Tras a sinatura nas últimas semanas de varios convenios con asociacións de propietarios da Mariña lucense, Ence subscribiu recentemente un novo acordo para a compra de madeira de eucalipto con Promamañón, unha asociación de produtores de madeira do concello coruñés de Mañón, na comarca de Ortegal.
O convenio entre as partes recolle que Promamañón venderá ata 10.000 toneladas de madeira a Ence nos próximos seis meses. O prezo base acordado para a compra inclúe unha prima pola dobre certificación da madeira, de acordo cos estándares PEFC e FSC, un requisito de sostibilidade forestal esixido nos mercados internacionais ós que exporta Ence.
Promamañón, xunto con outros colectivos forestais da zona, impulsou a creación do grupo de certificación forestal Xesfonor, que colabora cos propietarios para facilitar a implantación das condicións de sostibilidade esixidas por FSC e PEFC.
O acordo entre Ence e Promamañón tamén inclúe a indexación do prezo da madeira ó da pasta de celulosa, de xeito que se este sobe, os produtores compartirán beneficios coa empresa. Ence tamén ofrece primas para a constitución de coutos redondos entre propietarios de parcelas circundantes que, no caso de sumar máis de 1.000 toneladas de madeira, beneficiaranse de primas que oscilan entre 1 euro por tonelada e 4,5 euros para unións de parcelas que sumen 10.000 ou máis toneladas de madeira.