
Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), novos serotipos de lingua azul, Diarrea Viral Bovina (DVB), gripe aviar en bovinos…Dende hai cinco anos, estas doenzas están a aparecer con máis ou menos intensidade en diferentes zonas de Europa.
E estímase que nos vindeiros anos virán outras novas. Cales son as causas e consecuencias da aparición das chamadas enfermidades emerxentes e que se pode facer contra elas? O profesor e investigador da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid Alberto Díez Guerrier, impartiu senllas conferencias en Frades e Chantada en actos das cooperativas Central e Aira respectivamente tratando de dar resposta a esas preguntas.
Causas e custos
As doenzas emerxentes en bovinos chegan por múltiples factores. África é o continente onde hai máis variedades de rumiantes e eso xa fai que a posibilidade de aparición de novas doenzas se multiplique. Ademais, os medios técnicos e económicos para contrarrestalas ou frealas son inexistentes. Eso fai lóxico pensar que as doenzas procedentes de África -tamén pola proximidade xeográfica- seguirán chegando.
Outras razóns que o explican teñen que ver con cambios sociais e con cambios no propio sector. “Hai 30 anos as ganderías eran moito máis pequenas e vivían un certo illamento respecto do exterior. Hoxe a mobilidade é moito maior en todos os eidos. Os animais desprázanse con moita máis frecuencia e os intercambios comerciais en todos os sectores e entre multitude de rexións medraron exponencialmente.”
A enorme diversidade de rumiantes e de insectos que hai en África, unida ao cambio climático, agoiran a chegada de novas doenzas a curto prazo
Sen esquecer o cambio climático: a suba das temperaturas fai que milleiros de especies de insectos se estean a adaptar a climas onde antes non sobrevivían. Moitos deses insectos son vectores transmisores de virus. E, ademais, xa non morren no inverno.
Por outro lado, a cabana de bovino europea é a mellor do mundo polo excelente traballo xenético. “Eso fai que as nosas razas sexan empregadas como mellorantes en todo o planeta. Os transportes van coas vacas europeas a calquera zona do mundo e poden volver con doenzas e vectores que non existían aquí. Sen esquecer que a selección xenética -sobre todo en holstein- deriva en animais máis delicados. E que tampouco contan con defensas para doenzas novas.”
Algo que non se soe ter en conta é o custo económico que supoñen as enfermidades que afectan a unha parte importante da cabana. Vacinacións masivas, sacrificios de animais, perdas empresariais…Díez citou o exemplo da lingua azul en Alemania, que supuxo un custo de 180 millóns de euros en 2006 só en gastos de erradicación; ou o brote de febre aftosa de Gran Bretaña en 2001, que supuxo perdas de 5.000 millóns de euros e o sacrificio de 10 millóns de cabezas.
É habitual que non se teña constancia do custo económico que as enfermidades emerxentes bovinas supoñen para o conxunto da sociedade
Só os custos directos da Encefalopatía Esponxiforme Bovina a comezos de século levaron en Europa 17.000 millóns de euros. Eso levou a que os estados xa estean a considerar as enfermidades bovinas, a súa introdución e propagación, como posibles actos de bioterrorismo. Xa hai sospeitas de que o foco de febre aftosa en Hungría puidera ter sido intencionado.
Consecuencias sanitarias
O grande problema que plantean estas enfermidades é a súa inestabilidade. “Cada doenza presenta diferentes serotipos -ata 30 no caso da lingua azul- e poden seguir aparecendo. E cada un deles ten un comportamento diferente. Tampouco hai inmunidade cruzada entre eles. Falamos dunha única doenza pero en realidade son moitas insertadas nunha.”

Díez impartiu charlas en dúas xornadas organizadas pola Cooperativa Central de Frades e por Aira en Chantada
Os insectos que as transmiten están xa moi espallados por diferentes territorios de Europa e o seu control é practicamente imposible. Ademais, afectan a especies rumiantes silvestres, o cal leva a que as enfermidades se estendan aínda máis sen que se chegue a ter coñecemento dos brotes nin se poida actuar dende o ámbito sanitario.
