‘Erasmus agrario’, coñecer outras granxas desde dentro para mellorar a propia

O Erasmus Agrario ou os programas de intercambio de experiencias profesionais afiánzanse no agro e a mocidade galega demanda e participa cada vez máis destas iniciativas. Coñecemos máis sobre algunhas destas propostas formativas nacionais e internacionais

‘Erasmus agrario’, coñecer outras granxas desde dentro para mellorar a propia

Visita de mozos gandeiros franceses a unha granxa de Rodeiro (Pontevedra) nunha actividade do programa LeadFarm.

Traballan do mesmo xeito nunha gandería de leite de Rodeiro (Pontevedra), nunha granxa de Francia ou nunha de Irlanda? As diferencias agroman de seguro, pero tamén os puntos de encontro. Programas de intercambio de experiencias profesionais como o Erasmus Agrario ou o LeadFarm, que puxo en contacto a gandeiros galegos, franceses, irlandeses, suecos e letóns, son un exemplo de cooperación no agro. Son unha oportunidade para ver como traballan profesionais agrogandeiros doutras partes de España e de distintas partes do mundo.

O Erasmus Agrario, programa que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) activou o ano pasado, é unha das iniciativas que se abordaron recentemente nun encontro virtual de mocidade galega vinculada co agro que organizou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

“Este tipo de intercambios sempre resultan interesantes, posto que aportan outra perspectiva”: Higinio Mougán, Agaca

Coñecer dende dentro e por uns días unha gandería doutra rexión, intercambiar experiencias, aportar e descubrir solucións a problemáticas comúns… son só algúns dos proveitos que ofrecen os intercambios entre profesionais do agro. “Este tipo de intercambios sempre resultan interesantes, tanto se se participa indo a outras granxas como se se acolle na propia a visita doutros gandeiros, posto que ámbolos dous casos aportan outra perspectiva”, valora Higinio Mougán, director-xerente de Agaca.

O Erasmus Agrario

A segunda edición do Programa de Visitas Formativas de Mozos Agricultores en Explotacións Modelo, coñecido como “Erasmus Agrario”, está aínda por convocar. Así, tampouco está polo momento definida a partida orzamentaria da que disporá o programa. “Agardamos que este ano se destinen máis cartos que na primeira edición para que poidan participar máis mozos”, apuntan dende Agaca.

Trátase dun programa de intercambio estatal, polo que permite visitas formativas en ganderías e explotacións doutra comunidade autónoma. Ademais, os intercambios sempre se realizan entre produtores do mesmo sector, co gaio de que resulten de maior interese. Nestas estancias, que se prolongan entre 5 ou 14 días naturais, poden participar mozos do sector menores de 41 anos.

As estancias prolóngase entre 5 ou 14 días e nelas abórdanse cuestións de interese para o día a día da gandería como a mecanización, a xestión da auga, o solo ou cultivo así como incorporación de prácticas sostibles

Durante estas xornadas, os participantes teñen que pasar unha media de 7 horas ó día na propia gandería ou tratando temas relacionados con ela. “Estas estancias teñen que servir para afondar nun programa formativo que poida resultar de interese para os participantes”, explican dende Agaca. Así, abórdase unha ampla variedade de temáticas en función da área de produción. Abránguense cuestións como a mecanización e o emprego de tecnoloxías, o uso e xestión que se fai da auga, o manexo do cultivo ou o solo, a sanidade vexetal, a alimentación e benestar dos animais, a recuperación de razas autóctonas, a incorporación de prácticas sostibles así como a xestión de subprodutos ou residuos, entre outras. En definitiva, trátase de coñecer a explotación ou gandería dende tódolos prismas.

Outro dos xeitos de participar neste programa é como granxa ou explotación modelo, de xeito que se acolla a visita dos participantes. Búscanse ganderías que destaquen polo seu xeito de afrontar algún dos retos que se presentan a día de hoxe ó sector, de forma que sirvan de inspiración para os novos gandeiros ou agricultores que están a comezar a súa experiencia profesional. Cada gandería pode acoller entre 1 e 5 mozos en estancias formativas e debe estar vinculada á cooperativa, que será quen xestiona a súa participación no programa.

Os participantes no programa reciben unha compensación económica para facer fronte ós gastos derivados da estancia formativa noutra gandería

Tanto a granxa que recibe a visita como os participantes das estancias reciben unha compensación económica para afrontar os gastos que derivan destes intercambios. “A bolsa económica permite cubrir os gastos da viaxe ata a granxa, o aloxamento e a manutención durante os días que se prolonga”, explican dende Agaca.

“Aínda hai pouca vontade por participar en estancias fóra do país, ós produtores galegos cústalles máis dar o paso para marchar a outra granxa que abrir a súa para recibir visitas”, recoñece Mougán. Porén, cada vez hai máis xente nova do sector que busca tamén este tipo de experiencias formativas. “En países como Francia é obrigatorio que os novos gandeiros realicen estas estancias para coñecer de primeira man como é o traballo en distintas granxas e dende Agaca imos seguir apostando por este tipo de iniciativas”, apunta. A barreira do idioma aínda é determinante para frear a popularización destas visitas internacionais.

A experiencia do LeadFarm

Outro dos programas de intercambio de experiencias profesionais nos que Agaca participou recentemente é o LeadFarm, unha iniciativa que pon en contacto a gandeiros de distintos países e que procura fortalecer a relación dos novos gandeiros coas cooperativas como unha ferramenta para garantir a remuda xeracional no agro. Este proxecto agrupa a cinco organizacións doutros tantos estados membros da Unión Europea: dous do sur de Europa (España e Francia), un de Europa do Leste (Letonia) e dous do norte de Europa (Irlanda e Suecia).

Galicia formou parte dalgúns dos últimos intercambios coordinados dende Agaca e realizados no marco deste proxecto. Así, en febreiro de 2019 gandeiros galegos visitaron en Francia distintas ganderías onde a remuda xeracional está garantida. Tamén coñeceron propostas de dixitalización e exemplos prácticos de ecorresponsabilidade de man dun restaurante en pleno centro de París.

Proxectos como o LeaFarm permitiron xa a mozos galegos coñecer de primeira man iniciativas en distintos países da Unión Europea 

A segunda parte do intercambio produciuse uns meses despois, en xuño dese mesmo ano, cunha visita de gandeiros de Irlanda, Letonia e Francia onde coñeceron proxectos de cooperativas vitivinícolas como Pazo Baión, da Cooperativa Condes de Albarei ou da cooperativa Horsal, onde boa parte dos seus socios son xente moza. A estancia en Galicia incluíu tamén encontros con representantes de Ternera Gallega ou visitas a granxas como a gandería de vacún de leite en intensivo, SAT O Chope, de Silleda (Pontevedra). Nestes momentos, dende Agaca están a traballar xa para unha nova edición do LeadFarm 5.0 que permita novos encontros entre profesionais.

Ó marxe deste programa, no encontro online tamén se animou ós mozos produtores a participar na Comisión Estatal de Mocidade Cooperativa da Confederación de Cooperativas Agroalimentarias de España. “É un grupo de traballo no que se organizan actividades pensadas para os mozos do sector e que serve tamén como un punto de encontro”, explican dende Agaca. De feito, en canto a situación sanitaria pola pandemia do Covid-19 o permita, está previsto celebrar novos encontros de mozos profesionais do agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información