Ence e a start-up sueca ShareTex realizaron con éxito as primeiras probas de reciclado químico téxtil a través dunha innovadora tecnoloxía que non precisa de alta presión, temperatura, nin tampouco emprega disolventes tóxicos.
Esta tecnoloxía verificarase na planta piloto que Ence e ShareTex van poñer en marcha na localidade coruñesa de As Pontes e permitirá a fabricación de fibras téxtiles recicladas. No marco destas probas, abordouse un proceso que permite recuperar unha maior gama de produtos que a reciclaxe mecánica tradicional, entre os que se atopan aqueles cuxa composición presenta mestura de compoñentes (como sucede na maioría dos produtos téxtiles), integrándoos de novo na cadea de valor téxtil ou en produtos de alto valor engadido.
A posta en marcha da planta piloto de reciclaxe de residuos téxtiles de As Pontes é un proxecto
estratéxico para Ence, xa que se aliña coa aposta da compañía pola minimización do uso de recursos
naturais, así como un proxecto clave na estratexia de ShareTex para comercializar a súa tecnoloxía.
Así mesmo, estase poñendo en marcha o Consorcio Galego para a Reciclaxe Química de Téxtiles
Posconsumo cuxo obxectivo fundamental é fomentar a actividade investigadora no ámbito das
tecnoloxías de reciclaxe sostible en Galicia.
Esta institución esta integrada, entre outros, pola start-up sueca ShareTex, Ence, o Centro de
Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de
Compostela (CRETUS), o grupo EQ2 da Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, CETIM
Technological Centre, AIMEN Centro Tecnolóxico e as empresas do sector da reciclaxe téxtil Insertega e Coleo.
Ence levará a cabo un investimento de ata 355 millóns na realización das tres fases que contempla
o seu proxecto global en As Pontes; proxecto que asegura que xerará preto de 1.250 postos de traballo.
No que respecta a estas fases, a primeira suporá a posta en marcha dunha planta de fibra
recuperada na que se inclúe a planta piloto de recuperación de fibras téxtiles; a segunda contempla
unha planta de coxeración de 150 MW de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia
eléctrica; e a terceira, unha planta de papel tisú.