Este fin de semana celebrarase a decimoséptima edición do encontro anunual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), órgano do SLG-CCLL de acción transversal a toda a actividade sindical da organización.
A XVII edición desta xuntanza terá lugar no Espacio Sociocultural A Senra de Bergondo o 18 e 19 de marzo, baixo o lema “Identificando as violencias e construíndo un bo trato”, acollendo espazos de traballo e convivencia centrados en avanzar na identificación dalgunhas das violencias que afectan ás mulleres labregas, e finalizando cun obradoiro da activista feminista Tareixa Ledo.
“Levamos décadas alertando da violencia estructural do capitalismo neoliberal como sistema económico, e do seu impacto diferenciado nas mulleres. Ademais, no caso das labregas, malia que somos nós as que ao longo de todo o planeta alimentamos ao mundo, non temos a propiedade das terras ou non constamos como titulares das explotacións, e habitamos áreas rurais violentadas pola cobiza das depredadoras agroindustrias e industrias enerxéticas, de feito as mulleres adoitamos incorporamos sempre na primeira liña nas loitas pola defensa da terra, da Vida”, explica a actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, a gandeira María Ferreiro.
Mulleres labregas da comarca de Betanzos serán as encargadas de dar a benvida ás participantes. Isabel Vilalba, secretaría xeral do SLG, encetará o encontro ás 11h. do sábado 18 introducindo a programación desta primeira xornada, baixo a premisa “Identificando as violencias do sistema como mulleres labregas”.
A propia Isabel Vilalba, canda a tamén gandeira e economista especializada en Política Agraria Común (PAC) Ana Rodríguez, desenvolverán ás 11.15h. a palestra “Invisibilizando os proxectos das mulleres labregas”, centrada na identificación de violencias no ámbito profesional cuestionándose comolles afectan como labregas as políticas públicas e na análise da PAC dende unha perspectiva feminista.
A segunda parte da mañá abordará as violencias no ámbito educativo, para o que contarán ca labrega afiliada do SLG Belén Fervenza, que exporá a súa experiencia na búsqueda de escola para crianzas, así coma as cooperativas galegas de traballo asociado sen ánimo de lucro Arabías, que deseña e dinamiza procesos para a transformación social co obxectivo de contribuír ao avance da igualdade de xénero e á erradicación das violencias machistas, e Outonía, que procura xestionar proxectos educativos desde e para os territorios rurais, fiando realidades e propostas a través dos feminismos, a sustentabilidade rural e o respecto pola memoria e o patrimonio inmaterial das comarcas.
Logo do xantar, na tarde do sábado falarase sobre violencias machistas no eido da saúde, cunha palestra sobre violencia obstétrica impartida pola matrona Esther Parada. A continuación analizarase tamén as violencias no ámbito xudicial a través da charla “A lei do só sí e sí, máis protexidas ou máis desprotexidas?”, impartida pola escritora e activista feminista Nanina Santos.
No serán, previamente á cea compartida na que se degustarán alimentos levados polas mulleres participantes no encontro, a labrega da comarca Carmen de Vilarmaior dinamizará unha cerimonia de intercambio de sementes -tamén denominada “mística” no ambito das organizacións que integramos La Vía Campesina Inernacional-. Esta primeira xornada finalizará co desfrute dun espazo festivo-combativo logo da cea.
A mañá do domingo 19 estará protagonizada polo obradoiro “Autovalidarnos como mulleres labregas”, conducido pola académica e activista feminista Tareixa Ledo. Logo do xantar pecharase este XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG visitando un proxecto de horta ecolóxica da afiliada Ana María Rodríguez Lago (Carral).