Encontro en Allariz sobre soberanía alimentaria e agroecoloxía labrega

O movemento Plantámonos organiza o seu II encontro anual na comarca da Limia para construír unha axenda colectiva en defensa do rural e da produción sostible

horta labregoSoberanía alimentaria e agroecoloxía labrega son os dous elementos que moven a Plantámonos, un movemento en construción composto por unha gran diversidade de persoas e organizacións vinculadas ao ámbito alimentario, agrario, científico, académico e activista. Desde esta diversidade, o movemento decidiu actuar para reclamar e impulsar solucións fronte á precariedade do sector agrario, alimentario e do medio rural.

Plantámonos celebra o seu II encontro anual do 17 ao 20 de outubro, onde reunirán ao redor de 200 persoas de 50 colectivos. O obxectivo é continuar coa construción dunha axenda colectiva e denunciar os impactos territoriais da agricultura e gandería industriais, propoñendo alternativas a un modelo agroalimentario depredador.

Durante a fin de semana, distintas organizacións, como o Sindicato Labrego Galego e Amigas da Terra Galiza, xunto con outras organizacións do territorio estatal, participarán en diversas actividades. Entre elas, destacarán os talleres sobre comunicación de guerrilla e accións non violentas.

Unha das principais denuncias que se abordarán ten que ver coa situación da comarca da Limia, veciña a Allariz, onde sofren as consecuencias da gandería e agricultura industriais. Estas industrias aprópianse dos recursos e o territorio, afectando tanto ás persoas produtoras como ao resto da poboación, e facendo que os chans e acuíferos desta zona estean contaminados polas verteduras de xurros, xerando problemas ambientais e de saúde pública.

Por outra banda, en Allariz, a agroecoloxía e a gandería extensivas teñen un papel fundamental no modelo agroalimentario local, mantendo unha estratexia de coidado do territorio e da agricultura campesiña. Con todo, o movemento denuncia que este problema non é exclusivo dunha rexión: “Podería ser en calquera outro lugar porque en todos lados temos os mesmos problemas causados polo modelo agroindustrial que todo o destrúe”, sinala.

Reivindicación polo Día Mundial da Alimentación

Coincidindo co Día Mundial da Alimentación, Plantámonos fai un chamamento a garantir o dereito a acceder a alimentos sans, producidos de forma xusta e sostible. O movemento aposta por un sistema agroalimentario baseado en modelos de produción e consumo agroecolóxicos, dende a pequena agricultura familiar ata as cooperativas e iniciativas colectivas de produción, distribución e consumo.

Desde Plantamos destacan que a importancia está en “apoiar as leiras familiares e sociais a pequena escala cara a unha transición máis sostible e xusta desde un enfoque social, ambiental e económico que fortaleza a soberanía alimentaria”. Por iso, poñen en valor a agroecoloxía campesiña como solución aos retos sociais e ambientais actuais, reivindicando “un sector agrario e un rural digno de ser vivido” e esixindo “soberanía alimentaria XA!”.

A verdadeira raíz dos problemas do campo

Dende Plantámonos insisten en que “o problema dos produtores non son as leis ambientais nin as restricións ao uso de fitosanitarios, nin que as institucións digan que hai que comer menos carne. Tampouco o é o ecoloxismo nin o animalismo nin o antipatriotismo, nin a Axenda 2030”.

Indican que o problema do campo vén da especulación agroindustrial, do negacionismo climático e de quen domina o que se produce, distribúe, vende e consome. Menciona empresas como Mercadona, Danone ou Lactalis, como actores principais deste modelo que, segundo o movemento, está a provocar o despoboamento rural e a destrución dos sistemas produtivos tradicionais.

Fronte a este panorama, Plantámonos defende que é a agricultura familiar e social, baseada na agroecoloxía, a que dá cohesión social e vida ás zonas rurais e coida da biodiversidade agraria que produce alimentos sans e sostibles.

Destacan que esto desenvólvese baixo un modelo xusto e sostible, con perspectiva feminista e asentado en bases de economía social e solidaria. “Sobre ese modelo de produción e consumo debe centrarse o desenvolvemento de sistemas alimentarios, para que realmente sexan sostibles e resilientes ante a crise ecosocial, climática e de biodiversidade que si está a causar os verdadeiros problemas do campo”, rematan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información