A encrucillada do sector ovino e cabrún en Galicia

O Ministerio de Agricultura vén de publicar os datos provisionais dos censos gandeiros de 2024 que, xunto cos datos da Xunta de Galicia de 2023, permiten facer unha fotografía da realidade do sector: nos últimos 15 anos Galicia perdeu más do 50% do censo de ovellas e case o 40% do de cabras

Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo) ovella galega pastoreo ovinoO sector ovino e cabrún e Galicia foi un sector esquecido e minusvalorado, un traballo para entreter aos pequenos da casa. Pola contra, no século XXI, as oportunidades son máis grandes ca nunca, cunha dispoñibilidade de terras cada vez máis elevada, unha capacidade de adaptación ao cambio climático que non dispoñen outras producións gandeiras máis intensivas e unha capacidade moi alta de atraer a novos integrantes no rural.

Neste contexto de grandes contradicións, o sector atravesa unha tendencia á baixa que debe reverterse para aproveitar os incontables servizos que proporcionan estes animais para o rural: a gandería extensiva fixa poboación, pois preto dunha ovella ou cabra atoparás a casa dun/ha gandeiro/a; a prevención de lumes faise comendo o monte e para iso as ovellas e as cabras son especialistas no mantemento e recuperación de terreos abandonados ou sen xestión da biomasa; e por último é un gando moi versátil, capaz de pastorear pradeiras, controlar a herba entre as vides, desbrozar terreos preto das casas ou facilitar a xestión das pradeiras permanentes en ganderías intensivas de leite.

As oportunidades hoxe son máis grandes ca nunca, cunha dispoñibilidade de terras cada vez máis elevada

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar os datos provisionais dos censos gandeiros de 2024 que xunto cos datos da Xunta de Galicia de 2023 permiten facer unha fotografía da realidade do sector. Neles pódese ver como Galicia perdeu, nos últimos 15 anos, más do 50% do censo de ovellas e case o 40% do de cabras, situándose coma a terceira e a segunda peor comunidade respectivamente. No mesmo período a media estatal baixou un 36% e un 26% respectivamente. Neste contexto as razas autóctonas apenas conseguen manter uns censos de 3.000 ovellas e 1.000 cabras galegas, cuns valores estancados durante varios anos.

O censo de razas autóctonas é na actualidade de 3.000 ovellas e 1.000 cabras

Pola contra o sector presenta unhas oportunidades moi altas para a xente que ven de fóra, os new entrats como di a Comisión Europea, e que son a fonte de novos/as poboadores/as do rural. Así o demostran os constantes proxectos preto de zonas urbanas ou lonxe nas montañas do interior que xorden constantemente. A pouca oferta formativa para estes pequenos ou medianos proxectos fai que moitos deles se perdan ao longo do tempo pois, sen un correcto estudo de viabilidade e a falta de coñecementos prácticos, a maior parte deles morren aos poucos anos.

Sen un correcto estudo de viabilidade e ante a falta de coñecementos prácticos, a maior parte dos proxectos que xorden morren aos poucos anos

Para fomentar e aportar coñecemento neste sector, dende Beealia realizaremos este ano varios cursos para a formación de novas/os gandeiras/os neste sector. Podedes atopar toda a información neste enlace.

 

datos evolucion sector ovino galicia

datos evolucion sector caprino galicia

Fontes: Ministerio de Agricultura e Xunta de Galicia

Pros e contras para apostar polo sector

As principais vantaxes que presenta a gandería ovina e a caprina, e que son as que atraen dunha ou doutra maneira a persoas interesadas pola gandería extensiva e/ou ecolóxica, son:

  • Alta demanda de cordeiro e cabrito
    (en Galicia non se produce nin o 40% do consumo local)
  • Dispoñibilidade dun matadoiro móbil a prezos axustados
    (cun ano de funcionamento)
  • Baixo custo de instalación
    (se se prescinde de grades instalacións)
  • Baixo custo de mantemento
    (en sistemas extensivos)
  • Dispoñibilidade de terras
    (con acordos non convencionais)
  • Animais de manexo doado
    (algo máis complexo no caso das cabras)

O feito de que en toda Galicia só haxa 48 ganderías con máis de 250 animais fala ben ás claras da escasa dimensión e profesionalización do sector

Pola contra, o sector presenta unha serie de dificultades estruturais que se poden vencer con facilidade se se dispón dos coñecementos suficientes:

  • Baixo prestixio social da gandería extensiva
    (notable no caso do ovino e cabrún)
  • Descoñecemento de conceptos técnicos e prácticos
    (falta unha escola de formación específica)
  • Baixa dispoñibilidade de animais
    (consecuencia de censos moi reducidos)
  • Falta de estrutura sectorial
    (innumerables ganderías de autoconsumo e poucas profesionais contando con só 48 ganderías con máis de 250 animais en toda Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información