“A era dos fitosanitarios no viñedo está chegando ao seu fin e é o momento de analizar métodos alternativos”

Dende 1991 a Unión Europea está lexislando para reducir o uso de herbicidas, funxicidas e insecticidas en xeral e nos viñedos en particular. Dende 2020 o proceso acelerouse e os especialistas en vitivinicultura buscan e analizan técnicas, produtos e métodos para substituír os fitosanitarios. É o caso de Emilia Díaz Losada, investigadora na EVEGA

Publicidade
Emilia Díaz estivo acompañada polo presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, José Paz

Emilia Díaz estivo acompañada polo presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, José Paz

Emilia Díaz é biológa investigadora da Estación Vitivinícola e de Enoloxía de Galicia en Leiro. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos proxectos de investigación relacionados coa sanidade vexetal, protección, sustentabilidade do viño e adaptación do cultivo aos novos escenarios de normativos ambientais.

Díaz interviu na xornada “Dende Ourense, pensando no viño”, que tivo lugar no arquivo provincial da capital ourensá e estivo organizada polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas. A súa intervención realizouna como membro do persoal investigador de AGACAL, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Co título Resiliencia do viñedo fronte a cambios regulatorios, sistema de apoio á toma de decisións e variedades resistentes, Díaz explicou que son temas que entroncan coa adaptación que ten que experimentar o viñedo fronte a cambios que se están a producir dende hai 30 anos e que agora se intensifican.

A investigadora asegura que non se debe temer aos cambios porque “o sistema vitivinícola demostrou ao longo da historia unha gran capacidade de resiliencia, de reestruturarse en función de cambios e perturbacións que se produciron durante séculos.”

O cultivo de viñedos estivo suxeito a cambios profundos dende que apareceu. Só hai que saber adaptarse

Nesa liña, citou o caso da filoxera, que obrigou a reestruturar os viñedos mediante a utilización e aparición de híbridos produtores directos, enxertos e uso de variedades sobre portainxertos que eran resistentes.

Grazas a aquela hibridación, dixo Díaz, acadouse a continuidade dos viñedos en Europa. Pero para manter estables as producións empezou o uso de fitosanitarios, cun emprego masivo dende hai décadas. “Pasouse a un modelo baseado nun control químico. E agora estamos no momento clave en que temos que dar a volta a ese uso masivo e buscar outras estratexias.”

Primeiros cambios

Díaz sitúa o momento inicial de inflexión en 1991, coas primeiras directivas europeas de autorizacións de substancias activas de produtos fitosanitarios, que reducían ou eliminaban boa parte deles.

“Problemas toxicolóxicos ou ecotoxicolóxicos ou incluso das propias casas comerciais que non estaban adaptadas alentaron esas medidas. A partir de entón, as normativas foron cada vez máis estritas.”

Emilia Díaz Losada indicou todos os ámbitos na resiliencia dos viñedos nos que hai marxe de traballo

Emilia Díaz Losada indicou todos os ámbitos na resiliencia dos viñedos nos que hai marxe de traballo

No 2009 aparece a directiva que fixa o marco do uso sustentable dos produtos fitosanitarios a nivel europeo e promove a xestión integrada de pragas. En España realmente esta transición chegou en 2012, coa normativa para o uso sustentable de fitosanitarios, e accións de formación, aparición do carné profesional, a figura do asesor en xestión integrada de pragas, o caderno de explotación…

En 2019, publícase o Pacto Verde. E en 2020 a estratexia europea “Da granxa á mesa”, que fixa uns obxectivos políticos que, aínda que non son xuridicamente vinculantes, toda a política agraria, toda a política ambiental e incluso a investigación estivo marcada por estes obxectivos políticos, sinalou a investigadora.

A lexislación europea reduce os permisos a fitosanitarios e promove o uso de bioestimulantes

Un dos obxectivos principais era a redución nun 50% do uso de fitosanitarios para 2030. Se ben se estima que haberá unha paréntese de tempo a maiores. O sistema vitícola é moi vulnerable a todas estas normativas. Por que? Porque depende dos produtos químicos de síntese para manter as súas producións.