Díez sinalou que os insectos vectores de contaxio de enfermidades poden desprazarse -mediante a acción do vento- ata 30 ou 40 quilómetros con suma facilidade, dificultando aínda máis o seu control mediante as vías convencionais.
O control das enfermidades emerxentes é case imposible en moitos casos pola dificultade de frear os insectos
Un efecto colateral das enfermidades de transmisión por vector é que fan que reaparezan con forza outras doenzas que semellaban erradicadas pero que, en realidade, estaban latentes. É o caso da besnotiosis, que volveu aparecer en zonas onde se detectou o serotipo 3 da lingua azul. Un fenómeno que se explica polo debilitamento das defensas naturais dos bovinos. E o mesmo sucede co serotipo 8, que tamén é inmunosupresor.
Díez amosouse pouco optimista coa efectividade dos desinsectantes, tanto aplicados sobre os animais como sobre as instalacións. De feito, dixo, un uso abusivo dos mesmos fai que os insectos acaben por adaptarse a eles. Nin tampouco sobre o control de movementos, pola acción dos rumiantes silvestres e polo desprazamento dos insectos.
“O que nos queda é a vacinación. E nin sequera é totalmente efectiva porque a que funciona para un serotipo non funciona para outro. Como moito podemos chegar a cubrir dous serotipos cunha soa vacina. De modo que teremos que decidir se vacinar ou non e sobre que serotipos. Porque as vacinas teñen un custo e uns efectos secundarios.”
Temos que ser conscientes de que as vacinas teñen uns custos e unhas consecuencias. O seu uso debe ser moi ben avaliado
O veterinario afirmou categoricamente que a lingua azul xa é unha enfermidade endémica e non queda máis remedio que convivir con ela e aceptar as vacinacións periódicas. “Xa non é que non sexa posible erradicala, é que imos ter que afacernos á aparición de novos serotipos cada certo tempo.”
Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC)
A DNC chegou a España hai meses procedente de Francia. Se ben os primeiros brotes en Cataluña foron controlados mediante vacinación, prohibición de movemento de animais e baleirados sanitarios, é a principal preocupación para os gandeiros de toda España, polo que poida pasar coa chegada da calor.
Se se pode falar dalgunha vantaxe para afrontala, hai que sinalar que afecta só a bovinos, co que é máis fácil de combater. E non presenta diferentes serotipos senón que é unha única doenza. Bastante estable. Sen embargo, aínda queda moito por investigar, xa que o pouco que se investigou foi sobre razas africanas e aínda se descoñecen os efectos a medio e longo prazo na cabana europea.

Algunhas das doenzas volven agresivas ás vacas, o que dificulta o seu manexo
Moscas dos establos, tabaos e mosquitos son os principais vectores de transmisión. Algo positivo xa que non son insectos que poida trasladar o vento e o seu radio de acción redúcese a entre 4 e 6 quilómetros. E o virus só resiste no interior do insecto uns 4 ou 5 días. Tampouco hai unha compoñente silvestre porque non hai bovinos salvaxes en Europa.
O bo é que a DNC pode ser controlada con máis facilidade que as outras doenzas. Pero hai que ter en conta que deixa moitas secuelas nos animais
As cifras sinalan que, se aparece a DNC nunha granxa, entre un 5% e un 45% do rabaño se vai contaxiar. E o 50% dos animais contaxiados presentarán síntomas. E a mortalidade situarase entre o 10% e o 20% do total da cabana.
Pero o grande problema é que, aínda que a vaca supere a enfermidade, pode quedar con lesións crónicas na ubre e nos órganos internos. E, aínda que non queden secuelas, tardará un mínimo de seis meses en recuperarse plenamente; un tempo inasumible nas granxas europeas para ter un animal sen producir nin empreñar.
