O Museo do Mel do Valadouro acollerá esta xornada organizada por Mulleres Abelleiras Galegas coa colaboración do proxecto Máisquemel. O grupo de abelleiras, que provén dende diferentes puntos de Galicia, visitará o museo acompañadas por Marifé Sixto e coñecerán como obtén os seus recoñecidos meles comercializados coa marca “O Trobo”, varias veces premiados nas Catas de Mel de Galicia.
Na sesión da mañá haberá unha mesa redonda sobre a incorporación de mozas abelleiras na apicultura, para saber como é a súa experiencia de creación dun proxecto apícola e que dificultades se atopan polo camiño, especialmente dende a súa perspectiva de muller. Tamén debatiremos sobre a presenza de mulleres na apicultura no pasado, para saber de onde vimos e coñecer como foi a participación da muller neste oficio, así como analizar a situación na actualidade e reflexionar sobre o como pensamos que debería ser no futuro. Despois do xantar, visitaremos en Alfoz a Finca Galea que alberga o Museo da Auga e remataremos cunha cata colectiva de meles de todas as participantes.
Nesta xornada pode participar calquera muller que desenvolva algunha actividade arredor do mundo das abellas, non é preciso ter colmeas, e é preciso inscribirse con antelación enviando un email a info@maisquemel.gal indicando nome, teléfono e email e cal é a súa actividade. Máis información en www.maisquemel.gal

Galego





Control OJD