Ence prevé obter plantas de eucalipto con tolerancia á praga do gorgullo

A compañía confía en lanzar ó mercado clons que melloren nun 50% a resistencia ó ‘gonipterus’ nun prazo de arredor de 7 anos. Entre tanto, potenciará a loita biolóxica e introducirá no 2018 un novo insecto parasitoide

Ence prevé obter plantas de eucalipto con tolerancia á praga do gorgullo

Pés de eucalipto defoliados pola praga do gorgullo.

A praga do gorgullo (‘Gonipterus platensis’) trae de cabeza ós propietarios forestais galegos, sen que os esforzos en loita biolóxica teñan logrado significativos avances na contención do problema. O sector calcula que cada ano deixan de producirse en Galicia arredor de 800.000 toneladas de madeira de eucalipto a causa da praga, xa que as masas da comunidade sofren unha merma media no seu crecemento superior ó 20%. Ence traballa agora en novas vías para reducir o impacto da praga.

A compañía papeleira, a principal consumidora de eucalipto en Galicia, proxecta lanzar ó mercado clons de eucalipto globulus con maior tolerancia ó ‘Gonipterus platensis’. “O problema das plantacións actuais é que son pouco tolerantes ó gorgullo, pero no marco do noso programa de mellora xenética, temos unha población base na que si identificamos individuos e familias que presentan ese rasgo de tolerancia ó gorgullo”, explica o coordinador do programa I+D+i Forestal de Ence, Federico Ruiz, que onte participou nunha xornada organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán sobre os programas de mellora silvícola en Galicia.

“Coa mesma presión da praga, os novos clons conservarán máis masa foliar que as actuais plantacións” (Federico Ruiz, I+D Forestal de Ence)

Sobre a base das familias que presentan menor impacto da praga, Ence está desenvolvendo cruzamentos para obter un novo clon. “Hai posibilidades de mellora na resistencia ó gorgullo de ata un 50% a partir dos individuos que sofren menos danos, que xa temos seleccionados”, destaca Federico Ruiz.

Prazos
Ence xa leva tres anos co proxecto de obtención dun novo clon e calcula que no prazo de 6-7 anos estará en condicións de lanzar ó mercado plantas cunha tolerancia significativamente superior á praga, unha vez que poida evaluar os seus ensaios de campo. “Serán clons que coa mesma presión da praga, conservarán máis masa foliar que as actuais plantacións”, apunta Federico Ruiz.

Os clons que ten Ence na actualidade no mercado contan cunha escasa resistencia ó gorgullo, se ben presentan, en maior ou menor medida, estratexias de resistencia pasiva en base a xenerar folla nova cando son defoliados. “Con esa estratexia, o clon que está en cabeza na actualidade en tolerancia á defoliación é o ‘Piedras’, que ademais ten tamén un bo crecemento e é lider en rendemento de madeira en pasta” -detalla Federico Ruiz.- “Precísanse 2,64 toneladas de madeira do clon ‘Piedras’ para elaborar unha tonelada de pasta. A media dos nosos clons está en 2,8 toneladas de madeira para unha tonelada de pasta”, compara.

Xornadas de Lourizán sobre a mellora xenética e silvícola en Galicia.

Xornadas de Lourizán sobre a mellora xenética e silvícola en Galicia.

Loita biolóxica
Entre tanto a vía de lograr clons con máis tolerancia á praga non cristaliza, a industria orienta o seu esforzo a potenciar a loita biolóxica contra o gorgullo. “Estamos tratando de mellorar os tratamentos e o funcionamento das biofábricas do ‘Anaphes nitens’, o actual insecto parasitoide dos ovos da praga. Tamén detectamos a oportunidade de mellorar o control biolóxico con novos parasitoides e para o 2018 temos previsto iniciar soltas do ‘Anaphes inexpectatus’, co que xa están facendo ensaios en Portugal”, detalla Federico Ruíz.

Outras innovacións na loita biolóxica da praga están a ser evaluadas pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, que manexa un parásito do gorgullo que se pensa que ten ciclos biolóxicos máis sincronizados coa praga, o ‘Anaphes tasmaniae’. Existe ademais unha terceira vía na que tamén ten esperanzas Ence, a dun insecto parasitoide das larvas, o ‘Entendon magnificus’, co que a compañía pasteira ten proxectos.

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, informou estes días no Parlamento dun significativo aumento da loita biolóxica que realiza a Xunta cada ano. Se no periodo 2012-2015 se colocaban cada ano nos montes galegos arredor de 6.000 bolsas con depósitos de ovos do parasitoide ‘Anaphes nitens’ -segundo a Xunta-, no 2016 foron 10.000 e no 2017 un total de 10.600.

Perspectivas para o eucalipto nitens

Dada a virulencia que acadou nos últimos anos a praga do gorgullo nalgunhas comarcas, parte dos propietarios forestais optou por sustituír as súas plantacións de eucalipto globulus por eucalipto nitens, máis resistente ós danos do ‘Gonipterus’. Tamén houbo unha expansión das plantacións de nitens no interior de Galicia, en altitudes superiores ós 300-400 metros, onde o globulus non prospera. A incógnita por despexar é o aproveitamento industrial futuro que terá esa madeira e a que prezos.

A mellora xenética do eucalipto nitens aumenta o interese da especie para a produción de pasta de papel

Ence leva anos advertindo de que a súa prioridade de consumo pasa polo eucalipto globulus, que é a madeira que lle ofrece maiores rendementos e calidades, se ben a compañía tamén recoñeceu recentemente que nos últimos tres anos triplicou as súas compras anuais de nitens, que se achegan xa ó 20% do total.

“Está claro que non nos gustaría aumentar as compras de nitens, xa que implica reducir a nosa produción total de pasta de papel, pois precisamos procesar máis madeira para obter a mesma cantidade de pasta” -explica Federico Ruiz.- “Agora ben, nós tamén vendemos sementes de eucalipto nitens e a nosa aposta con esta especie pasa por lograr unha madeira de maior densidade, que se achegue á densidade do globulus. Comercializamos sementes procedentes de Australia que logran unha ganancia de densidade de ata o 6% sobre as actuais plantacións. Esa ganancia de densidade semella pequena, pero a nivel de impacto no noso proceso industrial, é equivalente ao que representa un aumento do 40% na produción de toneladas de madeira por hectárea”.

A liña de mellora xenética do nitens, na que tamén traballan viveiros galegos e outras empresas, pode abrir novas perspectivas para esta especie. O coordinador de I+D Forestal de Ence recoñece que ese nitens mellorado representa unha opción para as plantas do grupo, se ben elude facer pronósticos sobre o consumo de nitens que pode asumir Ence, ao quedar o campo industrial fóra do seu departamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información