Ence prevé maiores restriccións no futuro á plantación de eucalipto, polo que comezou a facer probas para introducir o piñeiro na fabricación de celulosa, de cara a diversificar as súas fontes de suministro. A compañía, que vén de presentar o seu Plan Estratéxico 2019-2023, anuncia ademais un aumento da capacidade das súas plantas dun 36% de aquí ó 2023.
Para o seu abastecemento, Ence está a mercar na actualidade arredor de 3 millóns de toneladas de madeira de eucalipto. Desa cantidade, hai xa un 26% de eucalipto nitens, unha especia á que a industria manifestara fortes reticencias no 2015, cando consumía daquela só un 9% de nitens e un 91% de eucalipto globulus, a madeira que ofrece maior calidade para a pasta de papel.
A compañía considera que no periodo 2019-2023 disporá de suficiente eucalipto no mercado para o seu abastecemento
Desde aquela, Ence adaptouse ó consumo de eucalipto nitens, unha especie en expansión en Galicia na última década, e incluso pon de aval o seu historial de éxito na introducción de nitens para anunciar a posible entrada doutras especies de madeira na súa cadea de suministro. A primeira na que se enfoca é no piñeiro, da que hai máis de 450.000 hectáreas no noroeste peninsular.
O conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenero, declarou onte na presentación do Plan Estratéxico que a compañía xa fixo probas de fabricación de celulosa con piñeiro e sinalou que os seus clientes quedaron “encantados” do produto final logrado.
Ence recoñece que os custos de fabricación de celulosa con eucalipto son menores que con piñeiro, coa vantaxe engadida de que o 80% dos produtos elaborados coa pasta de celulosa de piñeiro se poden facer coa de eucalipto, pero está a prepararse para un escenario de futuribles restriccións á plantación de eucalipto. En Galicia, o eucalipto xa está prohibido en terras agrarias e en sustitución de masas de frondosas caducifolias, se ben na práctica, o control sobre as plantacións ilegais é escaso.
O Plan Forestal de Galicia, que afronta a súa última fase, prevé novas limitacións á especie, un escenario de futuro sobre o que xa traballa a industria pasteira, que mesmo declarou onte que non mercará madeira de plantacións ilegais.
Perspectivas de abastecemento
No periodo 2019-2023, a compañía considera que disporá de suficiente eucalipto para o seu abastecemento, pois detecta unha certa expansión da produción de eucalipto no noroeste peninsular e ademais, prevé aproveitar plantacións vellas, pasadas do turno de corta óptimo para pasta de papel, que se sitúa en diámetros duns 15-20 centímetros.
Ence prevé utilizar eucalipto de diámetros superiores a 35 centímetros, pois detectou 20 millóns de toneladas de madeira vella no monte
Ence calcula que no noroeste peninsular hai arredor de 20 millóns de metros cúbicos de eucalipto con diámetros superiores ós 35 centímetros. Con esa madeira vella, a compañía prevé aumentar a súa dispoñibilidade de suministro.
Outro dos seus obxectivos pasa por optimizar os ciclos de corta e por aumentar a produtividade das plantacións en base á mellora xenética e ó manexo silvícola, de xeito que nun futuro se poida manter a actual produción de madeira de eucalipto en menores superficies.
As compras da industria, que rondan os 3 millóns de toneladas de eucalipto ó ano, céntranse en pequenos e grandes suministradores, que representan arredor dun 73% das súas compras. Outro 27% corresponden a compras directas a propietarios forestais e a compañía tamén conta cun abastecemento propio a partir de plantacións xestionadas por Ence no noroeste peninsular, que suman 13.950 hectáreas.
A viscosa, unha fibra de celulosa utilizada pola industria téxtil, será producida por Ence a partir do próximo ano
Diversificación de produtos finais
Ence enfoca a maior parte da súa produción de pasta de papel á elaboración de tisú -que ten o seu uso final en produtos como papel hixiénico ou de cociña-. Ese enfoque continuará nos próximos anos, pero a empresa proxecta introducirse en dous novos campos, a fabricación de viscosa, un material composto por fibras de celulosa que é usado na industria téxtil, e a elaboración de produtos hixiénicos absorbentes.
De viscosa prevé comezar a elaborar 100.000 toneladas no periodo 2019-2020 e de produtos hixiénicos absorbentes unhas 80.000. En cifras globais de produción, Ence espera pasar das actuais 950.000 toneladas de celulosa a 1,3 millóns de toneladas no 2023. As ampliacións máis inmediatas produciranse o próximo ano, con 80.000 toneladas adicionais en Navia (Asturias) e 20.000 na planta de Pontevedra.
A pasta de papel manterase en prezos fortes ata o 2021 e logo espérase un descenso
Os actuais prezos da pasta de papel, por enriba dos 1.000 dólares a tonelada, continuarán nos próximos tres anos, segundo as previsións de Ence, pero logo descenderán. O aumento das cotizacións da pasta de papel permitiu que o prezo da madeira de eucalipto globulus se chegue a pagar no monte a 33-34 euros por tonelada (en pé, sen Ive e con casca), un escenario que os propietarios forestais esperan que se prolongue nos próximos anos.
Máis información
– Plan Estratéxico de Ence 2019-2023 (Pdf).