“O que está claro é que as autorizacións de novos produtos de síntese se manteñen estables -é dicir, apenas se autorizan novos-, mentres que se rexistra un maior número de autorizacións de substancias básicas, de produtos e axentes de biocontrol e de baixo risco.”

A limitación de materias activas afecta sobre todo en viñedos atlánticos, onde a presión de patóxenos é moi alta e os fitosanitarios resultaban moi efectivos. “E agora toca volcarse en produtos que moitas veces non coñecemos nin sabemos como funcionan. A pregunta é como se está adaptando o viñedo á nova situación”.

Aspectos técnicos

A agricultura de precisión e altamente dixitalizada aparece como a solución máis viable ante o novo contexto, a xuízo de Díaz. “Se ben no tipo de viticultura que temos aínda é difícil de aplicar. Falamos de modelos preditivos fronte a pragas e enfermidades, de tecnoloxía e maquinaria para reducir derivas, ou de optimización de doses.”

Tamén se traballa en adaptación biolóxica, favorecendo a conservación, a biodiversidade funcional do viñedo, mellor manexo do solo, utilización de cubertas vexetais, axentes de biocontrol… para facer fronte a pragas e enfermidades.

Non ten sentido demonizar as hibridacións, xa que grazas a elas se puido superar a enorme crise da filoxera

E está a resiliencia xenética, cara á que se están orientando as políticas e a investigación. Búscanse portainxertos que se adapten ás novas condicións ambientais que se están a producir. “Existe unha selección clonal encamiñada a lograr producións de calidade, en cantidade suficiente para escalar e con menor sensibilidade ás enfermidades.”

As técnicas antigas de hibridación foron evolucionando a traballo de xenómica

As técnicas antigas de hibridación foron evolucionando a traballo de xenómica

Ademais, estase promovendo a utilización de variedades locais que poidan responder mellor a estes cambios. E hai unha adaptación a nivel institucional, nas propias denominacións de orixe, a nivel das súas normativas, cuns rexistros varietais cada vez máis exhaustivos, favorecendo as certificacións ambientais para obter un cultivo máis sustentable. Tamén hai unha mellor comunicación das características do produto cara ao consumidor.

Variedades resistentes, as emerxentes PIWI As variedades PIWI son uvas de vinificación obtidas mediante cruces naturais de variedades europeas con especies americanas ou asiáticas. O termo PIWI provén do alemán Pilzwiderstandsfähige, que significa “vides resistentes aos fungos”.

O seu principal obxectivo é reducir ata nun 80% o uso de tratamentos químicos no viñedo. “Máis alá de posicionamentos e doutrinas, hai que falar das PIWI dende un punto de vista da investigación e consideralas unha ferramenta máis. Creo que temos que estar abertos a todos os recursos dispoñibles para podernos adaptar a cambios que xa están aquí.”, dixo Díaz.

Guste ou non, as variedades PIWI están abrindo oco en zonas onde os fungos lastraban e encarecían a produción

A investigadora insistiu en que as PIWI nin son superuvas nin son transxénicas. “Xorden dunha mellora xenética convencional, a típica en calquera cultivo. Diferéncianse en que teñen unha resistencia herdada e unha calidade enolóxica obtidas por cruces convencionais e que non teñen ningunha modificación xenética directa.”

Por tanto, engadiu, non son resultado dun único programa e teñen unha historia que abarca xa máis de 90 anos. Nos seus orixes si que se trataba de híbridos produtores directos, porque realmente os híbridos produtores directos eran cruces entre unha vinífera con unha variedade resistente a pragas ou á filoxera.

Emilia Díaz participou con outros especialistas no evento organizado polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense

Emilia Díaz participou con outros especialistas no evento organizado polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense

“Os híbridos que se produciron entre os anos 30 e 50 deixáronse de producir porque se considerou que a calidade do viño non era suficiente. Foi unha primeira etapa. Agora estamos nunha segunda etapa da obtención de variedades resistentes na que xa non só se busca a resistencia, senón que se busca tamén a calidade.”

