“A enxeñería forestal ofrece gran diversidade de saídas, a clave é descubrir en que eres boa e que che guste”

A Semana Forestal da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo) reuniu a un panel de antigos estudantes que explicaron os camiños profesionais que seguiron tras rematar a carreira. Falamos con Verónica Santiago, unha das enxeñeiras participantes, e con Carmen Becerra, a presidenta da delegación de alumnos que organizou as xornadas

“A enxeñería forestal ofrece gran diversidade de saídas, a clave é descubrir en que eres boa e que che guste”

Carmen Becerra e Verónica Santiago, ante a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.

‘Son enxeñeir@… E agora que?’. Este era o título dunha das mesas redondas da Semana Forestal organizada na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e é tamén unha das inquedanzas máis frecuentes entre os estudantes do grao. Conversamos sobre as saídas profesionais da carreira con Verónica Santiago Corral, unha das enxeñeiras participantes na mesa redonda, e con Carmen Becerra Pereiro, estudante de último curso da Escola e presidenta da delegación de alumnos que organizou a xornada.

– Comecemos falando sobre que foi o que vos encamiñou no seu día ós estudos de Enxeñería Forestal.
Verónica: Cando tiven que decidir que estudar, o que máis me atraíu nun inicio da profesión é que che permite estar en contacto co medioambiente, desenvolver proxectos no monte, ó aire libre, que era algo que persoalmente gustábame.

Carmen: Eu cando rematei Bacherelato, a verdade é que quería estudar Enfermería, pero como non me dou a nota, ao final optei por facer un ciclo formativo de saúde ambiental, que era algo que ía encamiñado á cuestión sanitaria, pero tamén ó medioambiente, que era algo que me gustaba no meu tempo libre. Despois de facer ese ciclo, acabei tirando máis polo lado ambiental. O feito de poder traballar en contacto coa natureza paréceme moi atractivo.

– A Enxeñería Forestal ofrece a grosso modo dúas orientacións profesionais, unha máis ligada ó mundo forestal e outra máis á parte industrial. Cal é a tendencia entre o alumnado?
Verónica: Na miña promoción, practicamente todas as persoas fomos pola parte forestal, non sei se porque viamos que podería haber traballo máis inmediato, pero o certo é que a parte da industria non resultaba tan chamativa. Tamén porque daquela a industria relacionábase máis coa contaminación ambiental, que é algo que non atrae de inicio, pero que ao final precisamente pode ser o contrario. Ti podes entrar na industria para mellorar eses procesos que agora teñen impacto na sociedade.

Carmen: Na actualidade a situación é a mesma. A maioría do alunado opta pola parte máis forestal, pero moita xente é consciente de que probablemente acabe traballando na industria, que é onde estamos vendo que agora mesmo hai máis demanda de traballo. Á hora de estudar, quizais a parte de explotación forestal resulte máis interesante ou máis fácil.

– Nos últimos anos cobraron importancia os posgraos, como complemento ó grao de Enxeñería. Como vos planteades esa opción na actualidade, Carmen, e como era esa opción cando ti estudaches, Verónica?
Verónica: Cando eu estudei, un camiño tradicional podía ser o de completar a formación de Enxeñería Tecnica Forestal coa licenciatura en Enxeñería de Montes, pero eu quedeime coa Enxeñería Forestal. Planteeime facer Enxeñería Industrial, pero despois cheguei á conclusión de que non era o meu camiño. Si cursei asignaturas de industriais para formarme na parte mecánica, e fixen un master en dirección de recursos humanos, ademais de formarme en seguridade laboral.

Carmen: Hoxe en día todos somos conscientes de que tras rematar, imos ter que manter unha formación continua porque a evolución tecnolóxica e dixital vainos obrigar a iso. Partindo desa base, hai xente que quere rematar o grao de Enxeñería e xa poñerse a traballar, e hai persoas que se plantean estudar un master, ben o tradicional de Enxeñería de Montes ou outros máis específicos, ligados coa dixitalización, a programación informática ou outras liñas.

– Cales son na actualidade as perspectivas laborais da profesión e como eran cando ti remataches no 2002, Verónica?
Carmen: Todo o mundo nos di que hai moito traballo, pero ao final nós tampouco sabemos moi ben onde temos que buscalo porque se miras en Infojobs, saen dúas ofertas e pídenche x anos de experiencia. Pero logo a xente do sector diche que hai traballo. Hai tamén estudantes que teñen saídas claras, ben porque teñen un aserradoiro na familia ou porque se queren enfocar a buscar traballo nunha empresa concreta.

Verónica: Na miña época, o tema laboral prometía moi ben, pero eramos máis dun cento de persoas por clase. O director da Escola daquela dicíanos que nos ían vir buscar, pero a realidade foi que cansamos de esperar. Eu pola miña banda, ó ser de Ferrol, unha cidade orientada ó naval, non tiña no meu entorno perspectivas de traballo forestal. Daquela fixen unha formación en delineación, que me abriu as portas a traballar en enxeñería e sacoume un pouco do forestal tradicional.

