Enfermidades en idades temperás en tenreiras e efectos na súa vida adulta

As diarreas nas primeiras semanas de vida e as pneumonías ao destete atrasan o crecemento e empeoran o diagnóstico reprodutivo, derivando en xovencas que paren máis tarde e con menor produción de leite

Laura Molina, durante su ponencia en las Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro

Laura Molina, durante a súa ponencia nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

As tenreiras son unha peza clave nas ganderías lácteas. O obxectivo é chegar a conseguir unha vaca lonxeva e produtiva. Pero para iso é necesario investir tempo e diñeiro, pois a recría representa entre o 15 e o 20% do custo total de produción nunha explotación láctea. A idade ao primeiro parto e a produción de leite das xovencas na primeira lactación son os dous aspectos clave para reducir ese custo.

Pero ese esforzo pode ser en van se non se garante un óptimo estado sanitario nas primeiras etapas, pois as patoloxías respiratorias e dixestivas na fase lactante acaban marcando o futuro produtivo da vaca na súa vida adulta, segundo detallou Laura Molina, profesora asociada na facultade de Veterinaria de Córdoba, nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

A recría de xovencas representa entre o 15 e o 20% do custo total da produción láctea nunha explotación

“O traballo con tenreiras require paciencia e constancia. Deben recibir un coidado exquisito para poder expresar todo o seu potencial pero para ver os resultados na recría necesitamos moito investimento de tempo; polo tanto, é fundamental ter claro cales son os obxectivos a curto, medio e longo prazo”, insiste Laura.

Existen diferentes aspectos a ter en conta para unha correcta xestión da recría que deben ser abordados desde un enfoque integral: manexo, alimentación, aloxamento, comportamento e saúde, que ten un papel relevante máis alá do propio momento da recría, xa que a saúde en idades temperás pode xerar unha pegada permanente no animal a niveis reprodutivos e produtivos que perdurará durante toda a súa vida, marcando a súa rendibilidade na explotación.

A saúde en idades temperás pode xerar unha pegada permanente no animal a niveis reprodutivos e produtivos

A diarrea e a enfermidade respiratoria bovina (ERB) son as enfermidades máis prevalentes durante a etapa predestete e o diagnóstico precoz é a clave para unha correcta xestión das enfermidades nas tenreiras.

Patoloxías dixestivas: efectos a curto, medio e longo prazo

A diarrea neonatal afecta entre un 10 e un 35 % das tenreiras lactantes, aínda que existe bastante variabilidade neste valor entre unhas explotacións e outras. “Como mínimo, deberiamos fixar o noso obxectivo en baixar o grao de incidencia na nosa granxa por debaixo do 25%”, pide Laura, xa que a diarrea pode chegar a ser a responsable de máis do 50% das baixas en predestete, causando problemas de benestar, reprodutivos e produtivos.

A diarrea provoca dor e anhedonia (perda de interese ou reactividade ante estímulos habitualmente pracenteiros). As tenreiras con esta patoloxía, ademais de diminuír a súa actividade física xeral, reducen o seu comportamento de acicalamento, interactuando menos con outros animais e podendo ser máis reacias do habitual a achegarse ao gandeiro.

Para aliviar a dor, as tenreiras con diarrea encollen o abdome e meten a cola entre as patas traseiras mentres están de pé

É importante detectar da forma máis precoz posible cando unha tenreira vai sufrir diarrea, pero “normalmente chegamos bastante tarde”, recoñece Laura. Para iso, é necesario coñecer os patróns comportamentais dun animal san e dun animal enfermo, fixándose en síntomas compatibles coa dor.

Para aliviar a dor, as tenreiras con diarrea encollen o abdome e meten a cola entre as patas traseiras mentres están de pé. En casos graves incluso colocan a cabeza e o pescozo baixo o peito, o que indica un malestar intenso.

É necesario fixarse en indicadores comportamentais e nas expresións faciais para detectar a dor causada por enfermidades dixestivas en tenreiras

Os trazos de personalidade da tenreira van determinar a súa conduta en relación cunha patoloxía dixestiva. É dicir, en función de se o animal é curioso, activo ou temeroso vai modificar dun modo ou doutro o seu comportamento. “Non é doado detectar unha diarrea a nivel subclínico, antes de que manifeste síntomas clínicos evidentes, pero existen indicadores fiables para detectar a dor provocada por diarrea nun animal: indicadores produtivos (diminución da inxesta), fisiolóxicos (aumento da frecuencia cardíaca, frecuencia respiratoria e temperatura), comportamentais (animais que arquean o lombo e miran cara á zona onde lles doe) e expresións faciais (orellas, ollos, fociño e músculos faciais).

