básicos a dar serían: alta na Seguridade Social e en Facenda e desembolso do capital social no prazo de 9 meses. “Pero hai que ter en conta que se se pide un Plan de Mellora asociado á incorporación, que se certifica antes, xa hai que estar instalado neste momento”, indicou.

O proceso de instalación pode estar iniciado antes de formalizar a solicitude de axuda, pero non poderá estar finalizado

Tamén aclarou que aínda que se teña completado o proceso de instalación, hai que agardar a cumprir os dous anos para poder solicitar o ingreso do segundo pago da axuda, que equivale ao 40% do importe concedido.

A persoa que se incorpore ten que realizar un curso de formación de 250 horas de duración. Ten de prazo para presentar o certificado de capacitación agraria 36 meses desde a instalación, e non desde a aprobación da axuda, como se pedía ata agora. Esa é outra das novidades deste ano.  

  • Control efectivo da explotación

Cando o mozo ou moza se incorpora á actividade agraria como socio ou socia nunha entidade asociativa xa existente, deberá exercer o control efectivo da explotación, é dicir, deberá pasar a ser o socio ou socia con maior porcentaxe de participación. Sen embargo, esta condición non sempre é doada de cumprir.

“A incorporación dun mozo ou moza nunha explotación xa constituída pode acarrear problemas en determinadas circunstancias, sobre todo en entidades con moitos socios ou sociedades con moito capital social porque o mozo para optar a algunha axuda extra, tanto da PAC como de outro tipo, debe ter máis do 50% do capital e ás veces non é doado acadar esa porcentaxe”, evidenciou Marta.  

  • Explotacións que formen parte de Organizacións de produtores

Unha novidade deste ano é que instalarse nunha explotación socia dunha Organización de Produtores ou que se comprometa a ser socia unha vez finalizado o plan empresarial puntúase con dous puntos.  

Nos casos de incorporación en ecolóxico, que se prima con 4 puntos no baremo, admítese no momento da solicitude estar no periodo de conversión, pero no momento da certificación deberá estar completado ese proceso.

  • Cumprir co plan empresarial

Nas solicitudes os criterios de prioridade, os investimentos e os importes polos que se solicita a axuda non se poden modificar unha vez estea pechado o prazo de solicitude, polo que hai que fixarse ben para que non leven erros.

 “O mozo que se queira incorporar ten que ter as cousas claras do que quere facer, porque iso vai recollido nun plan empresarial que hai que cumprir. Se no momento da comprobación non coincide o que hai na explotación co recollido no plan empresarial pode ter problemas para cobrar. Non se pode cambiar tampouco a orientación produtiva da explotación que aparece na solicitude”, indicou.

No plan empresarial hai que xustificar que se ten capacidade suficiente de almacenamento de puríns e estercos e terras dabondo onde botalos. Pero esta condición pode cumprirse por un mesmo ou a través de terceiros (empresas xestoras ou acordos con outras explotacións).

  • Renda mínima e persoas contratadas

Importante no plan empresarial é o número de UTAs. O mozo ou moza pode incorporarse como media UTA ou como 1 UTA (valórase con 6 puntos) e iso non pode variarse no momento de certificar e debe manterse durante o periodo de compromisos. Non se pode contratar tampouco a familiares directos ou persoas convivintes para ter o extra de 4 puntos por creación de emprego adicional (UTA asalariada a tempo completo).

A persoa incorporada deberá acadar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35% da renda de referencia e inferior ao 120% desta. “As rendas agrarias negativas non cumpren e hai problemas tamén ás veces con traballos esporádicos fóra da actividade agraria”, aclarou.

As incorporacións de cónxuxes ou parellas de feito en réxime de gananciais que non constituísen titularidade compartida, só poderán ser beneficiarias das axudas se constitúen unha sociedade na que cada un dos membros acada como mínimo o 35% da renda de referencia ou a sociedade é o resultado da fusión de polo menos dúas explotacións preexistentes en funcionamento e sempre que proporcione unha renda mínima do 35% a cada un dos socios.

Plans de mellora

José Antonio Flores, técnico da oficina agraria de Sarria, foi o encargado de detallar os distintos aspectos a ter en conta nas axudas destinadas ao apoio aos investimentos realizados nas explotacións agrícolas e gandeiras.

“O Plan de mellora hai dúas posibilidades de pedilo: ligado á incorporación ou de xeito independente. Aínda que a idade para poder solicitalo é ata a idade de xubilación, unha persoa con 64 ou 65 anos non é lóxico que pida un Plan de Mellora se esa explotación non ten continuidade e neses casos é obrigatorio estar inscrito no futuro Banco de Explotacións”, aclarou.

