Enfermidades emerxentes, muxido en robot e normativa de abonado centraron a xornada de Africor-Pontevedra

A regulación relativa a enfermidades emerxentes no sector bovino -como a DNC-, as diferentes posibilidades de sistemas de alimentación en explotacións lácteas que empregan robots de muxido e as normativas europeas sobre xestión de solos, xurros e fertilizantes foron obxecto de debate nunha nova edición da xornada formativa de Africor-Pontevedra

PONENTES MOURISCADE

Un ano máis, a Finca Mouriscade (Lalín) acolleu a xornada formativa organizada pola Asociación Frisoa de Control de Rendementos (Africor) de Pontevedra. As ponencias correron a cargo de Iván Mato, de laboratorios Hipra; José María Viana, da Cooperativa Aira e Manuel Crespo, do Grupo Soaga.

Enfermidades emerxentes en bovinos

Mato fixo un repaso sobre o que se sabe e o que se agarda da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Lembrou que a doenza está incluída no listado de declaración obrigatoria que establece a Organización Mundial da Saúde Animal (OMSA) e que os estados membros dese organismo comprométense a notificar calquera caso ou foco que se produza.

A DNC cumpre tres dos criterios fixos para ser afrontada pola OMSA: existe unha propagación internacional demostrada, existen países onde non está presente e cóntase con diagnósticos fiables e precisos de casos concretos.

Dos criterios optativos, cumpre polo menos un, que é o de ter impacto sobre a saúde e a produción animal. Por contra, está demostrado que non afecta os seres humanos e polo tanto non é unha zoonose e, de momento, non hai constancia de se afecta ou non á fauna silvestre.

Iván Mato, de Hipra, detallou a situación actual en España da DNC

Iván Mato, de Hipra, detallou a situación actual en España da DNC

O técnico de Hipra fixo un repaso polas medidas que se levan tomado dende as administracións públicas respecto da DNC. Así, lembrou que a Comisión Europea catalogou a enfermidade como do grupo A, é decir, que a estratexia sanitaria é a da erradicación inmediata. “Para eso é preciso o baleirado sanitario das explotacións afectadas e o sacrificio de boa parte dos animais. Unhas medidas dolorosas pero imprescindibles”, dixo.

Outra medida que impón a Comisión Europea respecto da DNC é a da vacinación obrigatoria. Dende o Ministerio de Agricultura, sinalou Mato, establecéronse unha serie de directrices recollidas nun manual de intervención. Ditas directrices inclúen os seguintes pasos:

– Matanza inmediata e destrución dos cadáveres (agás cando a vacinación supera o 75% dos animais e o 95% das explotacións da zona afectada)

– Destrución de materiais contaminados (camas, esterco, forraxes…)

– Control de movementos. Tanto dos animais como das súas dexeccións e de todo o relacionado co seu manexo

– Protocolos de bioseguridade, desinsectación e desinfección de instalacións, material e vehículos

– Investigación epidemiolóxica para determinar as fontes de contaxio e as vías de difusión

– Rexionalización para establecer as áreas afectadas e as que están libres da enfermidade

– Vacinación de urxencia nos casos enb que se considere necesario

O técnico de Hipra lembrou que boa parte da práctica sanitaria para facer fronte á DNC e a outras doenzas emerxentes en bovino pasa pola actuación das administracións autonómicas e dos seus servizos veterinarios oficiais. Así, lembrou as súas funcións nestes casos:

– Confirmación mediante laboratorio dos casos sospeitosos

– Sacrificio e eliminación dos cadáveres nas explotacións afectadas

– Definición das áreas de restrición na contorna dos focos

– Establecemento de limitacións de movementos de animais, produtos, dexeccións e materiais

– Establecemento de medidas de bioseguridade, desinfección e desinsectación

– Vacinación de urxencia, sempre que sexa autorizada polo Ministerio

Mato sinalou que a DNC pode provocar infertilidade nos touros, algo que -dixo- non se está a valorar suficientemente no sector. Tamén lembrou que as costras que se desprenden dos nódulos son portadoras do virus e poden acabar no esterco e nas camas, espallando así a enfermidade.

Manexo en sistema de robot de muxidura

Os métodos de alimentación do gando en sistemas robotizados serán eficaces en función do modelo de granxa, non hai unha técnica apta para todas as explotacións. Foi a principal conclusión do relatorio de José María Viana, técnico de alimentación na Cooperativa Aira. Viana lembrou que a produción profesionalizada de leite ten só 170 anos de antigüidade e que foi nas dúas últimas décadas cando máis avances técnicos se produciron.