Alemaña, Austria, Italia, Francia e Suiza son os países que encabezan a produción de variedades resistentes. En Francia xeráronse distintos programas da man do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INRA) que obtiveron os mellores índices de resistencia e calidade con variedades PIWI.

Coas PIWI obtense unha redución de fitosanitarios superior ao 70%. Pero non son superuvas e os tratamentos non desaparecen

Díaz sinalou que están xurdindo problemas porque algunhas especies de fungos acaban por adaptarse a esa resistencia das PIWI e meirande conseguen superala. “Estamos, pois, nunha terceira fase na que as PIWI se están probando en distintas zonas para analizar o seu comportamento en condicións edafoclimáticas diferentes para seleccionar as variedades en función de cada zona de produción.”

A investigadora describiu un dos procesos seguidos en Francia para a obtención de uvas PIWI. “Primeiro fíxose un cruce entre unha variedade resistente -muscadinea rotundifolia- con unha vinífera. A partir dese primeiro cruce cruzáronse sucesivamente en retrocruces con variedades viníferas: cabernet sauvignon, grenache, merlot, millón, riesling… ata conseguir que o xenoma da nova variedade híbrida teña un 97,5% de vinífera fronte a un 2,5% que sería da variedade resistente.”

A partir desas liñas híbridas de calidade, o segundo paso foi introducir diferentes xenes de resistencia dentro da mesma variedade. Na actualidade xa non soamente é resistente ao oídio, senón que pode habelo ao mildio. E os loci (posicións fixas dun xen ou dun marcador molecular no cromosoma da vide) que lle dan esa resistencia á planta poden ser varios e non só un

“Con todo, están dándose casos en que a introdución dun maior número de loci de resistencia crea unha acción contraproducente. Dase unha interacción entre eles de tal forma que se anulan entre si e xeran unha variedade bastante menos tolerante. Por iso as investigacións xenéticas continúan e meirande continuarán.”

Traballo xenético

Todo o proceso se ve acelerado pola bioloxía molecular, unha metodoloxía que se volveu cotiá nos últimos cinco anos. O que se meirande consegue é unha selección dirixida, máis estruturada e en menor tempo. Trabállase con marcadores moleculares, que son fragmentos de ADN polimórficos, SNPs, microsatélites… Están estreitamente ligados a eses loci de resistencia e permiten determinar se a planta incorporou a resistencia ou non, sen necesidade de pasala a campo.

A técnica de marcadores moleculares reduce enormemente o proceso entre o inicio da investigación e a comercialización da planta

“Ata hai pouco, o que se facía, despois do primeiro cruzamento e da plántula de semente obtida, era levala a campo e comparar se obtivera a resistencia a fungos ou non. Despois tiñamos que obter plantas que producisen acios para ter sementes de novo, co cal sería o novo cruzamento e volveríamos ao mesmo.”

A edición xenómica suprime as probas en campo das plantas que non conteñen os locis buscados

A edición xenómica suprime as probas en campo das plantas que non conteñen os locis buscados

“Cos primeiros cruces obtemos múltiples plántulas. Poden ter simplemente os dous cotiledóns que saen cando se forma a semente en forma de pequenas follas. Con unha desas follas podemos extraer o ADN e localizar os marcadores no xenoma da planta. Se os incorporou, a planta pasaría a campo. Se non, xa evitamos ese paso.”

Xa non soamente se analiza esa parte do xenoma onde están os loci de resistencia, senón unha maior diversidade do xenoma. Incluso é posible determinar aquelas plantas que realmente están incorporando determinadas características de interese. E analizando tamén mediante marcadores características agronómicas e enolóxicas que portan esas plantas.

Díaz puxo o exemplo dos polifenois. “Se queremos seleccionar unha planta con maior contido en polifenois ou que incorporase determinados polifenois, podemos mediante os marcadores determinar se xa presenta as características perseguidas e seleccionala.”

