“Era preciso un distintivo para a planta ornamental galega, moi demandada en países como Alemania”

Galicia acaba de entregar as primeiras certificacións do selo Planta Ornamental de Galicia-Galicia Calidade. Falamos co técnico Santiago Ramos sobre esta nova marca para a planta galega e os retos que se lle presentan ao sector

“Era preciso un distintivo para a planta ornamental galega, moi demandada en países como Alemania”

Santiago Ramos, técnico de Asvinor.

A planta ornamental galega acaba de estrear a súa nova marca e certificación Planta Ornamental de Galicia – Galicia Calidade, que lle permite diferenciar a oferta galega no mercado internacional. O técnico Santiago Ramos, da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), impulsora da iniciativa, concrétanos que supón contar con este distintivo e os retos que se lle presentan agora ao sector.

Cando e por que decidistes empezar a traballar nesta certificación de planta de Galicia?
A idea de comezar a traballar en diferenciar a planta de Galicia xurdiu nunha viaxe a Alemaña na que tivemos unha reunión co dono dunha cadea de centros de xardinaría en Colonia que nos dixo que a planta de Galicia estaba a funcionarlles moi ben, pero que tiñan o pequeno hándicap de que lles chegaba como planta de España. Como é lóxico, a planta española asóciase máis a unha planta mediterránea, de Andalucía e Levante, xa que producen bastante máis que nós desde Galicia, e a diferenza da galega, esa é unha planta que non se adapta ben en Centroeuropa. Necesitabamos unha marca ou un distintivo para a planta galega, que era a que estaban a demandar, porque se adaptaba ben e funcionaba en países como Alemaña, con climas de continentais.

De aí xurdiu todo, fai xa bastantes anos. Comezamos a traballar niso na asociación e buscamos axuda para desenvolvelo, que veu a través da Fundación Juana de Vega, que creu no proxecto. Tamén contamos con colaboración de técnicos externos e da Xunta e creouse a norma, logo rexistramos unha marca colectiva (Planta Ornamental de Galicia, propiedade da asociación Asvinor). E por último, unha vez que tiñamos isto, solicitamos formar parte de Galicia Calidade.

“Somos os primeiros que fixamos unhas normas a nivel nacional e poucos exemplos hai a nivel mundial”

Que dificultades atopastes até o momento no camiño de botar a andar esta certificación?
Foi un traballo duro e de moitos anos. Hai que ter en conta tamén que somos pioneiros, somos os primeiros que fixamos estas normas a nivel nacional, e poucos exemplos hai a nivel mundial. En Europa hai unhas normas da Asociación Europea de Viveirismo e en Estados Unidos teñen tamén definidas xa algunhas normas, pero é moi pouco o que hai concretado. Chegar a ter unhas normas específicas para as condicións climáticas e a produción de Galicia levounos moito tempo porque a casuística de toda a produción de plantas é enorme, é practicamente infinita.

Agora mesmo estámonos dando de conta, unha vez que puxemos a funcionar a marca e a certificación, que nos faltan moitas producións por incluír ou por actualizar. A norma sempre vai estar viva e vaise a ir modificando para as necesidades que se vaian detectando no mercado.

Que producións se inclúen baixo esta certificación?
Ten que ser planta producida en Galicia. A semente ou o plantel pode chegar de fóra, pero despois debe pasar, dependendo do tipo de planta, un determinado tempo en Galicia, para aclimatarse e poder funcionar realmente como unha planta feita en Galicia.

Que producións estades a ver que é preciso incluír na norma e que non tiñades?
Estamos a ver que nos falta incluír temas concretos que nos van xurdindo, como o caso das coníferas, que as tiñamos definidas só en terrón e non en colector . Estamos a incluír aquelas plantas que nos están demandando. Así, imos incluíndo cada vez máis planta.

“O sector está a reactivarse, os viveiros empezan a producir máis e a aumentar exportacións, porque a planta de calidade está a venderse”

A que mercados está orientada a produción desta planta certificada?
Principalmente cara ao mercado europeo, tanto Francia como Alemaña, Bélxica, Holanda ou o Reino Unido. Son países de clima máis ben continental, cun clima máis duro, en canto a tema de frío ou luz. Son un pouco máis restritivos que Galicia pero a planta vai bastante rústica e adáptase ben, sen ter maiores problemas nestes climas.

Lograr esta certificación foi un paso máis na modernización do sector, pero como evolucionou o sector da planta ornamental en Galicia nos últimos anos?
Os primeiros viveiros en Galicia apareceron xa en 1900, pero é en 1990 cando se produce un boom no viverismo de Galicia debido á demanda, principalmente, da zona centro de España, Madrid e arredores. Esa expansión tan importante mantívose até 2005-2007, coa chegada da crise económica, que provocou o peche de moitos viveiros en Galicia. Nos últimos anos, trala crise, os viveiros volveron outra vez a apostar pola produción e agora estamos na primeira fase da reactivación do viveirismo. A xente está a empezar a producir máis, mirando para aumentar as exportacións, xa que agora a planta boa e de calidade está a venderse.