O que está claro é que a transmisión da doenza en Europa débese ao movemento de animais. “Ben porque se transportaron animais asintomáticos, ben porque se produciron movementos irregulares ou ilegais ou ben porque nos camións ían insectos vectores de contaxio.”
Para o control da DNC, o veterinario recomenda a detección precoz -para o cal é preciso que os gandeiros informen os veterinarios ante a menor sospeita-, a supresión de movementos de gando, a desinsectación de instalacións e vehículos e -en doses reducidas- de animais e a vacinación.
Díez explicou por que son necesarios os baleirados sanitarios nas explotacións afectadas pola DNC. “Aparte do custo que supón un animal improdutivo e con posibles secuelas, temos vacas incubando a doenza e outras que son asintomáticas. Se as deixamos na granxa, a enfermidade seguirá dentro dela. Por eso se baleira. Outra cousa é en explotacións xa vacinadas, onde pode haber debate sobre baleirar ou non.”
A vacinación implica consecuencias. Máis aló dos custos económicos ou dos posibles efectos secundarios, hai que ter en conta que a lexislación impide vender para vida animais vacinados por un período de 14 meses, aínda que se están negociando flexibilizacións desa norma pero sen permitir o libre movemento.
Para que a vacinación fronte á DNC sexa eficiente, é preciso vacinar ao 90% do censo de bovinos de cada territorio
Díez indicou que, para que a vacina sexa efectiva, é preciso vacinar como mínimo ao 90% do censo de bovinos. “De nada serve que un gandeiro vacine se o seu veciño non o fai. A doenza seguirá aí. Por eso os programas de vacinación ou son obrigatorios ou están prohibidos. Nunca poden ser optativos porque suporían un custo e unhas consecuencias e non servirían para nada.”
O veterinario agarda que non sexa precisa unha vacinación masiva fronte á DNC “porque eso significaría que se está a espallar, co conseguinte risco de que se convirta en endémica e que implique unha enorme perda de exemplares e o conseguinte custo económico para o sector e a sociedade.”

A DNC provoca en boa parte dos animais afectados danos prolongados nos órganos internos
Doenzas que poden aparecer
A febre aftosa (FA) está moi espallada polo mundo e en España tamén estivo presente nos anos 80 coñecida daquela como glosopeda. O principal problema que presenta é que afecta a moitas especies, as coñecidas como de pezuña fendida (vacas, porcos, ovellas, corzos, cabras…).
E ademais é extremadamente contaxiosa. Aínda que non por vector senón por todos os fluídos do corpo do animal; sangue, saliva, alento, leite e dexeccións. A maiores, o vento pode desprazar o virus ata 50 quilómetros. E queda impregnado nos insectos e ata na comida. “Co tránsito que hai todos os anos entre España e África, semella milagroso que non a volvamos ter aquí.”
Co tránsito de mercadorías e persoas que hai cada día entre Europa e África, é raro que aínda non reaparecera a febre aftosa
A FA non causa moitas mortes nos rabaños pero deixa secuelas moi importantes nos animais. “Unha granxa pode quedar sen produción de leite durante dúas ou tres semanas. E a eso hai que engadirlle coxeiras, abortos, malestar das vacas…ten un forte impacto.”
Os procedementos de control son os mesmos que no caso da DNC, pero ampliando os radios de illamento pola maior facilidade de propagación da febre. Ademais é moi importante actuar con rapidez; para eso, a detección e comunicación ten que ser case inmediata.
Unha doenza “nova” é a febre do Val do Rift (FVR), unha rexión do leste de África. A doenza xa se espallou polos países africanos do Mediterráneo, polo que é altamente probable que xa estea en territorio europeo, se ben aínda non foi detectada oficialmente.
