Encontro de mulleres do Sindicato Labrego en Mondoñedo

A organización agraria organiza este fin de semana charlas, obradoiros e debates ao redor de cuestións como as enfermidades laborais no agro ou o sistema de pensións

Publicidade
Encontro de mulleres do Sindicato Labrego en Mondoñedo

María Ferreiro e Isabel Vilalba, na presentación do Encontro. / SLG.

Data inicio: 11/03/2017
Data fin: 12/03/2017
Lugar: Mondoñedo, Lugo, España

O Sindicato Labrego Galego celebra esta fin de semana o XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres. O evento, que se desenvolverá na vila lucense de Mondoñedo, leva este ano por título ‘Labregas por un trato digno da enfermidade e na vellez’. A maior parte dos obradoiros, charlas e debates xirarán así en torno á saúde das mulleres do agro.

Na presentación do Encontro, que se fixo en Lugo, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, destacou que os problemas no ámbito sanitario son habituais no agro. “Ao contrario do que sucede noutras profesións, en agricultura e gandería non están recoñecidas as enfermidades profesionais propias. Por iso é habitual que haxa dificultades á hora de que a unha labrega se lle recoñeza unha incapacidade laboral”, cuestionou Vilalba.

Outra das cuestións que se abordarán nas xornadas son os problemas derivadas das baixas pensións, pois moitas mulleres ou ben non cotizan ou comezan a cotizar moi tarde. A Lei de Titularidade Compartida das Explotacións, aprobada no ano 2009, tampouco está a resolver a situación, pois desde a súa posta en marcha só se acolleron á titularidade compartida 17 mulleres en Galicia, segundo os datos do Ministerio que manexa o Sindicato Labrego.

A organización chama a atención sobre a falta de recursos económicos que padecen as mulleres cando se ven con incapacidades laborais ou cando son xa maiores para traballar.

Por último, o Sindicato Labrego rematou a presentación do Encontro lamentando as 20 mulleres que levan morto este ano por crimes de violencia machista e amosou a súa solidariedade coas mulleres que están en folga de fame na Plaza del Sol, en Madrid, para denunciar esta situación.

Programa do XII Encontro das Mulleres

Sábado 11
10:30 Benvida a cargo de Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG, e María Ferreiro, responsábel da Secretaría das Mulleres

11:00 Palestra: “Falando de Saúde”. Interveñen:
– Labregas que contarán a súa situación ante casos de incapacidade laboral.
– Teresa Burgo: Avogada, activista e colaboradora do SLG que falará da problemática das baixas médicas e do recoñecemento das enfermidades profesionais.
– Beatriz Figueroa: Avogada, xornalista e activista polos dereitos d@s enferm@s con cancro.
– Victoria Portas: Especialista en Seguridade Social, activista feminista e portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen).

13:00 Debate e preguntas.

14:00 Xantar.

15:30 Recital poético na praia de Arnao (Castropol) a cargo de María José Fernández Rodríguez.

17:00 Visita á Fundación Edes, entidade sen ánimo de lucro para a integración das persoas con discapacidade psíquica e intelectual.

20:30 Troco de Sementes.

21:30 Cea Compartida e posterior actuación do grupo Erikas i Peluxias.

Domingo 12 de marzo
8:30 Almorzo.

10:00 Mesa de experiencias de mulleres labregas. Compañeiras da zona da Mariña contarán o seu proxecto.

11:00 Obradoiro sobre saúde con Lola Ferreiro: Feminista e experta en saúde das mulleres.

14:00 Valoración e Peche do XII Encontro.

14:30 Xantar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información