As explotacións gandeiras galegas entran nunha nova fase de control burocrático e agronómico, coa obriga de contar cun plan de fertilización por parcela. Despois dos sucesivos adiamentos aplicados polo Goberno central na reforma do Real Decreto de nutrición sostible dos solos agrarios, a marxe de espera rematou.
Este martes, 1 de setembro, entra en vigor a obriga de contar cun plan de fertilización ou abonado para a práctica totalidade das explotacións leiteiras e aquelas de carne de máis de 10 hectáreas de superficie que realizan aplicacións de xurro ou abono químico.
Esta esixencia, derivada do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios (modificado polo RD 934/2025), busca optimizar o uso de insumos, potenciar o abonado orgánico e reducir as emisións e perdas de nitróxeno ao medio ambiente.
As ferramentas dixitais e as esixencias analíticas do solo son os dous alicerces técnicos que xeran máis dúbidas entre os produtores ante a nova normativa. Estas analíticas deben incluír de forma obrigatoria parámetros clave como os macronutrientes (Nitróxeno, Fósforo e Potasio) e materia orgánica.
Ademais, as explotacións de vacún que manexen grandes volumes están obrigadas a realizar polo menos unha análise anual do valor fertilizante do propio xurro para axustar con precisión as toneladas aplicadas por hectárea.
O incumprimento da normativa podería derivar en penalizacións na PAC
O sector agrogandeiro galego enfróntase así a un novo fito regulatorio dentro do camiño cara á sustentabilidade marcado polo Goberno central e a Unión Europea. Esta medida busca poñer fin ao abonado a ollo, esixindo un cálculo matemático baseado nas necesidades reais do cultivo e nos nutrientes que xa achega o solo ou o propio xurro.
A entrada en vigor deste plan supón un reto de xestión para o modelo de explotación familiar galego, moi condicionado polo minifundismo. O manexo burocrático e informático demandará, máis ca nunca, o soporte técnico de persoal externo, ben sexa dos comerciais das empresas de venda de abonos ou das cooperativas, así como a flexibilidade das oficinas agrarias comarcais para evitar sancións nas axudas da PAC.
Quen está obrigado?
A norma especifica que o plan de abonado debe elaborarse antes do inicio da campaña e recoller as previsións de achegas de nutrientes (orgánicos e minerais) que se van realizar nas parcelas. A continuación, todas as operacións reais realizadas deben anotarse no caderno de explotación no prazo máximo dun mes.
A normativa estatal busca a universalidade, pero inclúe certas excepcións que alivian ás pequenas explotacións
Porén, existen dúas excepcións introducidas na norma pensando nas peculiaridades das pequenas explotacións da Cornixa Cantábrica:
- As unidades de produción destinadas exclusivamente a pastos onde non se apliquen fertilizantes (non computa o dexeito directo do gando en pastoreo).
- Explotacións cunha superficie total igual ou inferior a 10 hectáreas, sempre que sexan de secaño ou se dediquen integramente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo.
Que debe conter o Plan de Fertilización?
O documento non é un mero trámite administrativo, senón unha folla de ruta agronómica que debe estar dispoñible ante calquera inspección de Medio Rural. O plan, que se pode elaborar mediante ferramentas informáticas validadas ou co apoio de técnicos, ten que reflectir:
- Previsión de colleita: Estimación do rendemento segundo o cultivo (millo, herba, etc.).
- Necesidades de Nutrientes: Cálculo detallado de Nitróxeno (N), Fósforo (P) e Potasio (K).
- Dose e momento: Data prevista de aplicación, tipo de abono (químico, purín ou esterco) e a forma de incorporalo ao solo.
- Límites ao nitróxeno ureico: Restricións específicas nas doses de urea polas súas elevadas perdas por volatilización á atmosfera.
Asesoramento técnico xeralizado a partir de setembro do 2028
Para o resto, ademais de contar cun Plan de Fertilizacón, o asesoramento técnico en materia de fertilización por parte de profesionais cualificados pasará a ser obrigatorio a partir de setembro de 2027 en zonas vulnerables a nitratos, e en 2028 no resto do territorio galego.
Como alternativa, a normativa permite os cálculos realizados por medio dunha ferramenta oficial validada, pero a Consellería do Medio Rural non dispón dunha calculadora de nutrientes propia e exclusiva para a confección automática dos plans, aínda que ten centralizada a xestión do Caderno de Explotación na Plataforma Galega de Información Agraria (XEAGA).
A través desta oficina virtual e as súas ferramentas dixitais interconectadas co Rexistro de Explotacións (REAGA), os gandeiros poden cumprir co rexistro obrigatorio de fertilización e xestionar o seu caderno de campo.
