Ence gaña 9 millóns de euros o último ano a pesar da caída do prezo da celulosa

Ence gaña 9 millóns de euros o último ano a pesar da caída do prezo da celulosa

Ence acaba de facer público o balance económico do pasado ano, no que gañou 9 millóns de euros, pese á caída do prezo da celulosa. Esta cifra é un 93% menos que o xerado no 2018. Tamén foi inferior o Ebitda, situándose en 127 millóns de euros, un 56% por debaixo do exercicio anterior. No caso do Ebitda, o negocio da celulosa supuxo 75 millóns de euros, un 69% menos, mentres que o das enerxías renovables se situou nos 52 millóns de euros, cun incremento do 15%.

Segundo apunta a firma, esta redución dos ingresos debeuse, en parte, á caída do prezo da celulosa. De feito, ó longo do 2019, Ence aplicou sucesivas baixadas no prezo da madeira de eucalipto. Tamén influíron as inversións previstas no plan estratéxico da empresa para ampliar a capacidade en celulosa e en enerxía renovable.

No último trimestre do ano a firma xa acometeu a ampliación da capacidade de 80.000 toneladas prevista para a fábrica de Navia (Asturias). Tamén realizou inversións na planta de Pontevedra, coas que mellorar a eficiencia e a calidade medioambiental.

Dende Ence apuntan que nestes primeiros meses do ano, o ritmo de produción das fábricas de celulosa está a superar os valores acadados no mesmo período do exercicio anterior. En canto a enerxía renovable, neste primeiro trimestre incorporaron fóra de Galicia dúas novas plantas de biomasa cunha capacidade de 96 MW, coas que están aumentando en máis dun 50% a xeración renovable no 2020. Ademais, Ence conta con proxectos de 405 MW con acceso a rede e localizacións aseguradas de solar fotovoltaica, biomasa e hibridación termosolar-biomasa.

Evolución dos prezos

O prezo da celulosa de fibra corta, a de eucalipto, comezou nestas últimas semanas a dar síntomas de recuperación, logo de situarse a niveis mínimos no último trimestre do 2019. Dende o sector apúntase a que o prezo podería subir a curto prazo debido ás interrupcións do abastecemento producidas tanto polo estancamento da produción en China, a causa do coronavirus; como da folga da industria en Finlandia.

Os prezos rexistrados na terceira semana deste mes sitúanse nos 621,39 euros por tonelada de pasta, con valores similares ós acadados no mes de xaneiro. Ó longo do mes de febreiro producíuse un lixeiro incremento do valor da celulosa (0,7%), con respecto ó promedio de xaneiro, pero aínda así o prezo sitúase arredor dun 30% por debaixo do marcado o ano pasado nos primeiros meses do exercicio. A celulosa cotízase nestes momentos en valores similares ós rexistrados a comezos do 2017, momento no que se produciu un importante incremento do prezo.

prezo celulosa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información