O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ven de publicar a actualización para o ano 2022 dos ensaios sobre o valor agronómico das variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia.
Dentro dunhas semanas xa se empeza a preparar a sementeira do millo forraxeiro en Galicia, un cultivo de grande importancia para o mantemento da nosa cabana de gando vacún.
Neste sentido, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ven de publicar a actualización correspondente ao ano 2022 do Valor Agronómico das Variedades Comerciais de Millo Forraxeiro en Galicia, unha análise comparativa anual que se realiza dende o ano 1999 co obxectivo de avaliar o rendemento e calidade das variedades comerciais máis utilizadas no país.
Os ensaios fixéronse en catro comarcas: Sarria, Trasdeza, Ordes e A Mariña lucense. Nos ensaios utilízase un deseño en bloques ao chou con tres repeticións, cunha densidade de 90.000 plantas/ha. Recolleuse cada variedade no momento en que a liña de leite estaba a 1/3-1/2 do ápice (gran pastoso-vítreo) e analizouse a parte verde da planta e as espigas por separado.
Variedades con dous ou máis anos de avaliación, con maior fiabilidade:
Variedades cun ano de avaliación, con menor fiabilidade:
Recomendacións para elixir unha variedade
Á hora de elixir unha variedade, dende o CIAM recomendan que o primeiro que temos que ter en conta é o ciclo que resulte máis axeitado ao clima da zona.
Neste sentido aconsellan que:
-Se sabemos a data de sementeira e sumamos os días que aparecen na columna “Días S-C”, teremos a data probable de recollida para unha zona fría do interior.
-Se é unha zona cálida haberá que restarlle 15 días.
-Tamén é importante a dispoñibilidade de maquinaria para esa data.
Dentro do ciclo elixido, dende o CIAM recomendan escoller aquelas variedades que reúnan as dúas condicións seguintes ao mesmo tempo:
1) Un elevado índice produtivo (IP) (canto maior sexa o dato da columna IP, mellor) e
2) Unha elevada calidade (canto maiores sexan os datos das columnas ESPIGA, DMO e PB, mellor).