Envite do sector lácteo ós supermercados: maior prezo do leite e menos queixos importados

As organizacións agrarias poñen sobre a mesa do Ministerio de Agricultura algúns dos retos pendentes do acordo lácteo, que se foi diluíndo co paso dos anos. A distribución lembra que “o que facemos é competir”. “O consumidor non pode pagar a ineficiencia da cadea alimentaria”, conclúen os supermercados

Envite do sector lácteo ós supermercados: maior prezo do leite e menos queixos importados

Liñal de lácteos nun supermercado. / Arquivo.

A dimensión que acadou a crise de prezos no agro, con grandes sectores implicados, coma o olivareiro ou o hortofrutícola, obrigou ó Ministerio de Agricultura a sentarse con organizacións agrarias e cadeas de distribución en busca de solucións. Ese escenario está a ser aproveitado polo sector gandeiro para poñer sobre a mesa os dous principais retos que quedan pendentes do Acordo Lácteo asinado no 2015: maior valor do leite nos supermercados, que se traslade en cadea ás granxas, e menor presenza de queixos importados nas cadeas de distribución.

As conversas emprendidas polo Ministerio coas cadeas de distribución chegan ademais nun intre candente, pois coincide coa renovación de contratos lácteos no campo. As granxas están a recibir nestas semanas as propostas de contratos anuais por parte das industrias, que non acaban de convencer ó sector.

Un dos argumentos esgrimidos por industrias coma Lactalis para tensionar os prezos no campo é a imposibilidade de trasladar un hipotético aumento de prezos á distribución. É un argumento que rexeitan tanto as cadeas da distribución coma as organizacións agrarias. “Cando a industria apreta no campo, úsanos de excusa”, valoran fontes dos supermercados.

“Estamos mantendo contactos ó máis alto nivel co Ministerio, Xunta e cadeas de distribución” (Román Santalla, Unións Agrarias-UPA)

Román Santalla, responsable de Gandería de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias, resume a situación. “As cadeas de distribución sempre manifestan que están dispostas a dar o paso dun aumento de prezos do leite se as industrias trasladan ese valor ó campo e non meten no peto eses cartos que perciben a maiores. Por parte das industrias, tamén din estar abertos sempre que o primeiro paso sexa da distribución” -explica Santalla-. “É unha pescadilla que se morde a cola, pero aquí o que está claro é que a distribución ten que aceptar trasladar máis valor e que ese valor ten que chegar ó campo”, conclúe.

Preguntado polos contactos co Ministerio e coas cadeas de distribución, Santalla recoñece que “desde Unións Agrarias-Upa estamos mantendo estes días contactos ó máis alto nivel co Ministerio, a Xunta e as cadeas de distribución”. Santalla sitúa os retos prioritarios en dous puntos: reducir a presenza de queixos importados nos supermercados e lograr maior prezo para o leite ao longo de toda a cadea.

Evolución de prezos do leite no 'súper'. / Fonte: Cetal.

Evolución de prezos do leite no ‘súper’. / Fonte: Cetal.

“É certo que as granxas levamos nunha situación de estabilidade os últimos anos, pero os custos de produción soben ano a ano. Hai máis custos medioambientais, de benestar animal e custos laborais”, advirte o responsable de Gandería de UPA, que conclúe pedindo unha maior intervención da Xunta no sector lácteo: “Galicia ten o 38% do leite e o 55% das granxas de leite de España e a Xunta non pode permanecer á marxe. Ten que intervir e mollarse”, recrimina.

Lonxe de tal intervención no curto prazo, a Consellería do Medio Rural posterga a mellora dos prezos do leite en Galicia á creación dunha “estratexia do sector lácteo galego”, no que leva meses enfrascada. O director xeral de Gandería, José Balseiros, sinalou nunha recente comparecencia no Parlamento que o obxectivo da estratexia da Consellería situábase en abandonar no medio prazo o último posto de España en canto ós prezos pagados polo leite no campo.

O Sindicato Labrego pediu a convocatoria da Mesa do Leite, pero a Xunta enfócase no deseño dunha estratexia do sector “que mellore a situación a medio prazo”

Entre tanto, o Sindicato Labrego Galego reclamou en decembro que se volvera convocar a Mesa do Leite, un foro de negociación entre industrias e sector, coa intermediación da Xunta, en desuso desde hai unha década, pero a Consellería do Medio Rural non se pronunciou ao respecto.

En canto ó Ministerio de Agricultura, consultado hai varias semanas por ‘Campo Galego’ sobre o Acordo Lácteo e sobre a situación dos prezos do leite na distribución, garda silencio polo de agora.

“Existe marxe para subir o leite no campo e manter prezos competitivos no supermercado”

Ignacio García Magarzo.

Ignacio García Magarzo.

A Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas), que representa a dúas terceiras partes da distribución alimentaria, con cadeas como Mercadona, Dia ou Gadis entre as súas asociadas, defende o seu compromiso co sector lácteo, aínda que tamén marca límites.

“Non pode existir un prezo mínimo para un produto porque impídeno as normas de competencia. O consumidor español, ademais, non pode pagar a ineficiencia da cadea alimentaria. Existe marxe para retribuír ben ó gandeiro e que teñamos prezos competitivos no punto de venda. A distribución o que fai é competir”, sinala o director xeral de Asedas, Ignacio García Magarzo.

“É opinable que exista banalización do leite ou non, pero creamos un mecanismo coa Interprofesional Láctea para actuar cando se detectan esas situacións” (Ignacio García Magarzo, Asedas)

Magarzo considera que a interlocución da distribución con organizacións agrarias, cooperativas e industrias é estable e positiva nos últimos anos. “Estamos sempre a disposición do sector produtor de leite. Somos conscientes das súas dificultades e mantemos unha interlocución permanente coas súas organizacións representativas e coa Interprofesional Láctea”, valora.

“Tamén é certo que nestes momentos non identificamos problemas concretos nos que as cadeas de distribución poidan centrase, máis alá de facer a gandería máis sostible, especialmente para os pequenos produtores”, indica o director xeral de Asedas.

Sobre o acordo lácteo, Magarzo apunta que a distribución mantén o seu compromiso de actuar contra as denuncias da chamada “banalización do leite”. “Ás veces cuestiónanse estratexias comerciais, que segundo se di, usan o leite a modo de produto reclamo. É opinable que esa banalización exista ou non, pero comprometémonos e creamos un mecanismo coa Interprofesional Láctea para actuar cando se detectan esas situacións. É un mecanismo que funciona e que o sector lácteo valora moito”, conclúe.

Cuestionado sobre a situación de prezos do leite na distribución, o director xeral de Asedas considera que existe unha liña estable de prezos, sen anomalías. “O Ministerio coñece, mes a mes, os prezos en orixe do leite, os prezos ós que a industria vende o produto e os prezos no punto de venda. Iso non sucede con ningún outro produto alimentario. Se o Goberno detecta algunha anomalía, pódenolo trasladar, pero esa situación non se está producindo porque os prezos do leite nos puntos de venda seguen unha liña moi estable os últimos anos”, defende.

Anged remítese ó Acordo Lácteo
Outra das grandes asociacións da gran distribución, Anged, que agrupa a Carrefour ou Eroski, entre outras cadeas alimentarias e non alimentarias, remítese ós compromisos adoptados no Acordo Lácteo no 2015. “Tivemos máis de 15 reunións na mesa de seguemento do Acordo Lácteo, hai un traballo conxunto de tódalas partes que está sendo positivo e abordar a situación do sector fóra dese cauce non é axeitado”, explican desde Anged, que renuncia a maiores valoracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información