Os robots para muxir chegaron a España no ano 2000. Dende entón, o seu número non deixou de medrar, sobre todo dende hai cinco anos. “A día de hoxe, hai 500 robots da marca punteira e outros tantos do resto de marcas. Hai tres anos había 300 en total. Eso indica que os robots -en sistema libre, guiado ou batch milking- son o futuro xunto coas salas rotativas”, dixo Viana.

“As explotacións que desexen incorporar robots ou aumentar o seu número terán que deseñar ou reconstruír as instalacións de xeito que as vacas entren muxir e descansen o tempo suficiente e nos momentos adecuados”. En función do sistema e das características da granxa haberá que establecer prioridades entre comer, muxir e descansar.

A alimentación das vacas en sistemas robotizados foi o obxecto da ponencia de José M. Viana, de Aira

A alimentación das vacas en sistemas robotizados foi o obxecto da ponencia de José M. Viana, de Aira

O técnico de Aira insistiu especialmente na necesidade de contar con espazo suficiente na contorna do robot. “Sete metros é unha superficie óptima no patio do robot para que a vaca non se estrese. Obviamente, non sempre é posible contar con ese espazo. Pero é importante que se habilite o máximo que se poida”

Viana falou tamén da opción de contar con fosos nos sistemas robotizados. Unha opción que combina automatización e intervención humana. O foso permite que o gandeiro realice tarefas de mantemento, limpeza ou tratamentos veterinarios dun xeito moito máis ergonómico e seguro.

E é que o foso permite estar á altura da vista do ubre da vaca, facilitando a limpeza manual de tetos, o tratamento da mastite ou a colocación manual de pezoneiras en animais que o robot non identifica ben. E reduce o risco de golpes ou lesións durante o manexo directo.

O especialista mencionou os traballos de Liliana Fadul sobre a clasificación das vacas en función do seu rendemento no robot. Sobre todo, diferenciando entre primíparas y multíparas para que os gandeiros comproben a eficiencia por quilos de leite e por cartos ingresados. Nese punto inflúen as variables de velocidade de muxido e tempo de preparación no robot. 

Viana asegurou que hoxe hai arredor de 1.000 robots para muxir en toda Galicia e agoirou que dentro de 5 anos a cifra ascenderá a 2.000. “Para o ano 2031 haberá máis de 130.000 vacas muxíndose nos robots e as explotacións que conten con estes dispositivos serán superiores ao 30%”, afirmou.

Xestión dos solos

Manuel Crespo, director de especialidades do Grupo Soaga, falou dos retos da nutrición vexetal e da adaptación á nova normativa de uso sostible de solos. Crespo fixo un repaso sobre a lexislación relativa ao caderno dixital, o emprego de produtos fitosanitarios e a nova regulación respecto do uso de fertilizantes.

A Unión Europea establece unha serie de criterios de obrigado cumprimento dos cales o sector gandeiro non sempre é consciente. Un deles é o de reducir a perda de nutrientes nos solos ao mesmo tempo que se aspira a rebaixar no 20% o emprego de fertilizantes.

Manuel Crespo, de Soaga, fixo un repaso polas novas normativas de xestión dos solos

Manuel Crespo, de Soaga, fixo un repaso polas novas normativas de xestión dos solos

Por outra banda, a administración europea aspira a reducir os produtos fitosanitarios e os riscos que conlevan nun 50%. E tamén que se baixen as emisións de Gases de Efecto Invernadoro (GEI) en todas as explotacións agrícolas e gandeiras.

Así, a xestión dos solos para usos forraxeiros queda condicionada polas novas normativas. “Existen ferramentas dixitais promovidas pola administración autonómica e tamén hai a posibilidade de contratar persoas alleas á explotación que asesoren en materia de xestión de xurros e fertilizantes”.

Crespo recoñeceu que as modificacións lexislativas non están suficientemente comunicadas e que o sector gandeiro pode incurrir en incumprimentos das mesmas precisamente polo descoñecemento, “Dende os plans de abonado ata o seguemento do caderno dixital, hai moitas variables que non sempre están ben definidas ou, como mínimo, non foron ben trasladadas, Traballamos para corrixir esa situación”, asegurou.

Jesús Manteiga Claro, presidente de Africor-Pontevedra, pechou o acto facendo un repaso á actividade desenvolvida pola asociación no último exercicio e expoñendo as liñas de traballo que se van desenvolver nos vindeiros meses. Héctor Martínez, da Deputación de Pontevedra, foi o encargado de coordinar o desenvolvemento da xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información