O informe de declaracións de entregas de leite cru de vaca (INFOLAC) a primeiros compradores que elabora o Ministerio de Agricultura confirma o incremento nas entregas de leite, especialmente en Galicia, malia a baixa de prezos.
O prezo medio en xuño no conxunto de España foi de 0,469 euros o litro, cunha leve caída respecto a maio (0,477 euros). En Galicia a cotización media en Galicia foi de 0,449 euros o litro, tamén inferior respecto a maio (0,455).
Malia a baixada de prezos as entregas seguen aumentando, unha forma de diluir custos, especialmente nas explotacións de maior tamaño. No conxunto de España as entregas de leite ascenderon ata as 628.730 toneladas, unha suba do 1,92% respecto ao mesmo mes de 2025. Entre xaneiro e xuño as entregas no conxunto de España medraron un 1,49%, ata sumar 3.830.224 toneladas.

En Galicia o incremento das entregas foi claramente maior: En xuño sumaron 264.868 toneladas, un 2,62% máis respecto ao mesmo mes do ano pasado. A produción acumulada de xaneiro a xuño incrementouse un 3,21 % respecto ao mesmo período de 2025, totalizando as explotacións de vacún de leite galegas un total de 1.600.855 toneladas de leite entregadas.
Respecto ao leite ecolóxico, os prezos en xuño tamén caeron ata os 0,606 euros o litro no conxunto de España, mentres que o prezo medio en Galicia foi de 0,59 euros.
O informe de entregas de leite está elaborado pola Dirección General de Producciones y Mercados Agrarios e a Subdirección General de Producciones Ganaderas y Cinegética. INFOLAC é un sistema unificado de información do sector lácteo que inclúe a información das declaracións obrigatorias de entregas de leite cru e de todos os contratos entre os primeiros compradores e os produtores do sector, así como un rexistro dos primeiros compradores que operan no sector lácteo en España.
Pódese consultar o informe completo no seguinte DOCUMENTO
Galego









Control OJD