As novas técnicas permiten identificar se hai resistencia a fungos e tamén as características agronómicas e enolóxicas da planta

“Así reducimos o tempo de mellora xenética. Coa selección asistida por marcadores moleculares, falaríamos de 15 anos. Se falamos de selección de caracteres agronómicos e enolóxicos, reducimos ata uns 9 anos. Frente aos 40 anos que se tardaba cos métodos anteriores, estamos ante un avance moi importante. Porque falamos do tempo transcorrido dende que se inicia a selección ata que a planta sae ao mercado.”

En España recentemente introduciuse a busca de variedades resistentes para a uva Monastrell. Estase cruzando coa variedade Regent, que é resistente ao mildio e ao oídio. Os estudos están nas primeiras fases.

O Instituto Catalán da Viña e do Viño e o Centro Tecnolóxico do Viño de Cataluña están seleccionando variedades icónicas para a elaboración de cava. Hoxe teñen xa 31 variedades en fase de avaliación pendentes de inscrición no rexistro. 22 delasin Francia e 9 en España. En Galicia, a adega Martín Códax xestiona un campo experimental con algunhas destas variedades.

Agora a Estación de Viticultura e Enoloxía de AGACAL asinou un acordo de colaboración coa multinacional Agromillora para a avaliación das plantas que se incorporen ao viñedo experimental de Martín Códax. “Vanse plantar liñas híbridas nas que participou como parental as variedades godello, albariño e garnacha”.

É fundamental entender que as plantas xurdidas de edición xenómica non teñen nada que ver cos transxénicos

Estudos en Castela e León rexistraron 4 variedades híbridas con potencial vinícola: cabernet teidos, merlot corus, sauvignon ritos e sorelli. “Ao estar incluídas no potencial vinícola da comunidade veciña, só con 2 anos de estudo poderíanse incluír dentro do potencial vinícola galego. Isto non quere dicir que as incluamos, pero sería factible cultivalas para elaboración de viño en Galicia, no prazo de 2 anos cos estudos pertinentes.”, dixo Díaz.

A redución do emprego de fitosanitarios é unha decisión tomada e á que hai que adaptarse, sinalou Díaz

A redución do emprego de fitosanitarios é unha decisión tomada e á que hai que adaptarse, sinalou Díaz

Xenómica

A investigadora fixo referencia ás novas técnicas xenómicas que xa se empregan en gandería. Especialmente a edición xenómica. Son técnicas que permiten modificar o xenoma mediante a introdución, eliminación ou modificación de secuencias específicas do ADN sen alterar de forma significativa o resto do xenoma.

“Hai unha gran diferenza entre as plantas obtidas mediante edición e os chamados transxénicos que coñecemos ata agora. Na edición hai dous métodos principais, que son a cisxénese e a técnica CRISPR.”

Ata agora, as plantas obtidas mediante esas tecnoloxías están sometidas a normativas moi dispares en función do país. E a lexislación está cambiando continuamente. Hai países con unha propia normativa, outros que non teñen ningún tipo de regulación e outros que seguen tratándoas como organismos xeneticamente modificados, como transxénicos, o cal deriva enhas normativas moi estritas.

A edición xenómica é unha realidade. Agora trátase de establecer o marco lexislativo que regule o seu uso

“O que está claro é que cada vez máis institucións asumen que estamos ante un cambio tecnolóxico moi importante e que hai que avanzar. A normativa ten que adaptarse aos cambios. E o primeiro é deixar de considerar as plantas resultantes como transxénicas.”

O sistema CRISPR é un dos máis empregados en edición xenómica

O sistema CRISPR é un dos máis empregados en edición xenómica

De feito, o pasado xuño a Unión Europea modificou as normativas e establece dous tipos de categorías. A categoría NTG 1 -aquelas que pasan por un máximo de 20 actuacións xenómicas- e unha categoría NTG-2, que supoñen máis de 20 actuacións e se consideran organismos xeneticamente modificados.

