Encontro Nacional da Mocidade Labrega os días 15 e 16 en Vilarmaior

O Sindicato Labrego Galego organiza para os días 15 e 16 en Vilarmaior (A Coruña) o Encontro Nacional da Mocidade Labrega. Abordaranse temas como as políticas públicas de apoio aos máis novos no agro, dificultades para a incorporación ou as escolas campesiñas

mocidade_labrega_son_18_1O Sindicato Labrego Galego organiza para a fin de semanada do 15 e 16 de marzo en Vilarmaior (A Coruña) o Encontro Nacional da Mocidade Labrega.

O albergue de ecoturismo Alvarella (Vilarmaior, A Coruña) acollerá esta cita sindical á que está convocada a afiliación e no que terá como eixo dous bloques de contidos: un centrado en políticas públicas, incorporación e dificultades da mocidade e outro de presentación de escolas de formación labrega presentes en distintas latitudes.

A xornada do sábado encetará situando as dificultades que ten a mocidade para acceder a unha actividade agraria, concretando as preocupacións que teñen as labregas e labregos novos en relación ás actuais políticas públicas.

A gandeira da montaña lucense María Osorio intervirá para subliñar a necesidade de organizarse para un futuro sostible no rural galego, e o francés Jean Mathieu Thevenot da Confédération Paysanne, exporá cales son as dinámicas de organización da mocidade na Coordinadora Europea da Vía Campesina, organización da que o SLG-CCLL fai parte dende a súa creación.

Seguidamente, Nello Schisano e Sarai Martin da Fundación Mundubat presentarán o informe “Incorporación de mozos e mozas ao rural no Estado español. Relevo xeracional e novos perfís. Barreiras ás que se enfrontan e propostas”.

Logo desta identificación, centrarase o traballo en pór en valor ferramentas das que dispón a mocidade para salvar estas dificultades. “A ferramenta de incidencia política máis valiosa é, para nós, a nosa propia organización, o Sindicato Labrego Galego, e así será presentado polo apicultor e integrante da Executiva Nacional do SLG Brais Álvarez”, destacan dende a organización labrega.

Asemade, destaca o traballo en base a alianzas, e neste sentido afondarase en propostas que se están a desenvolver noutras partes do Estado, como Ruralitud, unha ferramenta dixital para impulsar o emprendemento agrícola sustentable, que será presentada por Nacho Maestre, de CERAI, ou a Rede de espazos Test Agrarios, que será introducida pola súa coordinadora Laura Megías.

Logo dun xantar con produtos agroecolóxicos, ás 16h. retomarase o encontro abordando a realización de Escolas de Formación Política como ferramenta para fortalecer a incidencia das organizacións labregas.

A secretaria xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba Seivane, canda Jeromo Aguado, labrego xubilado e membro do Consello Editorial da Revista Soberanía Alimentaria, incidirán na necesidade destes espazos formativos para garantir un futuro sostible no rural.

Conscientes da necesidade de que estas escolas sigan xermolando e facendo posible o cambio nas comunidades rurais, coñecerase polo miúdo a “Escuela de los Pueblos Josefa Martín Luengo” (Burgos), presentada por Pablo Simón; a Escuela de Acción Campesina, da que darán conta David Gallar (ISEC) e Ester Rubio (UAGA Aragón); a escola Baserritik Mundura (Euskal Herria), introducida por Berta Málvarez; o Instituto Agroecológico Latinoamericano María Cano (Colombia), que será presentado por Yexibeth Virginia Cadenas de FENSUAGRO e a Escola Florestan Fernandes do Movemento Sem Terra (Brasil). Ao longo do encontro as persoas participantes poderanse interesar máis por estas propostas achegándose á feira de escolas de formación que terá lugar durante o mesmo.

A xornada do sábado finalizará ca posta en común da sesión plenaria e unha cea compartida.

A sesión do domingo pola mañá, que estará facilitada por Atalaia SCG, adicarase a establecer unha folla de ruta do traballo da mocidade labrega dentro do SLG para os vindeiros dous anos, así como o deseño da súa propia escola labrega, orientada a formar tanto en conceptos técnicos da agroecoloxía e da soberanía alimentaria como en atopar ferramentas para entender mellor o mundo que rodea e as ameazas e solucións que poden ter para levar adiante os proxectos labregos en Galicia.

Este Encontro Nacional da Mocidade Labrega do SLG-CCLL concluirá cunha visita á unha granxa de afiliación da comarca. Desta volta visitarán a Granxa da Lousada (Irixoa), na que Dolores e Sergio teñen unha produción diversificada que abarca dende horta ata xatos, cordeiros e porcos, todo baixo un modelo de produción agroecolóxico.

slg cartaz encontro mocidade labrega 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información