Tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas, e mentras a folga de transportistas iniciada o pasado 24 de outubro reduce a mínimos a cantidade de eucalipto que entra aos parques de madeira das súas fábricas, Ence pon en marcha un Plan de Eficiencia e Competitividade que se implementará no período 2025-2027, apoiado en dous piares: por unha banda, a modernización mediante solucións de Intelixencia Artificial, reinxeñería e automatización de procesos e, por outra, a “racionalización” dos seus procesos operativos con despedimentos de persoal.
A execución dos proxectos que compoñen este plan implicará unha redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despedimento colectivo xa iniciado e que afectará tanto á planta de Pontevedra como á de Navia, en Asturias.
Ence prantexa despedir 97 persoas en Navia e 39 en Pontevedra
No caso da biofábrica de Pontevedra, os potenciais afectados ascenden a 39 persoas, é dicir, ao 6,5% das que traballan diariamente na planta. As posibles saídas levaríanse a cabo ao longo de 2026 e 2027.
Recolocacións
Dentro do proceso de negociación que a compañía prantexou ao Comité de Empresa analizaríase a posibilidade de levar a cabo prexubilacións e baixas incentivadas. Non se descarta ofrecer recolocacións noutras plantas onde o Grupo Ence está a investir. Unha delas podería ser o proxecto de reciclaxe textil que a empresa prevé desenvolver nas Pontes.
A folga convocada polo Comité de Empresa impactará notablemente nos resultados da compañía reducindo os recursos dispoñibles para afrontar as saídas
Ence reitera a súa vontade de diálogo para acadar unha solución consensuada coa representación legal dos traballadores. Proba diso é que ofreceu non iniciar o período de consultas do procedemento de despedimento colectivo e abrir, durante 30 días, un proceso de negociación previo e informal co comité da planta de Pontevedra, aínda que advirte: “a folga convocada polo Comité de Empresa impactará notablemente nos resultados da compañía, reducindo os recursos dispoñibles para afrontar as saídas”.
Pontevedra Avanza, un investimento de preto de 120 millóns
Estas amortizacións de postos de traballo na planta de Pontevedra van ligados a investimentos previos que permitan automatizar tarefas ou mellorar os procesos actuais, asegura a compañía. De forma paralela á realización deste Plan de Eficiencia e Competitividade, continúa o proxecto Pontevedra Avanza, cun investimento previsto de 120 millóns de euros.
Este proxecto fará posible producir e subministrar, desde Pontevedra, produtos celulósicos especiais, que achegarán maior marxe e serán capaces de substituír a celulosas de fibra longa (coníferas) e ós plásticos en multitude de aplicacións. “Esta iniciativa permitirá aumentar a eficiencia e competitividade da fábrica, garantindo que se manteña na vangarda, xerando emprego e riqueza sostibles na contorna”, conclúe a empresa nunha nota de prensa.
Galego









Control OJD