Esíxese que a explotación beneficiaria siga en activo por un periodo de 5 anos desde o pago da axuda, o que pode irse até 7 anos desde a solicitude, polo que ese compromiso condicionaría despois a idade de xubilación do solicitante ou obrigaríao a subrogar a outra persoa nesa explotación trala súa xubilación.

Outra das condicións é que hai que ter un volume mínimo de partida no momento da solicitude (25 vacas reprodutoras no caso de ganderías de vacún de carne e unha produción anual de 95.000 kg no caso de explotacións leiteiras).

Para a instalación de robots de muxido, no momento do cobro hai que cumprir coa produción mínima esixida: 500.000 litros para o primeiro robot, 1 millón de litros para o segundo e 1,5 millóns de litros para o terceiro

No caso de solicitudes para instalación de robots, a axuda leva aparellado un volumen mínimo de produción: 100.000 euros de axuda para a adquisición da primeira unidade e unha produción mínima de 500.000 litros; 75.000 euros para a segunda unidade e 1 millón de litros; e 50.000€ para o terceiro robot e 1,5 millóns de litros. A produción comprometida acreditarase no control administrativo da solicitude de pagamento.

  • Máximo 500.000 euros por explotación en 4 anos

O límite máximo dos Plans de mellora está fixado en 500.000 euros por explotación ou 120.000 euros por UTA. Compútanse nos últimos 4 anos, desde a data de solicitude de pagamento do anterior Plan de mellora ata a data de solicitude da nova axuda. José Antonio pon un exemplo: “se unha explotación con máis de 4 UTAs pediu un Plan de mellora anterior nos últimos 4 anos por importe de 400.000 euros só lle quedarían 100.000 euros para este novo plan”.

Desaparece no baremo o punto que había por estar no Control Leiteiro

No baremo de concesión, que a explotación se incorpore a instrumentos de mobilidade de terras (aldeas modelo e polígonos agroforestais) prémiase con 5 puntos. Esta é unha das novidades da convocatoria deste ano, ao igual que se outorgan 2 puntos se a explotación conta cunha carga gandeira inferior a 2 UGM/ha, para incentivar deste xeito que as ganderías teñan base territorial suficiente para a alimentación dos seus animais. Se a explotación é socia dunha Organización de Produtores sumaría 2 puntos máis.

  • Hai que xustificar por que se necesita cada un dos investimentos

A documentación mínima debe ser entregada no momento da solicitude, do contrario a axuda é denegada automáticamente. Entre a documentación requerida atópanse tres orzamentos por cada investimento solicitado así como unha memoria que xustificará cada un dos investimentos e a mellora que vai xerar na explotación, xa que só son subvencionables os investimentos en instalacións e compra de maquinaria que supoñan unha redución dos custos de produción ou un incremento da produtividade.

“Na memoria non só hai que citar ou describir os investimentos que se van facer, senón que hai que xustificar por que se necesita e por que é rendible ese investimento nesa explotación, en función do volume que ten esa explotación, e os tres orzamentos que hai que presentar deben ser comparables no tocante ás características do investimento e non poden estar feitos por empresas vinculadas”, detallou José Antonio.

No caso de que sexa precisa obra civil é necesario presentar proxecto e a concesión de permisos administrativos necesarios debe lograrse con data anterior ao 15 de xullo do 2022 (aínda que en anos anteriores houbo ampliación dese prazo).

  • Capacidade de almacenamento suficiente de xurros e estercos

Nas ampliacións de establos, as ganderías deben demostrar que teñen capacidade suficiente de almacenaxe de xurros e estercos, unha condición necesaria para lograr as preceptivas declaracións ambientais.

Pero os técnicos da Xunta advirten: “Ás veces póñense no papel cousas para cumprir cos compromisos establecidos nas ordes de axudas pero que non se corresponden coa realidade da explotación. Iso pode provocar un problema a esa explotación nun moi curto periodo de tempo, e máis coas normativas que se aveciñan”, din.

Este ano aumentouse o valor do módulo de obra correspondente ás esterqueiras, que deberán ser cubertas

En explotacións de porcino e nas de gando vacún con máis de 3 UGM/ha é obrigatoria a cuberta da fosa do xurro. As esterqueiras tamén deberán ser cubertas. “O esterco é un abono de liberación lento estupendo que está infrautilizado e este ano aumentouse o valor do módulo de construcción de esterqueiras (de 36€/m2 a 40€/m2), ata poñelo a un nivel similar ao da construcción de foxas de purín ou silos”, defende José Antonio.

