O grupo valisoletano Queserías Entrepinares anunciou que realizará un investimento de máis de 20 millóns de euros na súa planta de Vilalba (Lugo) para elaborar queixo cottage, un produto cuxo consumo está en ascenso e que se destinará fundamentalmente á cadea de supermercados Mercadona, da que Entrepinares é provedora.
O proxecto, cuxa posta en marcha está prevista para o segundo semestre de 2027 tras un período de execución de 18 meses, permitirá alcanzar unha produción superior a sete millóns de quilos anuais. Desta forma, a planta de Vilalba consolídase como unha das principais de Queserías Entrepinares que ampliará a recollida de leite en Galicia para abastener a esta nova liña de queixos frescos. Ademais, prevese que ao redor de 60 persoas traballarán en actividades vinculadas a esta nova categoría.
“Este proxecto reflicte a nosa vontade de seguir avanzando xunto aos nosos clientes para satisfacer as necesidades dos consumidores”, sinala José Manuel García Bejines, conselleiro delegado do grupo.
“Eliximos Vilalba porque é onde contamos coa materia prima, a contorna social adecuada e a capacidade industrial necesaria para desenvolver este proxecto con garantías”, destaca García Bejines, que subliña que a aposta busca fortalecer a competitividade industrial da compañía e preparar o seu crecemento a longo prazo.
Galego







Control OJD