Ence presentou os resultados correspondentes aos nove primeiros meses do ano, marcados pola depreciación do dólar fronte ao euro e a caída do prezo da celulosa, que alcanzou mínimos de 1.000 dólares/tonelada na segunda metade de agosto de 2025, para remontar nas últimas semanas
A compañía reduciu os seus custos operativos un 30% no negocio de Celulosa no terceiro trimestre e asegura que continuou avanzando na súa transformación nun fabricante de celulosas especiais, “altamente competitivo en custos unitarios fronte aos produtores de fibra longa e referente en ingresos por tonelada fronte aos de fibra curta”.
As vendas de celulosas especiais, cunha marxe por tonelada superior á da celulosa estándar en 33 euros, creceron un 30% en volume ata setembro e espérase que representen o 62% das vendas en 2028, incluíndo a nova liña de celulosa fluff de 125.000 toneladas de Ence Navia, que xa se atopa operativa e en fase de homologación.
Con esta liña, Ence converteuse no único produtor europeo de celulosa fluff a base de fibra curta, utilizada para a fabricación de produtos hixiénicos absorbentes e conta cunha posición competitiva única fronte aos produtores de fibra longa que importan desde EE.UU. con maior custo e pegada de carbono.
Enerxías: biomasa e biometano
Pola súa banda, a compañía continúa avanzando no desenvolvemento da súa plataforma de enerxías renovables diversificada baseada na biomasa. No terceiro trimestre, no negocio de calor industrial renovable iniciouse a construción de dous novos proxectos cunha produción anual estimada conxunta de preto de 85 GWht/ ano e pechouse un novo contrato para a operación e mantemento dunha planta xa construída, con produción anual estimada próxima ás 35 GWht.
No negocio de biometano, a carteira de proxectos xa conta con 18 plantas en fase avanzada de tramitación administrativa e outros 20 con localización e estudo de viabilidade completado, polo menos un deles en Galicia, na comarca da Limia (Ourense), mentres os proxectos de combustibles renovables continúan a súa tramitación administrativa.
Expectativas de recuperación
O prezo da celulosa tocou mínimos en agosto, desde entón os produtores mundiais anunciaron incrementos de prezos. Estas subidas xa se reflicten nos índices de referencia, con melloras de 60 $/t sobre os prezos brutos en Europa.
Ademais, a eliminación en setembro dos aranceis ás importacións de celulosa en EE. UU. xunto coas paradas de mantemento programadas polos principais produtores latinoamericanos no cuarto trimestre de 2025 (ao redor de 0,5 millóns de toneladas), deberían contribuír a consolidar esta tendencia positiva no mercado.
Resultados financeiros
Ata setembro, a compañía acumula un volume de vendas de celulosa de 732.406 toneladas, un 1,4% inferior ao mesmo período do ano anterior. Con todo, as vendas de celulosa, no terceiro trimestre, foron uns 13% superiores ás do mesmo período de 2024 e uns 8% superiores ás do trimestre anterior, mostrando a reactivación dos fluxos comerciais na industria tras a desescalada das tensións arancelarias.
Neste contexto de caída de prezos da celulosa, a compañía fixo un esforzo por reducir o seu custo medio por tonelada en 29 €/t no trimestre ata os 459 €/t. Así mesmo, lanzou un Plan de Eficiencia e Competitividade que se implementará no período 2025-2027. Este plan ten un potencial de aforro anual en cash cost de, aproximadamente, 22€/tonelada. Segundo trascendeu, a compañía prevé o despido de persoal das súas fábricas de Pontevedra e Navia en base ós procesos de automatización e mellora da eficiencia que está acometendo.
No que respecta ao negocio de renovables, o ebitda acumulado do ano ata setembro é de 18 millóns fronte a 21 millóns de euros no mesmo período de 2024. A caída de resultados débese á menor produción por operacións de mantemento realizadas no ano e a consecuente posta en marcha. No terceiro trimestre xa se mostra crecemento fronte ao trimestre anterior cun ebitda de 8 millóns fronte aos 4 millóns do trimestre anterior.
O fluxo de caixa libre, antes de investimentos en eficiencia e crecemento foi positivo en 12 millóns de euros no trimestre, a pesar dos baixos prezos de celulosa. A variación do capital circulante supuxo unha entrada de caixa de 18 millóns principalmente no negocio celulosa, derivado da redución de inventarios e da cifra de contas a cobrar ao recibir os 13 millóns de Certificados de Aforro Enerxético (incluíndo IVE) rexistrados no trimestre anterior.
Nos nove primeiros meses de 2025, a compañía obtivo un resultado neto atribuíble de -22 millóns de euros fronte aos beneficios de 41 millóns de euros do mesmo período de 2024.
A débeda financeira neta a peche do setembro situouse en 367 millóns de euros, con 264 millóns de caixa.
Galego









Control OJD