Entrepinares sobe 2,5 céntimos e fixa o prezo base do leite en 51 céntimos até abril do 2026

A empresa de Valladolid marca a tendencia á alza de cara á renovación de contratos de agosto. Incrementa tamén o valor da graxa e da proteína, na liña do que tamén fixo Inleit, que sitúa os seus prezos entre 47 e 52 céntimos en función das primas por volume

leite, sala de muxido, ordeño, vaca de leite, Granxa Irixoa camión leite EntrepinaresRepunte no prezo do leite para os vindeiros meses, segundo se desprende dos primeiros contratos de renovación asinados por parte de Inleit e de Entrepinares, que apostan ademais pola revalorización de sólidos e por acordos de compra a máis longo prazo, até a primavera do 2026.

Entrepinares abriu a veda este mércores pola tarde coa sinatura dos primeiros contratos e agárdase que as demais industrias que compran leite en Galicia saian tamén coas súas propostas nos vindeiros días.

A queixería de Valladolid, con planta de produción en Vilalba e que fabrica queixo para Mercadona, ofrece aos seus gandeiros, uns 175 en Galicia, un contrato cunha duración de 8 meses (1 de agosto-31 de marzo) a un prezo base de 51 céntimos (2,5 máis que no actual contrato) e que se suman aos 1,5 céntimos subidos en abril.

A suba acumulada este ano nos contratos é de 4 céntimos

A suba está en liña coa que a empresa levou a cabo xa en Castela e León neste mes de xullo a unha parte dos seus gandeiros, os integrados na Organización de Produtores Agaprol (2,7 céntimos máis) e que completará para agosto no resto de explotacións de Castela e Cantabria, onde tamén recolle leite.

Defensa das calidades

Outra das novidades do contrato de Entrepinares é a revalorización dos sólidos. A proteína pasa a pagarse a un céntimo a décima (estaba en 0,8) a partir de 3,20% e a graxa a 0,6 céntimos (estaba a 0,5) a partir de 3,80%. O prezo da graxa aparece indexado por primeira vez ao valor da manteiga do Observatorio Lácteo Europeo, de maneira que se baixase de 620€/100kg a décima de graxa en orixe volvería de novo a 0,5 céntimos. É un escenario pouco probable nos vindeiros meses, tendo en conta que o valor actual da graxa sitúase en 735€ e que leva manténdose por enriba dos 700€ desde fai máis dun ano.

A media de calidades das explotacións que entregan a Entrepinares en Galicia é do 4,09% de graxa e 3,52% de proteína

Un sistema similar de indexación ao mercado é tamén o que mantén Lactalis para o pago da graxa, aínda que no caso da multinacional francesa o corte está fixado nos 600€/100kg (0,5 céntimos a décima a partir de 3,70%, que baixa a 0,4 céntimos en caso de caer a cotización dos 6.000€/tonelada).

Inleit sobe un céntimo

Outra industria que xa renovou contratos foi Inleit, que subiu un céntimo o prezo base, establecendo ademais un novo estrato por arriba nas súas primas por cantidade para as granxas de máis volume (máis de 400.000 litros/mes), polo que as granxas que subministran á planta de Teixeiro cobrarían entre 47 e 52 céntimos segundo o seu volume de entregas.

Entrepinares e Inleit compiten en Galicia na liga dos sólidos, mentres que Lactalis, Larsa, Celta Naturleite e Leite Rio fano na dos litros

Inleit subiu tamén a graxa e a proteína no seu novo contrato até abril, pasando de 0,4 a 0,5 céntimos a décima de graxa e de 0,4 a 0,8 céntimos a décima de proteína para aquelas explotacións que manteñan niveis de graxa por enriba do 4% e de proteína superiores ao 3,40%.

Nerviosismo pola caída da produción

As entregas de leite continúan caendo no conxunto das comunidades españolas por quinto mes consecutivo: -0,7% en xaneiro, -4,7% en febreiro (comparado co ano bisiesto do 2024 , -1,2% en marzo, -0,9% en abril e -1,4% en maio. Tampouco se agarda unha mellora considerable no que resta de ano, tendo en conta o censo de gando (un 2,4% menos de vacas e un 1,9% menos de xovencas en xaneiro de 2025 respecto ao mesmo mes de 2024) e que o alto valor de mercado actual das vacas de desvelle non incentiva tampouco o seu aproveitamento leiteiro.

O verán pasado a maioría de industrias asinaron contratos só até decembro, pero desta volta buscan garantir unha maior estabilidade no subministro

Aínda que o verán pasado a maioría de industrias asinaron contratos só até decembro (agás Lactalis e Grupo Lence, que os alongaron até abril e maio, respectivamente), desta volta semella que todas as empresas buscan unha maior estabilidade no subministro. Reny Picot, por exemplo, xa asinou en abril coa Cooperativa Xallas por un ano. 

A caída da produción e o peche de granxas comeza a preocupar nas industrias, un nerviosismo que se nota tamén no momento da renovación dos contratos.

