Ensilado de herba 2021: boa calidade pero menos cantidade ó adiantarse a campaña

A campaña de ensilado arrancou con case un mes de adianto nalgunhas zonas do centro de Galicia. O frío e os ventos afectaron ó crecemento da herba, pero están a lograrse silos de boa calidade. Facemos un repaso polas principais zonas gandeiras de vacún de leite

Ensilado de herba 2021: boa calidade pero menos cantidade ó adiantarse a campaña

Pisado dos silos en días pasados na cooperativa Ganxabar, en Mazaricos.

Os días solleiros do mes de marzo fixeron que a campaña de ensilado de herba se adiantase en boa parte de Galicia. Mentres os últimos anos era habitual que o ensilado se levase a cabo en moitas das zonas gandeiras a finais de abril e en maio, nestes días xa se realizaron os primeiros cortes naquelas pradeiras nas que se agarda sacar varias cortas de silo ou nas terras en rotación para o millo.

Co adianto do ensilado está a verse unha baixada da cantidade de herba en comparación da recollida noutros anos. As baixas temperaturas e os ventos do Nordés destes primeiros meses do ano afectaron ó desenvolvemento e crecemento da herba. Pese a verse reducida a cantidade, a herba estivo a ser ensilada en boas condicións e, á espera dos resultados das primeiras analíticas, todo apunta a que se están a lograr silos de boa calidade.

A evolución dos próximos 20 días será clave á hora de valorar a campaña de ensilado. Se as chuvias se prolongan agora poden presentarse dificultades para recoller a herba tanto para aqueles gandeiros que xa fixeron o primeiro corte e abonaron a parcela á espera dunha nova sega, como para os que decidiron agardar aínda a que medre un pouco máis a herba.

Facemos un repaso polas principais zonas gandeiras de Galicia para coñecer como avanza a campaña de ensilado nestes primeiros días:

A Mariña: “Non está habendo grandes producións, como moito recolléronse uns 9.000 quilos por hectárea”

Na cooperativa Os Irmandiños, unha das tres que integra Clun, a campaña de ensilado comezou hai xa 15 días, centrándose naquelas parcelas nas que se prevé facer dous cortes para ensilado, sobre todo en prados de raigrás. “Agora haberá un pequeno impasse, xa que se estivo abonando, e, se o tempo acompaña, o segundo corte nestas pradeiras agárdase para finais de mes”, explica José Ramón Loza García, responsable de maquinaria da cooperativa.

Estes primeiros cortes puideron realizalos en boas condicións, porén hai pouca cantidade de herba e están pendentes aínda dos resultados das analíticas para valorar a calidade do silo. “Como moito estivéronse recollendo uns 9.000 quilos por hectárea, non houbo grandes producións”, detalla Loza.

As chuvias dos últimos meses, xunto co frío e os ventos do Nordés foron as responsables de que nestes primeiros cortes non haxa gran cantidade de herba. “As condicións meteorolóxicas non lle permitiron á planta desenvolver todo o seu potencial para este primeiro corte, pero é preciso levalo a cabo para que o segundo corte veña con forza e para que non se atrase nin o segundo, nin a sementeira do millo”, valora.

No Centro de Alimentación de Gando Vacún (Cavi) que a cooperativa xestiona en Ribadeo xa fixeron o primeiro corte dunhas 50 hectáreas de raigrás. Agora agardan realizar entre esta semana e a seguinte o ensilado doutras 100 hectáreas nas que sementaron mesturas de cereais con leguminosas ou veza e quédanlles tamén outras 50 hectáreas de pradeiras naturais. “O cereal tivo unha boa implantación, aínda que quedou algo retrasado polo frío, os ventos e as chuvias. Logo do abonado foise recuperando ese crecemento. Agardamos ter unhas 6.000 toneladas de materia verde”, especifica o responsable de maquinaria.

Centro e Sur de Lugo: “A campaña está a vir moi adiantada e con pouca cantidade de herba”

Nas comarcas do centro e o sur de Lugo, este ano a campaña vén adiantada. Na cooperativa Aira, con 13 delegacións repartidas por boa parte da provincia lucense e con presencia tamén en terras do Deza, en Pontevedra, estiveron xa a ensilar naquelas pradeiras nas que se prevé facer varios cortes ou botar millo. “Este ano a campaña comezou moito antes, o bo tempo fixo que a xente se decidise a comezar co ensilado máis cedo”, concreta José Ángel Cobas Barreiro, responsable de maquinaria en Aira.