A diarrea pode chegar a ser a responsable de máis da metade das mortes de tenreiras no predestete

Unha vez detectado e tratado o episodio de diarrea, o tecido de revestimento danado volve medrar e a función intestinal normalízase con bastante rapidez cando se utilizan os antimicrobianos axeitados. Non obstante, prodúcense efectos negativos a curto, medio e longo prazo, aínda que se precisan máis estudos que cuantifiquen sobre todo as consecuencias a longo prazo, xa que a curto e medio prazo son máis evidentes.

“Se detectamos precozmente a diarrea e a tratamos axeitadamente, as tenreiras teñen unha enorme capacidade para recuperar o epitelio do intestino. Pero a perda de crecemento vén dada por unha redución da inxesta, unha menor absorción de nutrientes e unha menor conversión tanto durante o episodio de diarrea como despois”, asegura.

As inseminacións por xestación aumentan en xovencas con antecedentes de diarrea na fase de amamantamento

A diarrea predestete asóciase cun maior uso de antimicrobianos, unha redución na ganancia media diaria (GMD) que pode chegar ata os 9 kg ao destete e efectos adversos no rendemento reprodutivo posterior, cun aumento no número de inseminacións necesarias para a concepción, e un impacto económico duradeiro, que inclúe unha redución de arredor de 300 kg na produción de leite durante a primeira lactación, unha redución das taxas de xestación e mesmo unha maior probabilidade de descarte por células somáticas elevadas.

As consecuencias dunha diarrea poden chegar a supoñer unha diminución da ganancia media diaria ao destete de ata 9 kg

“Un factor relevante é en que momento a tenreira ten a diarrea, xa que o impacto non é o mesmo tendo diarrea aos 15 días que no destete”, afirma Laura. “Cando o sistema inmunitario é máis inmaduro, é dicir, nos primeiros 15-20 días de vida, temos un maior impacto con respecto ao post-destete, cando a tenreira xa é máis inmunocompetente”, argumenta. Nestes momentos na Universidade de Córdoba están a analizar os efectos a longo prazo en animais que presentan criptosporidiose e coccidiose no destete.

Saúde pulmonar

factores de riesgo para neumonias en terneras de recria

A pneumonía en tenreiras adoita denominarse unha “enfermidade multifactorial”. Isto indica que, ademais dos axentes infecciosos (virus e bacterias), existen multitude de factores ambientais e de manexo que, xunto coas súas interaccións, poden ser os responsables de que se produza un brote da enfermidade: aloxamento inadecuado, amoreamento, inxesta insuficiente de calostro, déficits nutricionais, presenza previa de diarrea, etc.

O diagnóstico e tratamento temperáns da pneumonía son unha vez máis esenciais, polo que cada vez están máis instauradas nas explotacións as visitas periódicas do veterinario para levar a cabo ecografía pulmonar como método de diagnóstico precoz, pero “tan importante é a técnica como a frecuencia de visita”, asegura Laura.

Catro de cada 10 animais con lesións pulmonares non mostran signos da enfermidade ao realizarlles unha ecografía

Porén, un 44% dos animais con lesións pulmonares na ecografía aparentemente están sans aínda que realmente teñen afectación por patoloxías respiratorias”, indica. “A enfermidade respiratoria maniféstase máis claramente no destete, pero pode proceder de máis tempo en estado subclínico, porque a partir da terceira ou cuarta semana de vida a tenreira xa pode comezar a ter esa enfermidade respiratoria subclínica e nesta fase subclínica é onde nos temos que centrar para poder mellorar”, engade.

Os tenreiros con pneumonía poden presentar signos de dor, ademais de somnolencia, diminución do apetito, secreción nasal e febre. As infeccións bacterianas graves tamén poden causar síntomas musculoesqueléticos nas tenreiras como un problema máis sistémico.

As tenreiras con pneumonía poden presentar signos de dor, ademais de somnolencia, diminución do apetito, secreción nasal e febre

Aínda que a vida do animal se normaliza tras a recuperación da pneumonía, o dano pulmonar a miúdo persiste. Xa no ano 1994, un primeiro estudo observou que as xovencas con problemas respiratorios nos tres primeiros meses de vida parían tres meses máis tarde ca as sas. “E como xa sabemos, a idade ao primeiro parto é un factor crucial, xa que afecta significativamente á produtividade das xovencas ao longo da súa vida”, aclara a profesora da Universidade de Córdoba.

O indicador clave para reducir os custos de recría é precisamente a idade ao primeiro parto das xovencas, polo que un rendemento reprodutivo óptimo nelas é crucial para manter a viabilidade económica das explotacións leiteiras. Do mesmo xeito, unha maior produción de leite durante a primeira lactación contribúe a unha compensación máis rápida dos custos da recría.

A idade ao primeiro parto é un indicador clave para reducir os custos de recría

Para buscar unha resposta a como a patoloxía respiratoria pode influír nos parámetros reprodutivos, xorde o estudo levado a cabo no Val dos Pedroches en 2024 no que se analizaron 120 tenreiras en total en dúas granxas leiteiras.

