A Consellería do Medio Rural mantivo unha reunión de traballo coas dúas organizacións agrarias galegas con presenza directa na Interprofesional Láctea, Unións Agrarias e Asaga, coas que fixo balance do recente proceso de renovación de contratos do leite. Trala reunión, a Consellería sinalou que seguirá mantendo un diálogo fluído con tódalas partes do sector, “para achegar posturas”, e fixo un chamamento á colaboración de granxas, industrias e cadeas de distribución.
No contexto da renovación de contratos das granxas, a conselleira amosou tamén a súa “satisfacción”, malia que, puntualizou, “sempre hai marxe para mellorar”. Así, quixo recoñecer ás empresas que apostaron desde o primeiro momento por manter prezos, é dicir, por esa estabilidade, e apelou a reducir o diferencial existente entre o prezo do leite galego e o do resto de España.
Ambos, engadiu Gómez, son obxectivos para os que cómpre ese traballo en común de cara a consolidar un equilibrio que -salientou- “vai facer que os máis novos queiran seguir apostando por permanecer no rural e por continuar nas explotacións”.
Valoracións das organizacións agrarias
Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, puxo o foco na próxima renovación de contratos, con tres retos:
“Primeiro, reducir o diferencial de ata 5 céntimos por litro coas comunidades veciñas. Segundo, evitar volver en Galicia ós altos diferenciais entre granxas grandes e pequenas. Non estamos de acordo en que, por un leite de igual calidade, a unha granxa pequena se lle estean pagando ata 6 céntimos menos, iso é expulsalos do mercado”, advertiu o secretario xeral de Unións.
“E terceiro, hai que frear os intentos da industria de empregar excusas como a dos certificados de benestar animal para abaratar o leite das granxas en zonas de montaña ou de difícil recollida”, expuxo García.
En canto a Asaga, o seu responsable, Francisco Bello, apelou a que as industrias lácteas aposten por contratos estables, a longo prazo, e indexados a índices obxectivos -como poden ser os da Inlac- , para marcar a evolución de prezos no campo.
Bello tamén se felicitou de que a maioría das industrias lácteas, con excepcións, apostasen na última renovación de contratos por manter prezos.