  • Compras de maquinaria

As únicas cisternas de xurro que se subvencionan son as que levan sistemas de aplicación de xurros mediante tubos colgantes ou aplicadores e non entran dentro dos Plans de mellora os carros mesturadores nin as colleitadoras autopropulsadas.

Non será subvencionable tampouco a compra de maquinaria se os últimos 10 anos se subvencionou o mesmo tipo de maquinaria na explotación. “Non se pode pedir un plan de mellora para un tractor se se subvencionou outro nos últimos 10 anos”, exemplifica José Antonio.

O leasing ou a reserva de dominio debe estar cancelado antes da finalización do prazo de xustificación, porque nese momento a máquina debe ser propiedade plena do gandeiro

Como máximo permitirase que un 30% do investimento previsto no Plan de mellora se destine a maquinaria. Os bens deben ser adquiridos polo beneficiario da axuda en propiedade. “Ollo coas compras financiadas, os leasing e as reservas de dominio, porque antes da finalización do prazo de xustificación da axuda os bens deben ser propiedade plena do beneficiario”, advirte. 

  • Compra de terras

A compra de terreos que non formen parte da explotación terá como límite o 10% do valor subvencionable total do plan de mellora. Serán elixibles as terras de uso agrario en solo rústico e os terreos de uso forestal se se solicita a roturación no mesmo Plan de mellora. Só se poderán mercar terreos en solos urbanos ou de núcleo rural se van acoller parte da obra civil do Plan de mellora. En todo caso, as terras deberá estar situadas no concello da explotación ou limitrofe.

Poderá subvencionarse a compra de terreos por un importe que non exceda o 10% dos gastos subvencionables do Plan de mellora

“A compra de fincas debe facerse a prezos razoables. Debe achegarse un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun organismo público, por exemplo da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). O solicitante deberá achegar un precontrato coa solicitude e despois formalizar a compra en escritura pública”, explica José Antonio.

  • Demostrar a antigüidade das naves

Nas construcións de establos, naves ou edificacións auxiliares hai que acreditar a dispoñibilidade da parcela e non se subvenciona a compra de naves en uso ou en activo; só aquelas doutras explotacións que estean inactivas no momento da solicitude.

Só se subvencionan as reformas en instalacións de máis de 10 anos e a compra de naves para ser rehabilitadas se proceden de explotacións sen actividade

Subvenciónanse reformas en naves cunha antigüidade de entre 10 e 30 anos. En establos máis antigos permítese a derruba subvencionada e a construción de obra nova. “O problema moitas veces é demostrar a antigüidade”, recoñece José Antonio.

O prazo de execución é de 18 meses desde a resolución da aprobación

“É importante que se execute cada módulo da obra segundo o proxecto que foi presentado. En caso de que haxa modificacións poden comunicarse 6 meses antes de que remate o prazo de execución. Do contrario, se restamos metros á leitería para darllos á sala de muxido, por exemplo, imos ter problemas porque váisenos descontar os metros de máis que fixemos na sala de muxido e os que fixemos de menos na leitería; non se poden pasar os metros dun módulo a outro”, explica.

  • Comprobación de conducións soterradas

Os investimentos non deberán sufrir modificacións nos cinco anos seguintes ao pago final, no relativo a cese, cambio de propiedade ou cambio substancial de uso. “As esterquieras e almacéns deben manterse co uso para o que foi pedida a axuda. Non se pode usar a esterqueira para gardar maquinaria nin os almacéns para meter vacas. Non é unha mellora pasar de almacén a establo, é un incumprimento da normativa. Se nos 5 anos seguintes se modifica o uso solicitado habería que devolver a axuda recibida”, aclara José Antonio.

A permanencia dos investimentos co fin para o que foron solicitados deberá manterse durante 5 anos

Se se pide para un peche, non se subvenciona a man de obra propia. Nese caso descóntase o 60% do valor do módulo. As conducións de auga para unha finca son subvencionables, non así as de luz, que só entran no Plan de mellora se son dentro da parcela.

Só é subvencionable o tendido eléctrico que se realice no interior da parcela, pero a acometida ata a finca non é subvencionable

Nestes casos de obras subterráneas, “cando se abre a zanxa e se mete a tubería, antes de pechala, hai que avisarnos para que vaiamos comprobalo, porque unha vez pechado non o podemos facer. O mesmo para os sistemas de drenaxe en forma de espiña de peixe que se esixen nas balsas de purín de pvc”, indicou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información