“Cada vez hai menos oferta dispoñible”, recoñecen algunhas das empresas que mercan leite en Galicia, polo que son conscientes de que “o que queira coller máis leite teno que pagar”. Por iso, dáse por feito que haberá unha suba xeralizada de prezos na renovación dos contratos que vencen o día 31 deste mes, porque “o que non suba arríscase a perder leite”, admiten.  

Peche de granxas de maior tamaño

Outro factor que incide na caída da produción é o goteo de peches por xubilación, que continúa ao ritmo de máis dunha granxa diaria en Galicia (no conxunto de España desapareceron en 2024 un total de 653 explotacións leiteiras, das que 372 pecharon en Galicia).

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura, no mes de maio quedaban 9.085 gandeiros con entregas no conxunto de España, 5.135 deles en Galicia.

Un terzo dos abandonos dáse xa actualmente en explotacións cunha produción de máis de 200.000 litros anuais

Até agora, o peche de granxas pequenas era compensado co aumento de produción das que quedaban en activo, un obxectivo cada vez máis difícil de lograr, xa que un terzo dos abandonos dáse xa actualmente en explotacións cunha produción de máis de 200.000 litros anuais. De aí, a estratexia das principais industrias de tratar captar e fidelizar ás explotacións máis grandes vía maiores primas por volume.

Á cola de Europa en porcentaxe de graxa do leite

calidades do leite media de graxa ano 2024 UE por paisesEntrepinares segue apostando polas calidades, cando o mercado en Galicia está primando sobre todo o volume. De feito, na última renovación de contratos da primavera as tres industrias que máis leite recollen en Galicia (Lactalis, Larsa e Grupo Lence) modificaron os seus tramos por cantidade para beneficiar ás granxas que máis leite producen, xerando unha diferenza de prezos de até 7 céntimos con respecto ás granxas máis pequenas.

No caso da queixería de Vilalba, que recolle uns 600.000 litros de leite diarios en Galicia, non conta con prima por volume na comunidade, de maneira que todas as explotacións cobran o mesmo. En Castela e León, sen embargo, Entrepinares si que ten unha prima de volume, aínda que moito máis pequena que as que manexan as principais empresas en Galicia.

En contrapartida, en Galicia Entrepinares paga máis as calidades que en Castela, pero tamén esixe máis aos produtores (3,8% de graxa e 3,2% de proteína en Galicia fronte ao estándar de 3,7% e 3,1% establecido pola empresa no resto de España).

Entrepinares vai a contracorrente do resto de industrias que recollen leite en Galicia, apostando polas calidades e sen primas por volume

Cun mercado de produtos lácteos a nivel internacional cada vez máis enfocado cara a transformación industrial, no que os queixos, a manteiga e os derivados de proteína están a gañar protagonismo fronte ao leite en po, as explotacións leiteiras españolas e a industria transformadora demandante de materia prima seguen enfocados cara ao leite líquido.

Así, nun país deficitario en leite como é España, cuxo nivel de autosuficiencia se atopa no 72%, o sector leiteiro traballa os produtos de menor valor engadido e importa os que deixan maior marxe en toda a cadea, como son os queixos. De feito, España importou o ano pasado 409.000 toneladas de queixo, un 12,5% máis ca no 2023, segundo os datos oficiais de comercio exterior.

A UE é o principal produtor mundial de manteiga (18% do mercado), aínda que para a industria láctea española é un produto secundario

A tendencia mundial, tanto das explotacións coma das industrias transformadoras, camiña de xeito claro cara os sólidos, con especial protagonismo para a graxa. En países coma Nova Zelandia, un dos principais exportadores de produtos lácteos (controla o 25% do mercado internacional), o leite ás granxas págase directamente en quilos de materia seca.

Nos EEUU, onde o consumo de queixos está a aumentar, nos últimos catro anos fixéronse importantes investimentos para gañar capacidade industrial neste eido e as explotacións están a acompañar esta transformación da industria leiteira cunha mellora da porcentaxe de graxa do leite, que se incrementou de media unha décima por ano, situándose no mes de abril deste ano no 4,29%.

A media de graxa do leite en Holanda e Irlanda sitúase por enriba do 4,4%, máis de medio punto porcentual máis ca en España

En Europa, os principais países produtores son tamén os que teñen os niveis medios de graxa máis altos, mentres que España ou Portugal atópanse á cola neste particular. As medias do ano pasado foron dun 4,49% en Holanda, 4,45% en Irlanda, 4,11% en Francia, 4,10% en Alemaña, 4,08% en Polonia, 3,97% en Italia, 3,81% en Portugal e 3,78% en España.

As calidades do leite entregado polas explotacións galegas son superiores á media española (3,85% de graxa e 3,40% de proteína no conxunto do ano 2024), pero as granxas que subministran á planta vilalbesa de Entrepinares están varias décimas por enriba deses niveis (4,09% de graxa e 3,52% de proteína o ano pasado).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información