As compras forestais efectuadas por Ence nun ano en Galicia superan os 122 millóns de euros. Este dato inclúe tanto as compras de madeira como as adquisicións de produtos e servizos relacionados coa xestión forestal, que suman uns 25 millóns de euros ao ano. Así se desprende do informe sobre o impacto da actividade forestal de Ence en Galicia, realizado pola Universidade de Vigo a partires da análise da totalidade das operacións forestais de Ence na comunidade no periodo 2011-2014.
O estudo da Universidade, que tabulou datos vinculados a máis de 60.000 operacións cada ano, revela que a demanda de madeira da empresa xera preto de 178.000 xornais nos montes cada ano.
Máis compras na Coruña e Lugo
Entre 2011 e 2014, Ence comprou madeira en Galicia por valor de 388 millóns de euros e adquiriu bens e servizos forestais -diferentes á propia madeira- por uns 104 millóns de euros, o que equivale a unha media de 26 millóns ao ano. Esta actividade forestal desenvolveuse en 186 municipios distintos de Galicia, o 59 por cento dos existentes na comunidade. Ence mercou madeira nese periodo na práctica totalidade dos municipios da provincia da Coruña, no 88,71% dos municipios da provincia de Pontevedra, no 52,2% dos concellos lucenses e en pouco máis do 4% dos ourensanos.
Ence ademais xestiona en Galicia unhas 10.000 hectáreas de patrimonio forestal propio. A xestión do 54% desta superficie cumpre cos criterios de responsabilidade de FSC©, o selo de certificación máis importante do mundo na materia. Ademais, o 86% do patrimonio forestal de Ence cumpre cos estándares de sostenibilidade PEFC. De acordo ás conclusións alcanzadas polos investigadores da Universidade de Vigo, a compañía destinou á prevención de incendios entre 2012 e 2014 máis de 3,8 millóns de euros e realizou actividades de formación para preto de 2.000 propietarios forestais en toda a comunidade.
Emprego forestal
O informe da Universidade de Vigo presentado agora únese a un anterior realizado pola consultora KPMG, que no 2013 valorou o impacto económico da empresa e concluiu que Ence xera o 30% do emprego forestal na comunidade autónoma. A empresa, sinalaba KPMG, xera máis de 5.000 postos de traballo en Galicia e merca madeira ou servizos forestais a máis de 1.800 proveedores galegos, xerando o 28,7% do PIB forestal de Galicia.