Como é esa planta de calidade que demanda o mercado?
Antes da crise, había tal demanda de planta que, aínda sen ser unha planta de tanta calidade, vendíase. Pero agora mesmo a planta que se demanda, tanto por parte da pouca obra pública que hai como da xardinaría privada son plantas de moita calidade, plantas selectas. Dos mercados exteriores piden tamén planta seleccionada.

“A camelia é a produción estrela en Galicia. Están a porse á venda preto de 2 millóns de plantas ao ano”

Que cantidade de planta se produce actualmente en Galicia?
É moi complicado dar unha cifra respecto diso, pódese ofrecer unha aproximación en plantas puntuais. Por exemplo, na produción estrela de Galicia, a camelia, están a porse á venda preto de 2 millóns de plantas ao ano. A produción de planta é moi variable, porque entra tamén a planta de tempada, como petunias ou surfinias, que se fai moi rápido e vaise renovando, polo que ten unha rotación enorme tanto nos viveiros de produción como na venda.

Que superficie manexan os viveiristas?
Agora mesmo en Galicia estáse nas 700 hectáreas de produción. Dentro da asociación temos viveiros con 40 ou 50 hectáreas, os máis grandes, aínda que non é o máis habitual. A media dentro do colectivo é que manexen entre 5 e 7 hectáreas. Entre os nosos 40 socios concéntrase o 80% do volume de produción de planta en Galicia.

A parte da produción da camelia que destacabas, en que está centrada a produción en Galicia?
Sobre todo no arbusto. Hai tres grandes grupos na produción galega. Por unha banda a árbore ornamental, destinada, sobre todo, ó mercado nacional. Logo o arbusto, que é o que máis volume ten, que copa o groso da produción e que está máis enfocado á exportación. Por último, a planta de tempada, que ten uns prezos tan baixos que non compensan os portes, nin sequera a nivel nacional, polo que se centra nun mercado local e de proximidade.

“Os principais viveiristas galegos están centrados no mercado francés e alemán”

Apuntabas que os produtores están a buscar tamén novos mercados, cara a onde se está mirando desde o sector?
A maior cantidade de planta destínase a un mercado nacional. Despois, un dos mellores mercados para os viveiros galegos é Francia, a pesar da proximidade con Portugal que temos. Nos últimos tempos outro mercado que nos está funcionando moi ben é o mercado do Reino Unido, só que agora mesmo co Bréxit estamos un pouco á expectativa do que pasa e como nos pode afectar. Outros grandes consumidores son Alemaña e Holanda. Os principais viveiristas galegos están centrados en ir ó mercado francés e alemán.

oliveiras_aceites_abril_04_standar

“Hai demanda de miles de exemplares de oliva autóctona galega, tanto de brava como de mansa”

Do mesmo xeito que se está mirando a novos mercados, mírase tamén a novos produtos, como a comercialización das variedades de oliveiras autóctonas? Hai interese no sector?
O tema das oliveiras autóctonas xurdiu por mor dun proxecto do CSIC, que conseguiu o respaldo tamén da Fundación Juana de Vega, para comezar a indagar sobre as variedades que había en Galicia. Desde a fundación contactaron tamén connosco para saber se había viveiros interesados en comercializalos. Agora mesmo hai dous viveiros interesados e onde se está xa producindo planta tanto da variedade mansa como brava, pero creo que vai ir en aumento porque hai moito interese. Persoalmente recibo entre tres ou catro chamadas semanais interesándose polas oliveiras.

É un cultivo que se está iniciando agora. Tivemos aínda fai un par de meses a primeira transferencia de material para reprodución e imos solicitarlle ao CSIC material nas tres fases de reprodución: a que fixemos xa sobre madeira dura, a de madeira verde que se fai agora a principios de verán e semidura, que, en teoría é a que mellor funciona, que se fai a finais de verán. Agora mesmo, hai unha gran cantidade de oliveira demandada. Hai miles de exemplares de oliveira autóctona galega demandada, tanto de brava como de mansa.

Hai planta xa dispoñible para a venta?
Estes dous viveiros teñen en produción pero, polo momento, non están a vender.

“O viveirismo vai cambiar cara a unha produción un pouco máis hermética polo tema da transmisión de pragas”

Outro dos retos dos últimos anos para o sector é facer fronte ás pragas, como vos está afectando e como o enfocades?
Estamos nun momento bastante crítico en canto a sanidade vexetal a nivel europeo, cunha chea de pragas e ameazas. A lexislación europea agora mesmo está a ser demasiado conservadora. En Estados Unidos levan 100 anos convivindo coa ‘Xylella fastidiosa’, unha das principais ameazas tanto das oliveiras como da vide, sen maior problema. Unha vez que se detecta, desinfectase a zona e vólvese a plantar, mentres que aquí, a nós, estásenos esixindo destruír toda a planta que poida estar afectada en 100 metros e en 5 km estamos a facer actuacións fitosanitarias contra os vectores, analíticas de plantas que poden ser susceptibles desta praga… Creo que hai demasiado medo a esta enfermidade e, como a esta, a moitas outras.

Agora estamos nunha fase de medo cos positivos que se van dando tanto en Europa como a nivel nacional. O viveirismo vai cambiar cara a unha produción un pouco máis hermética polo tema da transmisión de pragas. Desde a asociación xa estamos a avanzar tamén en formación en materia de bioseguridade nos viveiros, que é cara ao que se vai a tender cada vez máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información