“Na elaboración dun transxénico introdúcese no organismo un xen que provén doutro organismo non compatible. Na cisxénese, introdúcense xenes entre organismos compatibles, cos que poderiamos realizar un cruzamento en condicións reais. Introdúcese un xen de resistencia duna variedade resistente dentro duna vinífera, única e exclusivamente eses loci de resistencia.”

Coa técnica máis común en CRISPR utilízase un ARN guía que é capaz de recoñecer no xenoma da planta a parte do ADN que se quere modificar. Ese ARN guía actúa como un GPS uníndose á proteína nucleasa Capsid, 9. E esa nucleasa ten a capacidade de cortar a hebra de ADN.

“Unha vez que se corta ese xen, os propios mecanismos celulares reparan o ADN. Pero pode suceder que cando durante a reparación deses ADN se produzan delecións (perda dun ou máis nucleótidos ou un fragmento de ADN nun cromosoma). E eses cambios inactivan o xen. No caso de CRISPR, ese cambio inactiva a sensibilidade e activa a resistencia”, explicou Díaz.

Un debate inevitable

A investigadora recoñeceu que en todo o sector se instalou o debate sobre se realmente funcionan as variedades PIWI. “Eu opino que, a día de hoxe, xa podemos dicir que si, que funcionan. Nos principais países de implantación e comercialización fálase duna redución de fitosanitarios de máis do 70%.”

Pero, recoñeceu Díaz, as variedades PIWI non implican necesariamente a supresión total de tratamentos. Máis aínda, débese realizar algún tratamento para evitar resistencias. “Redúcese o número de tratamentos que temos que aplicar. Pero en momentos puntuais deberiamos de realizar algún tipo de aplicación se queremos unha produción estable e total.”

En diferentes países europeos xa se está a traballar con castes de uva para obter variedades PIWI

En diferentes países europeos xa se está a traballar con castes de uva para obter variedades PIWI

A investigadora deixou claro que non hai unha variedade universal que vaia funcionar sempre. Vai depender da zona na que se estean cultivando. Por exemplo, dentro das brancas sería solaris e voltis e nas tintas regent, cabernet, cortis… Fan bos viños que incluso xa gañaron algúns premios, e non solo competindo con outras PIWI, senón tamén competindo con outros viños de variedades tradicionais.”

As DO teñen por diante un debate moi complexo sobre o uso de variedades PIWI e técnicas xenómicas

Para non afondar no debate, Díaz formuló unha serie de preguntas dirixidas aos adegueiros, viticultores e enxeñeiros agrícolas presentes no evento, recoñecendo que son de moi difícil resposta:

– Deben as variedades PIWI formar parte das autorizadas nas Denominacións de Orixe (DO)?

– Debe permitirse mesturar no viño variedades PIWI con variedades tradicionais?

– Se se admiten, como se vai manter a tipicidade rexional dos viños?

-Ata que nivel de innovación o vai aceptar o sector?

Máis alá do debate, a investigadora lembrou que xa hai países flexibilizando as súas normativas PIWI. Na maioría dos casos a nivel experimental e cuns anos de prazo de proba. “Quizais o máis chamativo fora a de Champagne, que xa permite o cultivo de variedades PIWI de base en uva voltis, con restricións evidentemente. En caso do viñedo só se permite un 5% de PIWI e no dos viños un 10% de uva empregada.”

O caso de Champagne, onde xa se autoriza un 5% de uvas con traballo xenómico, pode exercer un efecto de arrastre

Pero Díaz considera evidente que, cando unha DO histórica comeza a realizar este tipo de accións e con bos resultados comerciais, as demais acabarán facendo o mesmo. “Verémolo co tempo. O certo é que isto xa existe e está aí. E non chegamos ao límite porque a bioloxía molecular avanzou ata simplificar ao máximo os procesos.”

“As fortalezas da viticultura galega son a riqueza varietal, a vinculación ao territorio e a crecente profesionalización”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información