En ganderías de Taboada, Chantada ou Pol, os traballos de ensilado da herba levan xa varias semanas. Tamén na zona de Guntín, onde a cooperativa incrementou este ano os seus servizos, logo de renovar o seu parque de maquinaria, comezaron a ensilar xa a semana pasada. Mentres, en Sarria, onde Aira dispón dunha planta de forraxes húmidas, o ensilado aínda tardará en arrancar. “Contamos comezar nas próximas semanas, para deixarlle o tempo preciso para que o abonado teña efecto na pradeira”, prevé Cobas.

Nos primeiros ensilados están a lograrse silos cunha boa calidade, pero a cantidade de herba viuse reducida notablemente. “Estamos a sacar arredor dun remolque ou remolque e medio por hectárea, cando outros anos se chegaba a 3. Temos menos cantidade de herba, pero ata agora recolleuse nunhas moi boas condicións e son silos dunha boa calidade”, explica o responsable de maquinaria.

No Deza: “Os próximos 15 días van ser decisivos para a campaña. Os primeiros silos teñen boa calidade e cantidade”

Nunha das principais comarcas leiteiras do centro de Galicia, o Deza, o ensilado aínda está comenzando. Na cooperativa Cobideza, con sede en Lalín e delegacións en Vila de Cruces e Silleda, iniciaron a semana pasada os primeiros cortes de herba. Nesta campaña teñen previsto segar unhas 400 hectáreas de herba.

Polo momento, os cortes que se realizaron deixaron un balance satisfactorio tanto en cantidade como en calidade. “Por agora están sendo bos silos, pero estes 15 días de abril serán decisivos para a campaña”, explica Kiko Mosquera, responsable de maquinaria da cooperativa. Se as chuvias son moderadas e permiten que a herba vaia medrando e ó mesmo tempo se vaia ensilando a campaña resultará un éxito, mentres que se se prolongan as chuvias “pasaranos como outros anos: moita herba, encamada e sen ser posible ensilar en boas condicións”, recoñece Mosquera.

Nesta zona a campaña comezou con máis dun mes de adianto. “O habitual é que comece a finais de abril e se faga en maio, xa que normalmente non viña marzo tan seco”, indica.

Xallas e Barcala: “O ensilado puido facerse en boas condicións, hai pouca cantidade de herba pero é un dos silos de mellor calidade dos últimos anos”

Na cooperativa Ganxabar, en Mazaricos (A Coruña), este ano o ensilado adiantouse case 15 días con respecto das últimas campañas e está bastante avanzado. “Ensilamos xa unhas 170 hectáreas de pradeiras permanentes e agora estamos cunhas 160 hectáreas que temos para facer un só corte e logo sementar millo”, concreta Adrián Cundíns, xerente da cooperativa asentada na comarca do Xallas.

O frío do inverno tamén reduciu a produción de herba nesta zona, pero o bo tempo das últimas semanas permitíulles facer un ensilado nunhas condicións óptimas e conseguindo acceder coa maquinaria en parcelas nas que outros anos resultaba moi complicado. “A nivel técnico o ensilado puido facerse moi ben. A produción viuse un pouco afectada polo frío do último mes, que tampouco axudou a que os abonos permitisen un bo crecemento, pero estanse logrando silos de moi boa calidade”, apunta.

Así, aínda que a produción das pradeiras é máis modesta que a lograda na campaña pasada, está a ser unha das mellores dos últimos anos no que á calidade dos silos se refire. “Ó ser máis pequena a herba ten moita calidade, moita proteína, moi boa dixestibilidade e pouco caño. As perspectivas son moi boas para a calidade do silo, aínda que non sexa o mellor ano en canto a rendemento. En termos xerais contamos que será unha boa campaña, xa que nós procuramos máis ensilados de calidade, por riba da cantidade”, concreta.

En dúas ou tres semanas retomarán tamén o ensilado nas parcelas que teñen pradeira permanente. “A intención nestas terras é facer 3 ou 4 cortes, en función de como veña o ano”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información