Trátase do primeiro estudo que utiliza a ecografía pulmonar secuencial (EPS) para avaliar como a consolidación pulmonar durante as primeiras etapas do desenvolvemento das tenreiras afecta ao crecemento e aos resultados reprodutivos das xovencas holstein.

As tenreiras con consolidación pulmonar persistente medran menos (88,2 g/día) e tardan máis (33,4 días) en quedar preñadas

O obxectivo principal foi determinar se a consolidación pulmonar persistente se asociaba coa ganancia media diaria (GMD), a idade á primeira inseminación artificial (E_1IA), a taxa de preñez á primeira IA (TP_1IA) e a idade ao acadar a preñez (E_P). A análise incluíu 600 ETS (5 avaliacións ecográficas a cada tenreira desde o día 35 ao día 85 de vida cun intervalo de 15 días).

Un 81,7% das tenreiras mostran lesión polo menos unha vez, un 18,3% tiveron lesión persistente (1 mes con lesión que non remite) e un 44% que non responderon ao tratamento e non se recuperaron. Considerouse lesión un tamaño maior ou igual a un centímetro cadrado e, dependendo de factores como as instalacións ou a frecuencia de visitas, decidiuse tratar aos animais a partir de 2 ou 3 centímetros de lesión.

Necesitamos novos tratamentos que acheguen unha maior eficacia, xa que o 44% das tenreiras tratadas non se recuperaron

As xovencas con consolidación pulmonar persistente mostraron unha GMD reducida (-88,2 g/día), o que equivale a unha redución do 10,5%. A taxa de preñez na primeira IA foi menor nas xovencas con consolidación pulmonar persistente, o que resultou nun atraso na idade de xestación (33,4 días despois).

Pola súa banda, as xovencas que non se recuperaron despois do tratamento con antibióticos tenderon a ser inseminadas por primeira vez 14,8 días máis tarde e lograron a preñez 28,2 días máis tarde ca as xovencas que non necesitaron tratamento. A primeira inseminación levouse a cabo cando a tenreira acada unha altura á cruz de 135 cm e o 55% do peso vivo adulto (normalmente a partir de 400 kg). Aos 29 días post inseminación realizábase o diagnóstico de xestación.

“En conclusión, a consolidación pulmonar persistente afecta ao crecemento da tenreira, cun impacto posterior no éxito da xestación, o que atrasa a idade da primeira xestación”, asegura Laura.

Necesitamos un modelo predictivo para descarte temperán

“Este estudo actualmente está a ser complementado cos datos da primeira lactación, para poder chegar a deseñar un modelo predictivo que nos faga decidir sobre o futuro da xovenca antes de chegar a inseminarla, xa que a identificación temperá dos animais afectados é fundamental para reducir o efecto do síndrome respiratorio bovino (SRB) e, deste xeito, poder ter unha boa taxa de recuperación pulmonar e, actualmente, atopámonos inmersos en estudos de seguimento ecográfico semanal para poder determinar que pros e contras poderiamos obter con esa frecuencia de monitorización”, engade.

Combinación de diarrea e pneumonía

efectos diarrea e neumonia no crecemento das xatas de recriaefectos diarrea e neumonia na reproducion das xatas de recria

A pneumonía e a diarrea impactan de maneira permanente no rendemento futuro da recría, pero, ademais, existen algúns estudos onde se pode comprobar como, cando ambas patoloxías se presentan nun mesmo animal, o impacto é aínda maior.

Máis da metade das tenreiras que sofren pneumonía tiñan previamente diarrea

“O 58,1% das tenreiras que detectamos con pneumonía tiveron antes diarrea. Por iso temos que poñer o foco na detección precoz da diarrea”, argumenta Laura. A presenza simultánea de ambas patoloxías asóciase cun menor peso ao destete e un menor rendemento reprodutivo con respecto ás tenreiras que padecen unha soa enfermidade.

As tenreiras que sufriron diarrea e pneumonía teñen unha ganancia media diaria un 14% inferior, inseminánse un mes máis tarde e a idade de xestación e primeiro parto atrásase ata dous meses, dado que a taxa de preñez á primeira inseminación pasa dun 60% en animais sans a un 29% en animais con ambas patoloxías.

A saúde das tenreiras tanto no predestete como no postdestete é determinante para a rendibilidade da granxa

Respecto ao impacto destas patoloxías de idades temperás na produción de leite na primeira lactación, existe bastante controversia nos estudos realizados. En xovencas de rabaños suecos, con antecedentes de diarrea durante os primeiros 90 días de vida, observouse unha diminución de 344 kg de leite na primeira lactación. Porén, outros estudos non detectaron diferenzas. O mesmo acontece no caso da pneumonía, polo que non se poden sacar conclusións definitivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información