Aínda que a FVR se pode transmitir ás persoas, o contaxio só se produce en casos de contacto directo, prolongado e constante
Tamén se transmite por mosquitos e, como a DNC, deixa moi tocadas as vacas. Sobre todo provoca un alto índice de abortos. E é zoonótica, é decir, pode afectar as persoas, se ben só se dan casos en persoas que teñen un contacto directo e continuo cos animais.

Díez alertou dos riscos sanitarios que implican as camas quentes de palla mal manexadas
Para a FVR existe unha vacina das chamadas “da vella garda”. Resulta eficaz pero ten importantes efectos secundarios, asegurou Díez. “A FVR non é unha enfermidade coa que se poida convivir, temos que erradicala se aparece porque se se volve endémica o custo será enorme en todos os sentidos.”
Conclusións
Díez amosouse partidario das vacinas. Pero indicou que, ao paso que imos, podemos chegar a situacións en que un animal teña que recibir ata 18 vacinas anuais. “Todas teñen un custo e uns efectos secundarios diferentes. Hai que analizar se é viable inocular toda esa carga vacinal nunha vaca ao cabo do ano.”
Unha situación que tamén podería darse en Galicia, malia ser a comunidade con mellores índices sanitarios de España. “A vacina ten que ser unha ferramenta para a erradicación das doenzas. Xa temos algunhas que son endémicas e non queda máis remedio que vacinar periodicamente. Podemos realmente asumir que sigan chegando doenzas e que tamén se convirtan en endémicas? Eu véxoo inasumible.”
Que as vacas teñan que recibir todos os anos ata 18 vacinas é inasumible económica, sanitaria e produtivamente
O veterinario deixou no aire a posibilidade de que no futuro a situación sanitaria leve a ter que substituír as razas tradicionais europeas (bos taurus) polas que se crían en Asia, África e parte de América (bos índicus).
“O bos índicus, os bóvidos da liña dos cebús, son duros coma penedos. Teñen unha resistencia ante as enfermidades asombrosa. Pero a súa carne está moi lonxe dos estándares mínimos de calidade aos que estamos afeitos e a súa produción de leite e moi deficnete en canto a cantidade e calidade.”
De feito, sinalou Díez, cando nos países de tradición cebuina se empregan razas europeas para mellorar os índices de produción e a calidade da carne e o leite, acaban tendo problemas sanitarios porque debilitan a raza, que é o contrario do que soe suceder coas mestizaxes.
Para non caer nin nunha vacinación excesiva nin nunha substitución das razas tradicionais, a mellor opción é desenvolver estratexias de bioseguridade. Algo que, dixo Díez, o sector bovino ten moi pouco desenvolvido en comparación con outros sectores gandeiros.
Non podemos desbotar o debate da substitución das razas tradicionais por outras máis resistentes, aínda que non é o desexable
“Máis alá dos tradicionais pediluvios, desinsectantes, desinfectantes, vacinacións, tratamentos e outros métodos, cómpre incidir en reforzar o sistema inmunitario das vacas e en restrinxir e controlar ao máximo calquera movemento de gando. Eses son piares da bioseguridade.”
Nesa liña, o veterinario recomendou só comprar animais en caso de extrema necesidade e esixir todas as garantías sanitarias das vacas que cheguen mediante documentación acreditada. “Non ten ningún sentido gastar 6.000 euros nun semental e logo aforrar os 75 euros que custan as probas e certificacións sanitarias. E eso é algo que aínda pasa.”
No caso de non poder contar coas garantías sanitarias na orixe do animal, hai que realizar unha corentena fóra da explotación e realizar as probas pertinentes mentres dura a mesma. A práctica de esixir garantías debe estenderse tamén ás doses de seme. E, por suposto, hai que esixir a desinfección total dos transportes que chegan á granxa.
Unha desinfección que, xunto coa limpeza diaria e a desratización, serán claves para conter calquera enfermidade. Sen esquecer o benestar animal: “Unha vaca que non está cómoda ou ben tratada terá unha merma nas súas capacidades inmunolóxicas.”
Galego









Control OJD