O Ministerio valida a aplicación gratuíta FertiliCalc como referente de cálculo
Para o cálculo matemático de necesidades de N-P-K segundo o cultivo e a produción esperada, o Ministerio de Agricultura adoptou formalmente FertiliCalc como o software público de referencia en España.
Trátase dunha aplicación de descarga gratuíta (dispoñible para Windows e dispositivos móbiles) deseñada en colaboración con centros de investigación agraria que permite axustar as doses de xurro ou esterco ás necesidades reais do solo.
Analíticas de solo
O plan de fertilización carece de validez legal e técnica se non se sustenta en datos reais da terra. A normativa establece que as analíticas de solo son obrigatorias para todas as parcelas suxeitas ao plan de abonado.
As analíticas deben renovarse periodicamente: en parcelas de regadío é obrigatorio realizar unha analítica completa de solo como mínimo cada 5 anos e en parcelas de secaño como mínimo cada 10 anos.
As analíticas de solo pasan a ser obrigatorias e periódicas, debendo repetirse cada 5 anos en parcelas de regadío e cada 10 en secaño
A lei introduce flexibilidade para evitar afogar economicamente ás granxas cun minifundismo acusado como o galego. Non é necesario facer unha analítica por cada recinto catastral individual. Permítese agrupar as parcelas en “unidades de xestión homoxéneas”. Isto significa que se poden agrupar varias fincas nunha mesma mostra se cumpren tres requisitos:
- Estar nunha zona xeográfica próxima.
- Ter o mesmo tipo de solo e pendente.
- Estar destinadas ao mesmo cultivo (por exemplo, todas as parcelas de pradeira permanente ou todas as de rotación millo-herba).
Os laboratorios homologados que realicen estas probas deben certificar, cando menos, os niveis de fósforo, potasio, materia orgánica e o pH do solo, fundamentais para que o técnico valide as doses máximas permitidas.
O xurro como activo clave e a inseguridade xurídica actual nas aplicacións con prato
Para o sector lácteo e cárnico galego, o xurro consolídase legalmente como un fertilizante de alto valor. A normativa obriga a realizar analíticas periódicas do purín e do solo para axustar as cubas ao que a terra pode absorber.
Ademais, cómpre lembrar as esixencias mecánicas que seguen vixentes, co obxectivo de frear as perdas de nutrientes e a contaminación dos solos e os cauces fluviais:
- Prohibición de pratos e abanicos: O reparto tradicional en abanico está prohibido con carácter xeral para evitar a emisión de amoníaco, obrigando ao uso de sistemas de tubos colgantes ou inxectores.
- Enterrado rápido: Os estercos e puríns aplicados en chans sen cuberta vexetal deben enterrarse nun prazo máximo de 24 horas.
- Franxas de seguridade: Mantense a prohibición estrita de fertilizar a menos de 5 metros de canles de auga, pozos ou fontes.
A Xunta está a facer a vista gorda ás aplicacións con prato, que están prohibidas
A aplicación de xurro mediante os sistemas tradicionais de prato, abano ou canón está prohibida con carácter xeral. Non obstante, a normativa vixente inclúe criterios específicos que permiten excepcionalmente o seu uso:
- Pendente do terreo: Permítese en recintos cunha pendente media superior ao 10%.
- Tamaño da parcela: Autorízase en parcelas cunha superficie inferior a 2 hectáreas.
- Características da explotación: Pódese aplicar en toda a granxa se os recintos con pendente superior ao 10% superan a metade da superficie total, ou se as terras con pendente igual ou menor ao 10% non suman máis de 2 hectáreas.
- Casos específicos de microparcelas: Permítese en recintos de superficie inferior a media hectárea, sempre que non sexan lindeiros con outras fincas da mesma propiedade.
Por parte da normativa estatal permítense sistemas alternativos modificados ou tecnoloxías específicas adaptadas á realidade concreta dunha zona, como podería ser o caso do prato invertido en Galicia, pero o seu uso debe estar avalado pola comunidade autónoma mediante informes técnicos e a Xunta de Galicia non deu o paso á súa autorización.
A aplicación RAX: A ferramenta da Xunta para o cálculo de nutrintes purín-millo
A Consellería do Medio Rural non conta cunha ferramenta informática de carácter universal para todos os cultivos, pero si dispón dunha solución específica moi valorada no sector gandeiro a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
A aplicación RAX é unha ferramenta web deseñada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo especificamente para a fertilización do millo forraxeiro con xurro. Permite ás explotacións calcular de xeito preciso as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio do millo forraxeiro, cruzando os datos co potencial fertilizante do purín propio.
“As análises de solo e o asesoramento técnico van ser imprescindibles para o plan de abonado”
Galego









Control OJD