Monte Penide (Redondela) é unha das áreas forestais de Galicia que presenta maior densidade de patrimonio arqueolóxico, pois o lugar alberga unha necrópole megalítica con arredor de medio cento de mámoas. Este escenario representa para as comunidades de montes da contorna unha riqueza patrimonial e, á vez, un problema importante, pois teñen que afrontar numerosos gastos e burocracia.
Falamos cunha das comunidades de montes veciñais afectadas, a de Cabeiro (Redondela). O seu presidente, Antonio Soliño, explícanos as dificultades de xestión que enfrontan.
– Para poñernos en contexto, explícanos as características do voso monte veciñal.
– A nosa comunidade de montes ten unhas 145 hectáreas, non é o monte máis grande da contorna, pero posiblemente sexa o mellor porque ten moita riqueza en auga, é bastante chan e fácil de traballar, e ademais presenta bastante materia orgánica no solo.
A nivel forestal, está ocupado por piñeiro nun 75% da superficie, por frondosas caducifolias sobre un 20% e o resto son piñeiros novos que plantamos. Na comunidade, somos uns 112 comuneiros.
– E cal é o patrimonio arqueolóxico que tedes no voso monte?
– É un patrimonio histórico grande, no noso caso temos unhas 14 mámoas, pero hai bastantes máis pola zona, por outros montes próximos, por exemplo Candeán, Vilar ou Trasmañó. Nós petroglifos non temos, que saibamos (pero si os hai tamén na contorna).
É dicir, toda esta zona formou na Prehistoria un conxunto poboacional que no seu momento debeu ser bastante grande, seguramente adicado á agricultura, porque vese que esta terra foi traballada.
As mámoas, por desgraza, neste momento están bastante ocultas. Son mámoas que non lucen porque non se ven completas, só asoman as puntas pola Terra, é dicir, habería que excavalas para poder deixalas no seu estado orixinal. No seu momento non se lles prestou atención, pero agora mesmo na parroquia si que existe un interese porque se conserven e se vexan.
– Fálanos de como é a convivencia da vosa xestión forestal co patrimonio arqueolóxico.
– Sempre se di que a convivencia é complicada, e certamente a nosa relación é bastante complicada, principalmente polas limitacións e obrigas marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Como as mámoas están espalladas por todo o monte e teñen un área de protección, ao final a zona afectada é moi grande, diría que un 60% da nosa superficie. A área de especial protección abarca un radio de 10 metros a partir do centro de cada mámoa, pero hai 200 metros de radio que se cataloga como área de cautela.
Cada mámoa ten arredor un área de protección de 200 metros de radio, na que é obrigatorio contratar un arqueólogo para executar calquera traballo forestal
Na área de especial protección non pode entrar maquinaria, só se poden facer desbroces manuais, e na área de cautela pode traballar maquinaria, pero sempre con permiso previo de Patrimonio.
A cuestión é que cada vez que temos que facer traballos forestais, temos que pedir permiso a Patrimonio. Sexa unha corta, unha plantación, un desbroce ou xestionar as pólas dunha poda, temos que pedir permiso.
Iso implica que temos que contratar a un arqueólogo que certifique como está a situación inicial e que vixíe os traballos que se fan aí, e que ao final emita outro informe dicindo como queda a cousa. Isto supón un custo moi grande, xa que ese traballo dun arqueólogo ronda os 1.000 euros, cando menos.
Moitas veces hai que pedir permisos sucesivos para a mesma zona, porque queremos facer unha roza, recollida de ramas de poda… Son atrancos, porque xérase moito gasto, burocracia e tempos de espera polos permisos.
“Toda esta situación leva a que as mámoas, en lugar de estar coidadas e protexidas, estean totalmente desprotexidas, cheas de mato e acacias”
Por exemplo, temos unha zona alta na que este ano queriamos facer unha plantación a inicios de ano cos rapaces dunha escola, pero tivemos que retrasalo ata maio polos permisos de Patrimonio.
– Este tipo de problemas xa foron abordados nos últimos anos de xeito reiterado ante Patrimonio, sen solucións. Que medidas cres que habería que adoptar?
– Estamos ante unha situación que nos causa bastantes prexuízos e enfado. Xa non é so o gasto e o retraso dos traballos, é que esta historia o que provoca é que as mámoas, lonxe de estar coidadas e protexidas, o que provoca é que estean totalmente desprotexidas, cheas de mato e acacias, sen que se poida acceder a elas.
“Para nós, a solución pasaría por falar e entenderse con Patrimonio. Unha posibilidade é que se habilite un equipo de arqueólogos públicos para controlar os traballos forestais”
Que se pode facer nunha situación así?. Habería que limpalas, vallalas, sinalizalas e acometer un traballo de rozas e mantemento periódico. Iso custa uns cartos. A nós póñensenos limitacións e obrigas, temos que aportar, pero non recibimos nada.
Para nós, a solución pasa por falar e entenderse con Patrimonio. Unha posible solución sería que Patrimonio contara cun equipo de arqueólogos públicos que controlaran os traballos forestais, reducindo os nosos custos, e que se estableceran pautas de traballo en función das zonas delimitadas no plan de ordenación do monte, coas inspeccións públicas que foran pertinentes, sen ter que incurrir nós en gastos adicionais pola contratación dun arqueólogo con cada traballo que temos que acometer.
“A calquera hora do día, temos xente camiñando ou en bicicleta”
– Estades nunha zona con moita poboación, preto de Vigo. Que uso social se fai do voso monte?
– No noso caso non temos un parque forestal, que son puntos nos que se adoita concentrar moita xente, pero aínda así temos moita actividade. Podes vir a calquera hora do día que sempre te vas a atopar con xente, camiñando ou en bici maiormente, ou xente correndo tamén. Temos o exemplo do atleta que gañou un diploma olímpico en Atenas 2004, Santi Pérez, que entrenaba aquí, nesta zona.
– De cara ó futuro, como ves as perspectivas do voso monte veciñal?
– A perspectiva de cara ós próximos anos é que continúe cunha xestión forestal. O noso monte tería posibilidades desde o punto de vista agrícola, pois é chan e rico en auga e materia orgánica, pero hai que ter en conta tamén que está na parte alta da parroquia e que alberga os nosos manantiais de auga. Por tanto, non seriamos partidarios de que aquí se empregasen fitosanitarios nin nada que puidese contaminar a auga, xa que as consecuencias viviríanse en toda a parroquia.