A Axenda de Impulso da Industria Forestal 2022-2024, que presentou recentemente as súas liñas mestras, ultima a súa publicación e lanzamento. Os grupos de traballo do sector que estiveron facendo aportacións para a súa definición mantiveron un novo encontro, no que participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, Ignacio Lema.
Na súa intervención, Conde salientou que a Axenda 2022-2024 chega nun momento acaído, pois a madeira presenta grandes oportunidades para a transición cara a unha economía máis verde. A nova axenda prevé chegar a mobilizar, a través da colaboración público-privada, 140 millóns de euros de investimento e beneficiar a 1.700 persoas.
Os obxectivos do documento resúmense nos seguintes piares: mellorar a cualificación profesional do capital humano a través da formación; consolidar un ecosistema de innovación arredor do sector e co CIS-Madeira como núcleo; valorizar a industria incentivando os novos usos da madeira e as novas vocacións profesionais; e mellorar a competitividade, a promoción e a diversificación do sector. No marco desta axenda está previsto un programa de promoción do uso da madeira na construción, un plan integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas e o impulso á dixitalización.
Facendo balance da anterior axenda, Conde apuntou que no 2021 se superaron os 9,9 millóns de metros cúbicos de madeira cortada, acadáronse os 2.500 millóns de euros de facturación e aumentaron as construcións exemplares en madeira e os novos produtos de biomasa para uso industrial ou para a construción estrutural, como é o caso do CLT (Cross Laminated Timber).
O vicepresidente económico lembrou, por último, que a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation que, segundo indicou, recolle proxectos estratéxicos para o sector ao redor da xestión sustentable dos bosques, a economía circular e os novos usos da madeira.