Entregas de leite en outubro en España: Menos produción e prezos de récord no campo

PREZOS LEITE OUTUBRO 2022O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de outubro no que se confirma a tendencia deste ano: menos produción, de feito a cifra máis baixa dos últimos cinco anos, pero prezos de récord nas granxas, cunha media de 0,556 euros o litro a nivel estatal e de 0,530 no caso galego, e cunha suba media de case 6 céntimos con respecto a setembro.

En concreto, pasouse dos 0,495 euros o litro de setembro a 0,556 en outubro. En Galicia a suba foi menor: de 0,483 a 0,530 euros o litro. Se comparamos as cifras coas de outubro de 2021 os prezos do leite no campo subiron de media en España un 57,5% e no caso de Galicia un 54,9%.

Polo que respecta á produción, as entregas en outubro no conxunto de España ascenderon a 586.266 toneladas, o que supón unha caída interanual se as comparamos coas 609.582 de outubro do 2021. Se descontamos a produción de leite galego a caída o resto de España foi do 4,75%. En Galicia, o descenso interanual da produción foi menor: 242063 toneladas en outubro fronte ás 248212 do mesmo mes do ano pasado, un 2,48% menos.

Se analizamos a evolución de xaneiro a outubro do 2022, a produción española quitando Galicia baixou un 2,53%: dos 3,750 millóns de toneladas producidas de xaneiro a outubro de 2021 pasouse a 3,655 no mesmo período deste ano.

A excepción, como ven sendo habitual, foi Galicia, que baixou a produción pero moito menos: dos 2,499 millóns de toneladas dos dez primeiros meses de 2021 aos 2,488 millóns de toneladas do mesmo período deste ano, un 0,44% menos.

Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en outubro situouse no conxunto do Estado no 3,84 % de graxa e 3,39 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, non só na graxa, cun 3, 93%, senón agora tamén na proteína, cun 3,40%.

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información