Encontros das organizacións agrarias en Madrid para pedir intervención sobre os novos contratos lácteos

Encontros das organizacións agrarias en Madrid para pedir intervención sobre os novos contratos lácteos

Unións Agrarias e Sindicato Labrego completaron estes días unha intensa axenda de reunións en Madrid, con Ministerio e AICA, para trasladar a súa disconformidade cos novos contratos lácteos. Unións reuniuse onte coa secretaria de estado de Agricultura e Alimentación, Begoña García Bernal, á que lle trasladaron que a baixada xeralizada de 8 céntimos por litro de leite, nun contexto de suba dos custos de produción, “atenta contra a legalidade vixente”, polo que instan ao Ministerio a tomar cartas no asunto.

Unións Agrarias aproveitou o encontro para advertir de que a entrada masiva de cisternas de leite de Francia e Portugal, con cotizacións artificialmente baixas, está xa a producir un efecto contaxio sobre as que se comercializan en Galicia, arrastrando a cadea de valor.

Outro dos focos da xornada de onte estivo na mesa sectorial do vacún de leite convocada polo Ministerio de Agricultura. A representante do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, destaca da reunión que “quedaron de manifesto cuestións que vimos denunciando desde hai tempo. A primeira é que estes contratos que acaban de impoñerse ao sector produtor deberán considerarse ilegais polo feito de que destrúen claramente o valor”.

Engade que dende o Sindicato xa denunciaron que se está destruíndo o valor na cadea, “algo ilegal na Lei da Cadea” e consideran que non hai ningunha xustificación para a baixada de prezos.

Por parte do Ministerio, trasladouse a evolución á alza das entregas de leite, que nos primeiros dous meses do ano aumentaron un 1,6%, trala baixada do pasado ano.

O Ministerio tamén destacou o bo momento de prezos dos últimos meses, por riba da media europea, e recordou a importancia do paquete lácteo e da lei da cadea alimentaria para garantir tanto un reparto xusto do aumento dos custos como unhas relacións comerciais transparentes.

Reunión coa directora da AICA, María Fernández Sanz

Reunión coa directora da AICA, María Fernández Sanz

Reunión coa AICA
En paralelo, o secretario xeral de Unións Agraria, Roberto García, mantivo onte unha reunión coa directora da AICA, María Fernández Sanz, á que lle pediu declarar ilegais os contratos en vigor dende o 1 de abril, tanto pola falta de negociación como por unha baixada de prezos que “non ten en conta a suba de custos de produción”.

O día anterior, tamén unha delegación de COAG e Sindicato Labrego se reuniron coa AICA para abordar os novos contratos lácteos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información