Encontran 21 xenes para protexer o millo fronte ao trade

A tese foi realizada na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e propón un programa de mellora xenética para facer resistente o millo fronte ao trade, un insecto que provoca a perda do 7% da colleita a nivel mundial.

Encontran 21 xenes para protexer o millo fronte ao trade

Danos no millo provocados polo trade.

Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) propón ata 21 xenes candidatos para, a través de programas de mellora xenética, incrementar a resistencia e tolerancia do millo ao ataque do trade, unha das súas principais pragas.

O autor, o enxeñeiro agrónomo Fernando Samayoa López, realizou a investigación na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra) nos catro últimos anos no grupo de investigación “Xenética e Mellora de Millo”.

Perda do 7% da colleita de millo a nivel mundial

“O millo é un cultivo clave para atender as necesidades de alimentos e enerxía a nivel mundial. A súa produción vese limitada, fundamentalmente, polas enfermidades, as pragas de insectos e as malas herbas. Entre as pragas de insectos destacan, con perdas que roldan o 7% anual a nivel mundial, as causadas polos trades, lepidópteros cuxas larvas penetran na cana do millo e se alimentan da medula, producindo galerías que debilitan toda a planta, o que se traduce nunha diminución do rendemento,” explica Fernando Samayoa López, autor da tese.

Os principais métodos de control para facer fronte a esta praga son químicos e culturais, como os insecticidas e a rotación de cultivos; biolóxicos, como a liberación de depredadores naturais; e sobre todo a mellora mediante transformación xenética (transxénicos) ou seleccionando, dentro da especie, as plantas máis resistentes utilizando a variabilidade xenética natural, tal e como se fixo nesta tese.

“Para usar a variabilidade natural do millo en mellora, liña na que se traballa en MBG, é fundamental buscar asociacións entre os niveis de resistencia e as variacións na secuencia de ADN; isto permitiranos detectar e identificar posibles xenes candidatos que incrementen a resistencia e tolerancia ao ataque do trade”, indican Rosa Ana Malvar Pintos e Ana Butrón Gómez, directoras da tese.

Encontráronse xenes de resistencia ao trade en liñas puras de millo

Nese contexto, o principal obxectivo da tese era detectar e identificar xenes no millo que puidesen estar implicados na resistencia ao trade Mediterráneo (S. Nonagrioides).

O estudo realizouse sobre unha colección de liñas puras de millo que representan unha gran parte da variabilidade mundial deste cultivo.

“Mediante experimentos feitos durante tres anos consecutivos determináronse os niveis de resistencia de cada unha das plantas ao ataque das larvas do insecto. Na análise utilizáronse máis de 200.000 marcadores de ADN distribuídos en todo o xenoma do millo e, mediante sofisticados modelos estatísticos, encontrouse que, polo menos, 25 marcadores tiñan efectos altamente significativos sobre a resistencia das plantas.

“A partir desta identificación ábrense novas posibilidades para os programas de mellora do cultivo”

Nunha análise posterior, tomando como referencia a posición física de cada marcador dentro do xenoma do millo, identificáronse ata 21 xenes que poderían estar a codificar as proteínas que interfiren na resistencia do millo ante o ataque do trade Mediterráneo” apunta Fernando Samayoa López.

“A partir desta identificación ábrense novas posibilidades para os programas de mellora do cultivo e tamén constitúe un avance no entendemento da complexa relación entre planta e insecto. Nestes momentos, na MBG estase a pretender validar a implicación destes xenes na resistencia, avanzan Rosa Ana Malvar Pintos e Ana Butrón Gómez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información