Ao final, o meu camiño foi entrelazando a parte da industria coa do medioambiente. Na parte profesional, sempre tiven a inquietude de facer cousas diferentes, vanme os retos, non estar toda a vida facendo unha mesma tarefa, senón avanzar.

Verónica, a túa traxectoria profesional é singular, xa que traballas nun posto que a priori pouca xente relacionaría coa enxeñería forestal. Explícanos que fas.
Verónica: Son a coordinadora de responsabilidade social empresarial (RSE) de Teiga TMI (agora dentro do grupo Voltan, e gañadora do premio pyme RSE 2021 nacional da Camara de Comercio), que é unha empresa de montaxe mecánica e eléctrica que opera con distintas industrias (enerxética verde, alimentaria, gas&oil, entre outras). Desenvolvo a parte ambiental, con proxectos de RSE, e coordino áreas de calidade, medioambiente e seguridade laboral. É un traballo con múltiples facetas, participo na parte de I+D+i, xestiono a parte social e laboral dos traballadores…

– Eres enxeñeira, pero en definitiva, as túas funcións van moito máis alá.
Verónica: Si, porque eu detectei no que son boa. Son boa coordinando, desde montar un proxecto de I+D+i ata coordinar a presenza nunha feira e poñerme en detalle co stand, podo estar con todo.

Carmen: Para min o máis difícil é atopar no que eres boa, e que ademais che guste, porque ao final fai o traballo moito máis fácil.

Verónica: Esa é a clave. No meu caso, tardei moitos anos en saber o que se me daba ben. Facíao de xeito consciente pero non sabía explicitalo. Se averiguades en que sodes boas e o explotades, de aí ó infinito.

Carmen Becerra e Verónica Santiago, no entorno da Escola de Enxeñería Forestal.

Carmen Becerra e Verónica Santiago, no entorno da Escola de Enxeñería Forestal.

– Carmen, e a ti en que área che gustaría traballar no futuro?
Carmen: Eu estou nun punto en que todas as asignaturas da carreira teñen partes que me gustan, entón non estou pechada a nada. Por exemplo, agora estou facendo o traballo fin de grao sobre sistemas Lidar e teledetección, cunha parte informática que me gusta. Tamén me gusta o traballo no campo dos incendios forestais, e en industria hai aspectos que me atraen e non pecho portas. Penso que é algo positivo.

– Unha última cuestión, os estudos de Enxeñería Forestal atraen en xeral a unha porcentaxe maior de homes que de mulleres. Como vedes ese panorama?
Carmen: Pasa en todas as enxeñerías, pero é unha situación incluso máis acusada noutras que na Forestal. Quizais teñamos interiorizado que é unha profesión máis masculina, non sei o porqué.

Verónica: É un debate que temos sempre. Cando falas de altos cargos no mundo da enxeñería forestal, normalmente sempre son homes. Entón, non se identifica á muller como unha profesional de éxito neste campo.

Carmen: De feito teño compañeiras que teñen esa preocupación: ‘Vou saír de aquí con vintepoucos anos e vou ser muller nun sector maioritariamente masculino e con clientes que, nalgúns casos, van ter unha mentalidade digamos de antes. Vanme tomar en serio?, vou chegar e poder dicir o que hai que facer?’.

Verónica: Tamén hai que incidir en que toda esta situación está cambiando grazas a iniciativas como o programa ElasXeranSector, no que eu mesma participo. A iniciativa foi promovida pola Axencia Galega da Industria Forestal e está facilitando que mulleres referentes do sector se visibilicen como profesionais de éxito. Esperamos que así sexa máis doado atraer novas vocacións.

A Semana Forestal da UVigo, unha ollada ós ámbitos de actividade da profesión

A Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra acolleu días atrás un ciclo de conferencias, talleres e mesas de debate baixo o paraugas da Semana Forestal, organizada pola delegación de alumnos en colaboración co propio centro.

A Semana Forestal abordou os distintos eidos de traballo da profesión, así como as saídas profesionais que ofrecen os estudos de Enxeñería Forestal. Durante as xornadas, quedou claro o gran abano de campos nos que pode traballar un enxeñeiro forestal. Á hora de buscar persoal, os profesionais que participaron destacaron que máis alá dos currículums académicos, as empresas fíxanse en cuestións como os intereses da persoa, a súa traxectoria ou a proactividade que demostre.

As xornadas contaron coa intervención de numerosos profesionais do sector privado e tamén do sector público, pois participaron representantes da Consellería do Medio Rural e por parte de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, houbo colaboración da iniciativa #ElasXeranSector, que trata de visibilizar o papel da muller no mundo forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información